#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Os sobranceiros da Terceira na 19ª xornada

A falta de tres xornadas para rematar a competición regular, non se cantou ningún ascenso na Terceira Rexional. O Paradela tíñao na man no grupo sur. Pero empatou en Quiroga e a vitoria do Castroverde non lle beneficiou. Todos se xogan algo no sur da provincia. No norte, as primeiras posibilidades de subir virán esta próxima fin de semana. O Muimenta depende de si. O Alfoz xogará o sábado e o domingo estará pendente de San Lourenzo de Aguiar.

No grupo sur, o Paradela desaproveitou a segunda oportunidade consecutiva de confirmar o seu ascenso. Empatou sen goles no San Martiño ante o Quiroga. Gran ambiente na bancada para presenciar o duelo entre o primeiro e o segundo. Alternativas no choque. Ninguén foi quen de superar a portería rival. Adri García (ex do Bóveda e do Rubián) estreouse cunha boa actuación como gardamallas do Quiroga. Gachán volveu facer un bo traballo na defensa. O cadro adestrado por Rubén Bergantiños non volverá xogar ata a última xornada. Agardará un fallo do Castroverde para celebrar sen xogar. O cadro verde volveu a terceira praza. Venceu pola mínima no duelo directo co Antas. Aínda que nestes intres impide que matematicamente o Paradela sexa equipo de Segunda; semella que a súa loita por ascender directamente está co Quiroga. Tres puntos de diferenza. Nove en xogo para os dous, o gol average empatado e lixeira vantaxe do cadro quirogués na diferenza global de goles marcados e recibidos. A mesma distancia está o Antas. E cun enfrontamento directo co Quiroga na penúltima xornada.

A loita vai máis aló. Os postos de promoción de ascenso tampouco están asegurados. Complétanos nestes momentos os dous equipos soberinos. O Río Sil é quinto logo de vencer e superar na clasificación ao Taboada B. Isma liderou aos locais cun dobrete e un bo traballo defensivo. Andrés, David Potente e Noé fixeron o propio nun filial taboadense molesto coa arbitraxe. Na sexta posición está o Sober, a pesar de perder ante un Relámpago moi vivo na pelexa. Adrián guiou a vitoria cun dobrete. Tamén destacaron Pablito na defensa e Iván a pesar da súa lesión. Pola súa banda, o Lemos B e o Rubián empataron sen goles. O filial lemista afrontou o partido con baixas pero deixou unha boa imaxe. Os visitantes tamén se entregaron con Víctor e Miguel guiando ao equipo. Un resultado que non lle beneficia a ningún. Pero seguen con opcións de meterse na promoción.



No grupo norte, o Muimenta e o Alfoz mandan con máis tranquilidade. Os dous gañaron e o Matela perdeu. Seis puntos sepáranos do Catro Roldas que ocupa agora a terceira praza. O Muimenta venceu con claridade ao Rioaveso. Incluso Basi aproveitou para dar minutos aos menos habituais. Hugo, Irimia e Cristian lucíronse no Pichón. Houbo sete goleadores distintos polos celestes. Xa dependen de si para ascender. Cunha vitoria regresan á Segunda. Teñen o gol average a favor con respecto ao Catro Roldas e ao Matela. Nese sentido non está na mesma situación o Alfoz. Ten vantaxe con respecto ao Catro Roldas pero ten igualado o gol average co Matela. Aínda así, nestes momentos a diferenza no taboleiro global de goles marcados e recibidos é favorable ao cadro alfocense. Todo despois de vencer con claridade ao Lugo Unión. Sousa e Dani destacaron no ataque coa parella Valea e Legaspi solvente como case sempre na defensa. Jacobo Rivas continúa sendo o menos batido da liga.

Un dos partidos da xornada estaba en Román. O Catro Roldas derrotou ao Matela e superouno na clasificación (están igualados a puntos). Mario e Arrieiro na defensa e Cleno e Esteban Boo no ataque levaron o peso dos da Canteira. Adrián “Torito” con dous goles e o mediocentro Camiño foron os máis sobranceiros no Matela. Ademais, a Milagrosa sacou tres puntos importantes ante un Fonsagrada que atravesa unha mala xeira no peor momento da tempada. Na primeira metade competiu ben. Os goles da Mila decantaron o choque na Segunda. Lucas e Regueiro foron os mellores nos visitantes. A mala xeira do conxunto fonsagradino provoucou que o Celta Barreiros regresase a postos de promoción. Acompañado, evidentemente do seu bo momento. Sufriu para vencer no Catro Ventos a un bo Cazás. Álvaro decantou o choque cun dobrete. Dani Chinchón na súa estrea, Roberto Blanco e Jorge tamén sobresaíron. Nos locais, Iago marcou un bo gol que os mantivo no partido, xunto coa irrupción de Bruno na segunda metade dende o banco. No encontro coa honra en xogo, o Celeiro venceu ao Friol B. Silva rematou un contraataque cunha boa vaselina. Varias ocasións do cadro da Mariña na Reigosa. Roca foi o máis destacado nos locais.

Os onces da 23ª xornada na Segunda

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *