O último Trío de Ases da primeira volta déixanos dous empates na Terceira. O do Racing Vilalbés na Estrada e o do Polvorín na Cheda co Paiosaco. Na Preferente, o Viveiro sufriu para gañar en Laracha, o Ribadeo empatou co Mugardos e a Residencia fixo o propio no campo do Montañeros. E tres derrotas, a da Sarriana na Ribela co Noia, o Lemos caeu na Pinguela co Sofán e o Foz prolongou a súa mala xeira no campo do Xallas.
O Racing Vilalbés sumou un bo punto na súa visita ao Estradense (1-1). Non foi o mellor encontro dos chairegos, pero sacaron rédito da súa visita á Estrada. Tivo máis e mellores ocasións o cadro local. Javicho e Juanín gozaron da máis claras, pero a falta de puntería ou o acerto de Javi Pita desbaratáronas. Pasado o primeiro cuarto de hora chegou o tanto do Estradense, pero a expulsión de Iago Neira ao pouco de comezar a primera metade foi clave. O Racing colleu o timón do partido e cun gran Sandá xerou perigo. O propio atacante dos de Simón Lamas provocou o penalti do empate, que transformou Jose Varela. Sito e Sandá tiveron ocasións para darlle a volta ao encontro.
Empate sen goles do Polvorín na Cheda ante o Paiosaco (0-0). Encontro moi igualado e sen moitas ocasións. O filial albivermello levou o peso do partido, pero un Paiosaco moi ordenado e intenso frenou as acometidas do cadro local. Chiqui, que tería que saír lesionado preto do descanso, viu como o colexiado lle anulaba un tanto aos vinte minutos de partido por fóra de xogo. Os visitantes, que chegaban a este encontro no último posto da táboa, só deron sensación de perigo a balón parado. Na segunda metade, o Polvorín voltou levar a iniciativa, pero sen crear perigo ante a porta de Rama.
Xaime decidiu para o Viveiro un trabado encontro ante o Laracha (0-1). Non foi doado o encontro para o líder. O conxunto local demostrou ser un mellor equipo que reflicte a clasificación e malia que os viveirenses non sufriron en defensa, apenas gozaron de ocasión claras de gol en igualdade numérica. Tan só un disparo de Marino obrigou a intervir ao gardameta Pablo. A falta de dez minutos para o descanso, o Laracha quedou con dez e o Viveiro intensificou a seu dominio. Tichu e Iván gozaron de claras ocasións para marcar. O colexiado deixou con nove aos locales e foi cando Xaime sacou a relucir a súa calidade para decidilo encontro cun preciso lanzamento de falta.
O Ribadeo igualou ante o Mugardos no Martínez Otero (1-1). Empate entre dous conxuntos igualados na clasificación, e que disputaron un intenso encontro. O ex viveirense Nes gozou de dúas ocasións claras para os visitantes, mentres que Criss puido adiantar ao Ribadeo a falta de dez minutos para o descanso. Na segunda metade chegaron os goles. Unha indecisión defensiva dos mariñáns foi aproveitada por Artai, que anotou a porta vacía. Co marcador en contra, os de Rafa Casanova foron superiores e Luki, a piques estivo de acadala igualada, pero o gardameta do Mugardos enviou a córner. Tan só un minuto despois, Dani Moreno fixo penalti sobre Vizoso e Brais non errou desde os once metros. Tentou a remontada o Ribadeo ata o final, pero o marcador non se moveu.
A Sarriana non puido cun Noia en racha (1-2). Primeira derrota da era Peón. O encontro entre dous dos aspirantes ao ascenso rematou do lado visitante. Os de Iván Carril suman sete xornadas sen perder. Adiantouse o Noia desde o punto de penalti por medio de Nando e antes do descanso Quintairos puxo terra de por medio cun bo disparo desde dentro da área. A Sarriana non lle perdeu a cara ao partido e Mauro recurtou diferencias logo de superar a Pajarillo nun man a man. Tentárono os sarriaos ata o final, pero non chegaron ocasións claras. Xa co tempo cumprido, Héctor deixou aos seus en inferioridade logo de ver o segundo cartón amarelo.
O Lemos caeu ante o Sofán na Pinguela e complica a súa clasificación (0-1). Encontro trabado entre dous conxuntos que querían fuxir dos postos de perigo. Os de Edu Rodríguez avisaron aos poucos minutos, pero o gardameta visitante estivo acertado para evitalo remate de Denis. O partido entrou nunha dinámica de mediocampismo e imprecisións que provocou que escasearan as ocasións de gol. Adrián Díaz tivo a máis clara para o Lemos. Nos últimos intres da primeira metade, Carro protagonizou a única opción para os de Carballo. O marcador non se moveu ata o minuto 79. Un bo pase de Eibe superou a adiantada defensa monfortina e atopou a Alexandre, que de tiro cruzado batiu ao hoxe titular Arturo.
Un tanto de Veloso salva un punto para a Residencia ante o Montañeros (1-1). Os de Álvaro Meilán acadaron un punto moi positivo ante un rival directo pola permanencia, que ademáis se atopa nun bo momento de xogo e resultados. Kevin adiantou aos coruñeses aos dez minutos de partido, pero a Residencia non lle perdeu a cara ao encontro en ningún momento. Malia non ter demasiadas ocasións claras, o tanto do empate chegou a media hora para o final. Un córner sacado por Sergio rematouno Veloso no segundo pao.
Nova derrota do Foz ante un Xallas que xa o iguala na clasificación (2-0). Continúa a mala racha dos de Gayol, que ven como lles iguala na clasificación o cadro de Santa Comba. Encontro igualado no que xa na primeira metade ámbolos conxuntos gozaron de ocasións suficientes para abrilo marcador. Pero o gol non chegou ata os últimos minutos. Carlos aproveitou unha contra para deixar o encontro case que decidido. Os focenses non se rendiron malia o pouco tempo co que contaban, pero este factor aproveitouno o Xallas para sentenciar.