Tan só tres xornadas restan para que se baixe o pano da temporada en Segunda Autonómica. Mentras no grupo Norte, FolgueiroLourenzáGuitiriz e tamén Roupar, aínda que con escasas opcións, se xogan os dous postos de ascenso, no grupo Sur ata seis equipos teñen opcións matemáticas: San RoquePalasGuntínBóvedaOural e San Lázaro, cos catro primeiros clasificados en tan só dous puntos. Precisamente, os que encabezan o pelotón perseguidor, enfróntanse este sábado ás 17 horas no Ladairo, nun dos encontros máis interesantes da xeografía lucense.


O Guntín é terceiro na táboa clasificatoria con cincuenta puntos, os mesmos que teñen os dous equipos que ocupan praza de ascenso. Logo de catro triunfos consecutivos, o último deles trascendental no campo do Oural, outro dos candidatos ao ascenso, os de Martín Rodríguez afrontan os derradeiros encontros de competición coa mente posta no encontro ante o Bóveda, dous dos conxuntos menos goleados da categoría. O Guntín non perde no seu campo desde o mes de novembro, sendo o Ladairo un dos seus puntos fortes.

Pola súa banda o Bóveda atópase un posto por debaixo do seu rival desta xornada, con dous puntos de desvantaxe sobre o tridente de cabeza. Penalizado pola súa derrota no Hermanos Somoza ante un San Lázaro en gran estado de forma, os de Cabanelas afrontan este encontro como unha auténtica final. Cun triunfo superaría ao Guntín cando menos, e afrontaría as tres últimas xornadas de liga ante rivais, a priori, máis asequibles. Ao revés que o seu rival desta xornada, o Bóveda é un conxunto máis fiable como visitante, caendo derrotado lonxe do seu campo en tan só tres ocasións.

Cabanelas tentará devolver ao Bóveda á Primeira Autonómica

No Guntín causará baixa por lesión Fran, mentras que no Bóveda non será da partida Joel, sancionado.
O último enfrontamento dos dous equipos en Segunda Autonómica no campo do Ladairo data do 18 de febreiro de 2007. Ese encontro rematou con triunfo do Bóveda por un tanto a tres.
Falamos do importante partido desta xornada con Yelko (Guntín) e Hugo (Bóveda), dous dos xogadores con máis protagonismos nos seus equipos
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
YELKO (C.D. GUNTÍN)
 – Boa racha nun momento clave. “O vestiario lóxicamente está ilusionado. Ninguén nos podía decir a comezo de temporada que estariamos a falta de tres xornadas nesta situación, xa que, somos un equipo totalmente renovado respecto ao do ano pasado. Agora só queda disfrutar do momento, e se soa a campá, benvido sexa”.
 – O encontro. “É un partido máis, no que buscaremos sacalos tres puntos como cada xornada, e máis xogando na casa. Ademáis contamos con ese plus de motivación de non querer desengancharse da zona alta. O Bóveda é un bo equipo, que como todo recén descendido só pensa en voltar subir canto antes”.
 – As posibilidades dunha final na última xornada. “Vendo como está a clasificación é moi posible que o encontro ante o Palas da última xornada sexa unha final. Se chegamos os dous con opcións, creo que vai ser un encontro bonito, dos que a todos nos gusta xogar. Agardemos que de ser así a balanza se incline para o noso lado. De tódolos xeitos, estar a falta de tres xornadas con opcións de subir é para estar orgullosos de nós mesmo, e remate como remate será unha gran temporada”.
HUGO (A.D. BÓVEDA)
 – Gañar para esquecela derrota. «Despois de perder contra o San Lázaro xa non dependemos de nós. Afrontámolo como un partido máis e imos intentar rematala temporada da mellor forma posible. Non temos ningún tipo de presión».
 – O Guntín. «É un moi bo equipo e cun bo adestrador. Pero eu sempre digo que o rival a batir somos nós mesmos, porque por momentos ímonos dos partidos e entramos noutro xogo que nos perxudica. De todo se aprende».
 – As dúas prazas de ascenso. «Creo que o segundo posto pódese determinar na última xornada. O primeiro creo que se decidirá antes. Para os equipos que temos opcións quedan unhas xornadas moi chulas».

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Terceira División

– Racing Vilalbés – Alondras C.F. (Domingo ás 17:30 horas na Madalena): un triunfo dos chairegos afastaríaos dos postos de perigo, pero o rival é de envergadura. Quinto clasificado, o Alondras pelexa por meterse na fase de ascenso por segunda temporada consecutiva.

Muiña marcou a pasada semana na Illa ante o Céltiga

Preferente Norte

– C.D. Foz – S.D. Sofán (Domingo ás 17:30 horas no Martínez Otero): unha das finais que lle restan aos mariñáns pola permanencia. Tres puntos vitais ante un rival nunha posición cómoda na táboa, pero moi difícil de dobregar.

– Viveiro C.F. – Noia C.F. (Domingo ás 17 horas en Cantarrana): un dos mellores encontros da Preferente. Os de Chusky precisan un triunfo para deixar ao cadro visitante a cinco puntos na clasificación e recuperar o segundo posto.

Arturo, con dous goles, foi decisivo no derbi ante o Ribadeo

– S.D. Sarriana – S.D. Dubra (Sábado ás 17:30 horas na Ribela): os de Alberto López reciben a un dos conxuntos máis en forma da Preferente, que debido a un mal comezo non se atopa pelexando polo ascenso. O triunfo antóllase vital para seguir loitando pola segunda praza.

Primeira Autonómica

– U.D. Xove Lago – U.D. Outeiro de Rei (Domingo ás 17 horas no Municipal): tres derrotas consecutivas puxeron ao cadro local de novo na pelexa por evitalo descenso. Enfronte, un Outeiro de Rei a tan só dous puntos dos postos de ascenso.

O Xove Lago precisa dos goles de Juanjo Coello para acadala permanencia

– S.D. Residencia – Atlético Escairón (Domingo ás 17 horas na Cheda): os de Álvaro Meilán precisan tres puntos para conservalo posto de ascenso directo. Non o terán doado ante os do Saviñao, que non perden desde o 3 de febreiro.

Segunda Autonómica

– A.C.D. Xermade – S.C.D. Roupar (Sábado ás 17 horas no Municipal): derbi xermadino no que o equipo local, xa sen aspiracións, recibe aos de Diego Dopico, que se xogan seguir con opcións de ascenso nas dúas últimas semanas.

Terceira Autonómica

 – A.D. Matela – Celta Barreiros (Domingo ás 17 horas en San Lourenzo de Aguiar): o cadro local, cun marcador moi adverso do encontro de ida, tentará darlle a volta á eliminatoria ante un Celta que chega lanzado ao playoff.

– A.D. Catro Roldas – S.C.D. Milagrosa (Domingo ás 17 horas na Canteira): o triunfo pola mínima dos capitalinos outórgalles unha lixeira vantaxe neste encontro de volta, ante un Catro Roldas que venderá moi cara a súa pel.

A Milagrosa afronta un complicado encontro de volta ante o Catro Roldas

– S.D. Castroverde – S.D. Antas (Domingo ás 17 horas na Veiga do Olmo): o cadro local afronta no seu feudo o encontro de volta logo do gran marcador obtido no Castro Seoane. O Antas buscará a machada.

 – C.D. Sober – C.D. Río Sil (Sábado ás 18 horas en Centeás): no derbi soberino, os da Carqueixa fixeron valer o factor campo e agora defenderán a renta de dous tantos no feudo do seu gran rival.

Primeira División Galega Feminina

 – S.D. Antas – S.D. Tordoia (Domingo ás 12 horas no Castro Seoane): trascendetal encontro para as rapazas de Melendo xusto antes do derbi coa Milagrosa. Se gañan alcanzarán ao seu rival e superarano no golaverage, no que serían tres puntos claves para evitalo descenso.

Segunda División Galega

 – S.G. Comercial – Imperator Oar (Sábado ás 18 horas no Rodríguez Lago 2): as lucenses reciben a un conxunto situado seis puntos por debaixo. Unha boa opción para achegarse á metade da clasificación.

– Carballedo C.F. – Sporting Burgo (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): complicado convite para o conxunto local. Reciben ás terceiras clasificadas, aínda que algo irregulares nas últimas xornadas.

 P.M. Friol C.D. Lugo B – Portazgo S.D. (Domingo ás 17:30 horas na Reigosa): o filial do conxunto lucense quererán rematala temporada sen coñecela derrota. O rival vén de acadar tres triunfos consecutivos.

Liga Feminina Fútbol 8

 – S.D. Burela – C.D. Obrero (Domingo ás 17 horas no Anexo á Marosa): outra xornada máis nas que as burelás buscarán un triunfo que lles de o liderato da competición, nun fin de semana que pode ser máxico para o deporte de Burela.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*