#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Os onces da 28ª xornada na Segunda

Á volta da Semana Santa decidirase a Segunda Rexional. Quedan dúas xornadas. O Folgueiro e o Lourenzá xa dependen de si mesmos para ascender na última fin de semana de abril. Ao Cervo complícaselle a salvación. No sur, gañaron os tres primeiros. O San Roque, o Palas e o Guntín continúan empatados a 53 puntos. Na zona baixa só gañou o Chantada B que deu un paso de xigante de cara a salvación.

No grupo norte, o Folgueiro e o Lourenzá volveron dar outro paso máis. O cadro do Vicedo venceu na Granda á Candelaria. Dobrete de novo de Kiños e de Aurelio. 50 goles entre os dous na temporada. E 16 máis de Oki que tamén marcou na pasada fin de semana. Tridente letal. O duelo ante o Guitiriz en 10 días vai ser chave. Unha vitoria local no Boavista daría o ascenso. O Lourenzá tamén marcou cinco goles no seu partido co Cervo. Dobrete tamén de Recalde e de Montxo. Iván é o segundo goleador da categoría con 28. Na penúltima xornada non lle fará falta mirar para duelo entre os seus rivais directos no caso de gañar. Se suma de tres ante o Cabreiros, subirá de categoría. Pola súa banda, o Guitiriz aférrase as súas posibilidades. Derrotou a unha Comercial que segue en postos de descenso. Dobrete tamén de Javi “Tanketín”.

Perdeu as opcións de seguir loitando o Roupar. Caeu no derbi pola mínima ante o Xermade. O único equipo que nestes momentos ten opcións de ocupar o seu cuarto posto (catro puntos de diferenza). Sexto é o Cabreiros que enlazou a segunda vitoria seguida. Gañoulle a un Valadouro que continúa en problemas na zona baixa. A pesar de que con dous goles de Borja Orosa chegou a darlle a volta momentaneamente no marcador. O equipo xermadino aproveitouse da necesidade do rival para remontar o encontro en catro minutos. A sétima posición está aberta para os equipos que xa están salvados. O Meira é quen a ocupa nestes intres. Logo de vencer ao Abadín. Dobrete de Rubén Vidal. A un punto está o Mondoñedo que igualou ante o Cospeito. Empate sen goles. O Cospeito foi o único que sumou dos de abaixo. O encontro da vindeira xornada ante o Valadouro tamén pode ser decisivo. Outro que se suma a loita pola sétima praza é o Iberia. Gañou ao Goiriz, rival directo, e certifica a súa permanencia. Vitoria por dous goles. Os dous de Perotti. Estaban de rebaixa os dobretes esta xornada polo norte.



No sur, o San Roque comanda a clasficación unha nova semana. Venceu ao Santa Comba. O seu acerto desequilibrou o choque. Dobrete de Emilio incluído. Igual tamén estaban de oferta pola sur. Segundo é o Palas que volveu ao camino da vitoria na casa do Corgo. Dous goles tamén de Javier Ouro. O Guntín é terceiro. Quinta vitoria consecutiva. Con máis valor porque era un dos partidos da xornada. Distancia ao Bóveda en cinco puntos e déixao con menos opcións de ascenso. Gran ambiente no Ladairo. Aos visitantes finalmente non lles serviu de nada darlle a volta ao resultado inicial con dous goles de Dani López. O Guntín remontou no tempo extra. Na última xornada hai un Guntín – Palas polo que os tres de arriba dependen de si mesmos para ascender.

Ao non destacar ningún porteiro, colocamos no 11 ideal ao gardamallas menos batido da categoría nestes momentos

Con escasas opcións, aínda que matemáticas, quedan o Oural, o Bóveda e o San Lázaro. Iso si, o Oural volveu gañar. Levaba dúas xornadas sen facelo que mermaron as súas posibilidades. Derrotou ao Sporting Lucense nun encontró con 7 goles. Choque con alternativas. Os locais tiñan unha renda de dous goles na recta final. Pero os pupilos adestrados por Jorge Negrete lograron a remontada. O San Lázaro amosou a súa superioridade ante o Monterroso B. Tamén outro dobrete. Do dianteiro Julio. Dez partidos seguidos sen perder. A seis puntos da zona de ascenso. Pero un duelo co Palas na seguinte xornada que lle pode dar opcións. A sétima praza tamén está cobizada no sur. No punto onde se rompe a categoría. Nestes momentos está ocupada polo Portomarín. Venceu pola mínima a un Becerreá que se mantén igualado co descenso. Pelexan por ela outros equipos como o Incio. Derrotou ao Ferreira na súa casa e superouno na clasificación. Partido no que se gardou un minuto de silencio polo falecemento do pai do xogador do cadro amarelo, Marcos Pombo. O filial do Chantada respira tras vencer ao Brollón. Duelo directo por abaixo. Os tres puntos deixan encamiñada a salvación para os xogadores adestrados por Rodrigo Amarante. Aínda non definitiva.



Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *