Rematou a competición regular na Segunda Rexional. Resolveuse a loita polo ascenso. O Guntín e o San Roque fixeron os seus deberes e ascenden á Primeira. O Palas, o San Lázaro e o Oural quedaron ás portas. No norte confirmouse o descenso directo do Valadouro e no sur o do Sporting Lucense. Outros equipos están pendentes dos arrastres. Nestes momentos, a Comercial tamén baixaría a Terceira e a SD Becerreá e o Cospeito terán que agardar.
No grupo sur, a última xornada presentábase con cinco aspirantes ao ascenso, tres que dependían de si mesmos, un duelo directo e dous que finalmente ascenderon. O Guntín derrotou ao Palas e subiu de división. Nun Ladairo con moita cor. O laranxa dos locais e o azul dos que se achegaron dende a Ulloa. Unha final en liga regular que rematou cun comportamento exemplar. Nos intres finais pasouse do posible gol do Palas ao gol da vitoria do Guntín. Ao final, o cadro celeste fíxolle corredor aos locais. O San Roque era consciente do que tiña en xogo. Aínda que comezou perdendo, cumpriu coa súa vitoria como local ante o Incio. Dobrete de Emilio e de Bruno (con golazo incluido) para regresar á Primeira. Ao San Lázaro só lle faltou a derrota do San Roque para que se dera a súa combinación. Gañou ao Corgo e finaliza nun meritorio terceiro posto. Remata con seis vitorias consecutivas e doce partidos seguidos sen perder. Puntou sempre dende a chegada do adestrador Diego Rey. Pola súa banda, o Oural empatou na súa visita ao Baliño. Adiantouse no marcador, pero o Ferreira empatou na segunda metade. Remata na quinta posición, por detrás do Palas.
Na zona baixa, o Sporting Lucense cumpriu co seu papel de derrotar ao Monterroso B. Pero a SD Becerreá tampouco fallou na súa visita ao Santa Comba. O cadro adestrado por Lolo acompaña ao filial monterrosino no descenso directo. En cambio, a SD Becerreá terá que agardar acontecementos. Descendería no caso de que o Chantada Atlético fose arrastrado dende a Primeira. No resto de partidos sen cousas importantes en xogo, o Chantada B e o Bóveda igualaron a un gol. O central local Diego Moure completou todos os minutos da liga xogados. Os pupilos dirixidos por Cabanelas remataron na sexta praza. Sétimo quedou o Portomarín. A pesar de verse superado polo Brollón. Nun partido sen moita transcendencia, os da Proba puxéronlle máis intención.


No grupo norte, a emoción para a última xornada estaba pola zona baixa. Ningún dos dous equipos que se xogaban o descenso gañou e a situación quedou como estaba. O Valadouro perdeu na casa pola mínima ante o Roupar. Únese ao Cervo no descenso directo. A Comercial salva momentaneamente a categoría a pesar de só sumar un punto na súa visita ao Mondoñedo. Non obstante, descendería igualmente nestes intres por arrastres. Na Primeira Rexional hai un arrastre seguro. Esa posición é ocupada polo Sanci (que descendería ao grupo norte). Aínda pode saír dela, pero teno complicado. Tampouco está salvado o Cospeito. Un segundo arrastre para o grupo norte afectaríalle. Terá que estar ao tanto. Na última xornada empatou co Lourenzá. Despois de facerlle o corredor polo seu ascenso. Ademais boas novas para a base. O porteiro Seco, Diego e Ferreiro estreáronse co primeiro equipo. Iván Recalde volveu marcar un bo gol de falta. Remata a liga con 30 goles.
Co empate, o Lourenzá xa non puido lograr o título. Ademais o Folgueiro non fallou. Venceu ao Xermade a domicilio e proclamouse campión. Remata a competición con cifra redonda de goles. 100 goles marcados. O gol 100 foi marcado por Kiños, que aportou outros 19 máis. Aurelio aportou 32 e Oki 17. Non obstante, a honra do partido foi para Rubén. O capitán do Xermade retirarase nesta tempada. Foi o seu último partido de liga. Outro que se despide é Ros. Xa non volverá xogar co Mondoñedo logo de 14 temporadas. Unha lesión impídelle estar para a Copa. Non tiñan nada importante en xogo, pero a vitoria antes comentada supuxo que o Roupar remate terceiro a liga. O Guitiriz perdeu ante o Goiriz. O Meira derrotou ao Iberia e a Candelaria fixo o mesmo co Abadín. O cadro visitante acudiu a cita con nove xogadores. Carra volveu actuar como porteiro. Ademais o Cabreiros venceu ao Cervo nun partido con oito goles.
Esta entrega corresponde aos últimos onces que contarán para participar no All Star Futbolinlugo. Nuns días faremos o reconto para coñecer quen son os seleccionados da Segunda Rexional para participar dentro do campo da festa do fútbol lucense. Non obstante, seguirá habendo onces ata o remate da Copa. Non servirán para o All Star pero si para continuar informando do que pasa semana a semana nesta categoría.
