O Trío de Ases da Xornada 11 tráenos o goleada do Polvorín no campo dun histórico, o Rápido de Bouzas e o polémico empate do Racing Vilalbés no Morrazo anteo Alondras. Na Preferente, o Viveiro suma e segue, o Ribadeo aséntase na zona alta tras dobregar ao Noia e a Sarriana arrancou un empate do campo do San Tirso nun discreto encontro. Foz, Lemos e Residencia non puideron puntuar a domicilio.
Un tanto anulado no desconto, logo de que o colexiado lle dera validez en primeira instancia privoulle ao Racing Vilalbés de gañar no campo do Alondras (1-1). Dous tantos en dez minutos. Marwan adiantou ao conxunto local e na seguinte xogada Cuadrado acadou a igualada. Calquera dos dous equipos puideron desfacelo empate con todo o encontro por diante, pero o tanto non chegaría ata o minuto 93. Moreda anotou para os chairegos e o colexiado e os seus asistentes deron validez ao tanto. Logo das protestas do cadro local, cambiaron de parecer. Aínda que o empate tivo un sabor amargo, o Racing suma catro xornadas sen perder.
O Polvorín goleou ao Rápido de Bouzas e asoma a cabeza na clasificación (1-5). Logo do susto por un lanzamento ao pao do cadro local. Enseguida se repuxo o filial lucense. Rayco marcou o primeiro á saída dun córner e ao cuarto de hora de xogo Antón Escobar anota o segundo. O xogo directo do Rápido non inquedaba a portería de Julen e antes da media hora Rayco non erra desde os once metros. Tan só sete minutos despois culmina o seu hat-trick cun auténtico golazo logo dun pase de tacón de Álex Rey. Antes do descanso puido chegar o quinto, pero o lanzamento de Antón Escobar sacouno un defensa preto da liña. Na segunda metade, a reacción do Rápido non foi tal e Juan Brunet anotou o quinto. A falta de quince minutos para o final chegou o tanto da honra. Incluso Chiqui, preto do final puido incrementar a diferencia no marcador ao gozar de dúas ocasións claras. Os de José Durán seguen en postos de descenso, pero a tan só un punto da permanencia.
Cuarta vitoria consecutiva do Viveiro, desta volta pola mínina ante o Dubra (2-1). Debeu ser máis amplo o triunfo dos mariñáns, vistas as ocasións das que gozaron os de Chusky. Arturo anotou na primeira metade cun bo lanzamento desde fóra da área e Gerardo ampliou diferencias tras un servizo de Marino. O gardameta visitante Iván Baña realizou no tramo final varias intervencións de gran mérito e evitou a goleada. No tramo final Adrián Iglesias púxolle emoción a un encontro que o Viveiro controlou desde o comezo. Os mariñáns teñen catro puntos de vantaxe sobre o Fisterra que é segundo e seis sobre o terceiro e cuarto clasificado.
Un Ribadeo moi serio gañoulle ao Noia e engánchase á zona alta (1-0). Un fermoso tanto de vaselina de Criss logo dunha xenialidade de Poratti deulle ao Ribadeo os tres puntos nas Valgas ante un dos conxuntos máis fortes da Preferente. O Noia gozou de varias ocasións claras de gol por medio de Anxo e Hugo, pero un moi inspirado Carrera evitou o tanto visitante. Con trece dos quince últimos puntos en xogo acadados, os de Rafa Casanova sitúanse moi preto da zona de ascenso.
A Sarriana acadou un punto no campo dun San Tirso en racha (1-1). Os de Dani Fernández non foron que de gañar en Abegondo a un conxunto que lles puxo as cousas moi difíciles. Logo dun primeiro tempo moi trabado e case sen ocasións de gol o conxunto local adiantouse xusto despois do paso por vestiarios. Dani Xelo culminou con éxito un bo pase de Asti. O propio atacante puido sentenciar, pero errou en liña de gol. Que non o fixo foi Omar, que superou ao gardameta local logo dun servizo tras roubo de Javi Fraga. No cadro sarriao debutou a última incorporación, o central Nel.
O Foz caeu no campo do Sigüeiro e non pode enlazar dúas vitorias consecutivas (2-0). Terceira derrota en catro encontros para os mariñáns que non son capaces de escapar da zona de perigo. Foi mellor o conxunto local e subiu o primeiro tanto ao marcador por medio de Juan Castro, logo dunha pérdida de balón en mediocampo. Na segunda metade, tras un saque de esquina sentenciou o Sigüeiro. Foi titular na portería o xuvenil Alonso.
Derrota inmerecida do Lemos no campo dun Boiro en racha (2-1). Logo de tres triunfos seguidos chegou a derrota. Mereceu máis o cadro monfortino, que viu como se adiantaba o cadro local cun testarazo de Saviola. Foron superiores na primeira metade os de Edu Rodríguez. Armesto e Tazos tiveron ocasións claras para revertilo marcador. Na segunda metade melloraron os de Luis Santiago e ampliaron distancias cun tanto de Óscar ‘La Magia’ Martínez. Non se rendiu o Lemos, que recurtou diferencias por medio de Varela. A insistencia ata o final non tivo premio.
Terceira derrota consecutiva da Residencia ante un gran Mugardos (5-1). Os de ferrolterra pasaron por enriba dunha Residencia que tivo as súas opcións, pero a enorme pegada dos de José Luis Fontao rematou por deixar sen opcións aos lucenses. Marcou Adrián para os locales e respondeu o Adrián da Resi. Ámbolos dous tantos logo de saques desde o curruncho. Dous tantos do Mugardos puxeron terra de por medio, pero Dani Galán e Javi Raposo gozaron de ocasións claras para acadalo empate, pero non estiveron acertados. Na segunda metade, non houbo ocasións claras de gol, ata que nos últimos dez minutos sentenciou o conxunto local.