#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Os onces da 29ª xornada na Segunda

A penúltima xornada da Segunda Rexional resolveu os ascensos no grupo norte. O Folgueiro e o Lourenzá non fallaron. Xa son equipos da Primeira Autonómica. Pelexarán esta fin de semana por selo campión. Na zona baixa, o Cervo descendeu á Terceira. O Valadouro e a Comercial xogaranse a outra praza. Aínda que nestes momentos, por arrastres, descenderían os dous. Non se decidiu nada no grupo sur. Na última xornada o Guntín, o Palas e o San Roque dependerán de si mesmos para subir. O Oural e o San Lázaro tamén teñen algunha opción. O Becerreá e o Sporting Lucense loitan pola salvación. Un dos dous caerá a postos de descenso directo á espera de se hai algún arrastre.

No grupo norte, o partido no que practicamente se decidía todo quedou na casa. O Folgueiro derrotou no Boavista ao Guitiriz. Subiu de categoría e deixou ao seu rival sen opcións. O cadro adestrado por Anxo soubo xestionar ben a presión. O Guitiriz xerou boas oportunidades pero non estivo tan acertado. Non faltou a súa cita co gol Aurelio. Leva 32. Tampouco lle foi infiel ao gol, Iván Recalde. Marcou o da vitoria do Lourenzá ante o Cabreiros. Foi de penalti e con expulsión do porteiro incluída. No seu caso suma 29 tantos. Tres puntos que tamén significan o regreso á Primeira. O cadro local non tiña nada importante en xogo. Xogou sen oito dos habituais. Rematará a temporada na sexta praza.

Na zona baixa, o Cervo certificou o seu descenso de categoría. As posibilidades xa eran poucas. E o equipo viuse superado polo Meira. O cadro meirego quere ser sétimo. O Cospeito deu un paso case definitivo pola permanencia. Derrotou no duelo directo ao Valadouro. Non vai baixar do 13º porque ten o gol avarage favorable con respecto á Comercial (35 goles de diferenza no global). Só tería perigo no caso de que houbese dous arrastres. Situación pouco probable per posible. Pola súa banda o Valadouro ten un punto menos ca á Comercial. O conxunto da capital lucense superouno na clasificación ao vencer ao Xermade. De pouco lle valeu ao cadro xermadino o bo gol de Diego Pellón. A Comercial tentará evitar o posto de descenso directo na última xornada e terá que estar pendente dos arrastres. Coa situación nestes momentos, baixaría de división.



En principio, ningún do resto de equipos debera ter problema por manter a categoría. Só a Candelaria podería ter unha hipotética posibilidade de descenso. A pasada xornada empatou co Goiriz ao que supera en tres puntos na clasificación. Un hipotético empate a 32 puntos entre a Candelaria, o Goiriz e o Cospeito deixaría o cadro adestrado por Abel Eijo na 13ª posición. Posto no que sería arrastrado no caso de que haxa dous arrastres dende a Primeira que caian para o norte da Segunda. Repetimos, moi hipotético este caso. Noutros partidos da xornada sen nada importante en xogo, o Abadín e o Iberia empataron a dous goles. O cadro local xogou sen porteiro natural. Jony púxose baixo paus. Foi expulsado e Carra colleu as luvas no resto do partido. Noutro partido a priori sen gran valor clasificatorio, o Roupar venceu pola mínima ante o Mondoñedo. Os pupilos adestrados por Diego Dopico teñen opcións de acabar a liga na terceira posición.

No grupo sur, a xornada estivo condicionada polas derrotas de dous equipos da zona alta. Aínda así, o Palas e o San Roque se gañan, ascenden. Non obstante, o líder en solitario agora é o Guntín. Venceu a domicilio ao Monterroso B. Seis vitorias consecutivas. Semella que volveu ao liderado no momento axeitado. Non era líder dende a xornada 9. As súas opcións pasan por un deses partidos de liga que se converte en final. Xoga no Ladairo co Palas. O empate válelle aos locais. O cadro da Ulloa perdeu nos Chacotes co San Lázaro. Juanjo conseguiu igualar os dous goles de desvantaxe. Pero nos últimos intres a vitoria foi para os visitantes. O cadro adestrado por Quintela terá que gañar para ascender. O resultado deulle opcións de ascenso ao San Lázaro. Moi remotas, pero existentes. As opcións pasan por gañar, que perdan o Palas e o San Roque e que non gañe o Oural. Aválano os 11 partidos seguidos que leva sen perder. Si depende de si mesmo o San Roque. A pesar de perder no campo do Becerreá. De pouco serviu que se adiantara no marcador. Javi e Alejo deixaron tres puntos vitais na casa. O San Roque ascende se gaña no seu último partido polo duelo directo que van ter o Guntín e o Palas. Opcións tamén ten o Oural. Derrotou ao Chantada B e uniu a segunda vitoria seguida. Precisa gañar e que perdan o Palas e o San Roque.



Na zona baixa, xa co descenso confirmado do filial do Monteroso B. A outra praza vai ser para o Sporting Lucense ou a SD Becerreá. Ambos gañaron nesta xornada. De si mesmo depende o cadro de Becerreá. Venceu na vitoria xa comentada co San Roque. O seu rival derrotou a domicilio ao Bóveda. Só un hipotético arrastra da Primeira para este grupo provocaría que o 14º non se salvase. Quen xa respiran aliviados son o Brollón e o Santa Comba. O equipo dos Medos venceu pola mínima ao Ferreira. Tamén por un gol de diferenza derrotou o Santa Comba ao Corgo. No único partido sen nada importante en xogo, o Incio e o Portomarín empataron. Un punto que mantén aos dous na pelexa pola sétima praza.

Os onces da 29ª xornada na Segunda

Os sobranceiros da 2ª rolda da Fase

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *