Segunda xornada de Preferente e segundo derbi provincial. Despois do disputado no Martínez Otero o pasado domingo, o calendario regálanos outro plato forte do fútbol provincial. Será na Ribela o domingo ás 18:30 horas entre o conxunto local, a Sarriana e a Residencia.

O conxunto local comezou a temporada arrancando un punto en Foz, nun encontro no que os de Dani Fernández xogaron en superioridade durante unha hora de partido. Malia todo, tan só Javicho, que debutaba coa camisola branca da Sarriana, foi quen de marcar para empatar nun campo complicado como é o Martínez Otero. Agora, coa intención de facerse forte no seu campo, pero co plantel aínda por conxuntar debido ao gran número de xogadores fichados na época estival, reciben a unha Residencia que comezou forte.

O conxunto lucense arrancou a temporada do seu regreso tal e como desexaba. Gañando na Cheda a un rival directo sen encaixar ningún tanto. E coa sensación de ser superiores ao Xallas. Coa intención firme de acadala permanencia e asentarse dunha vez por todas na Preferente, os de Álvaro Meilán son conscientes de que deben sumar o maior número de puntos posibles, sobre todo no seu feudo. Malia que a Sarriana parte cun obxectivo ben distinto ao da Residencia, os capitalinos non descartan dar a sorpresa na Ribela.

O último enfrontamento entre ámbolos conxuntos na Ribela remóntase cinco anos atrás. Foi o 14 de setembro de 2014 e rematou con empate a dous tantos. Pola Sarriana marcou Carnero e Marino, mentras que os goles da Residencia foron obra de Hugo e Roberto Besteiro.


Falamos cos capitáns de ámbolos conxuntos, Luisma (S.D. Sarriana) e Dani Galán (S.D. Residencia).
LUISMA (S.D. SARRIANA)

– O arranque de liga. «Xogamos nun campo complicado como é o Martínez Otero. Todo o que sexa sumar fóra de casa é bo. Tivemos ocasións para levarnos os tres puntos, pero non fomos capaces de que remataran en gol«.
– O encontro ante a Residencia. «Os derbis son todos complicados. O partido afrontámolo con moitas ganas, como tódalas xornadas, ante un rival complicado, pero non me preocupa sempre que nós fagamos as cousas ben«.
– Unha Sarriana moi renovada. «Vexo ben ao equipo, chegou xente con moita ilusión. Aínda nos temos que coñecer ben pero as sensacións son moi boas«.
DANI GALÁN (S.D. RESIDENCIA)
– A importancia de comezar sumando. «Sempre é bo comezar ben e coller confianza neste inicio de liga. Ademáis ante un rival directo e na casa. É un dos obxectivos que nos marcarnos, ser fortes no noso campo, xa que fóra vai estar moi caro sumar. Fomos merecedores do triunfo«.
– A Sarriana. «Será un partido durísimo, contra un rival chamado a estar nos postos altos. Ten grandes individualidades e xogadores con moita experiencia na categoría. Afrontámolo encontro coa tranquilidade e coa confianza que da comezar gañando a primeira xornada«.
– A Residencia ante o reto da permanencia. «Temos a favor que a base do equipo é a mesma que a pasada temporada, polo que nos coñecemos ben. O ano pasado tiveramos moitos cambios e sufrimos moito na primeira volta. O equipo ten ilusión que é o máis importante, e iso vese nos adestramentos, nos que somos case 25 cada sesión, o que amosa a ambición e as gañas de facer un bo papel e afianzarse na Preferente«.