Pouco a pouco imos chegando o remate da temporada e comézanse a marcar os obxectivos de cara as últimas xornadas de competición. Esta pasada fin de semana deixou claro que a provincia de Lugo vai ter un equipo, o Lugo B, loitando ata o final por conseguir o ascenso á Terceira División. E tamén que a salvación para dous dos conxuntos da provincia, Sarriana e Chantada, complícase cada vez máis, sobre todo polas dinámicas que arrastran. Isto e máis, vese reflectido no noso once.
O Lugo B deu un golpe de autoridade ao derrotar por 3-0 ao Laracha, co que estaba empatado a puntos na zona de promoción de ascenso. O cadro de José Durán conseguiu ademáis o gol average a favor. Un partido sen fisuras no que destacaron homes como Óscar Rivas que ademáis anotou un gol, Luis Díaz e Dani Renda que abriu o marcador. A semana que vén chega o segundo clasificado a Lugo, o Estudiantil e un triunfo local deixaría aos albivermellos en zona de ascenso directo.

O Escairón perdeu a sexta praza en favor do seu rival, o Xallas co que caeu por 1-0. Cos resultados da xornada, unha vitoria deixaría aos do Saviñao a cinco puntos do play-off. Agora o equipo de Alberto López seguirá pelexando por quedar o máis arriba posible. O mesmo propósito téñeno o Ribadeo e o Viveiro que onte se enfrontaron no derbi da Mariña. Lévarono os da Mariña Oriental que souberon aproveitar mellor as súas oportunidades e foron máis prácticos. Rafa Casanova volveu selo motor do Ribadeo, no que tamén destacaron Isma e Jacob. No Viveiro Erni foi un dos que máis empeño lle puxo. Ambos equipos seguen na metade da clasificación.
O Lemos sumou tres puntos moi importantes de cara a salvación. Venceu por 1-0 a un rival directo coma o Mugardos con gol de Diego Arias e segue 15º. Peor sorte correron os outros equipos lucenses da zona baixa. O Chantada caeu goleado por 6-0 ante o Arzúa nun partido no que no tivo opcións e que o deixa a catro puntos da salvación sen contar arrastres. De goleada tamén perdeu a Sarriana, 5-1 ante o Soneira (que marca a zona de salvación ainda que nestes momentos descendería por arrastres) aínda que foi quen de adiantarse no marcador. A pesar dos cinco goles, o porteiro Saúl tivo unha salientable actuación que impediu que a derrota fose máis abultada.

