Xornada que tan só nos deixa a derrota do Castro, de entre tódolos representantes lucenses de Terceira e Preferente. Triunfos de Polvorín, Viveiro e Sarriana como locales, así como do Foz no campo do Estudiantil. Empate insuficiente do Racing Vilalbés que segue en descenso, e do Ribadeo no Pepe Barrera.
O Polvorín deu un golpe enriba da mesa ao dobregar na Cheda ao Arousa (3-2), un dos candidatos a entrar no play off de ascenso. Cacharrón tivo que intervir aos cinco minutos nun lanzamento de Chiqui, pero o filial lucense adiantouse pouco despois con gol de Antón Escobar. Co devir do encontro, os arousáns fixéronse con mando do partido creando perigo a través de centros laterais e surtindo de balóns a Sylla, a súa referencia ofensiva, que preto do descanso igualou o partido cun remate de cabeza logo dun córner. Na segunda metade o guión foi o mesmo. Os de Rafa Sáez tiveron o balón e de novo Sylla tivo o gol nas súas botas, pero Cacharrón detivo o seu lanzamento. O Polvorín sacudiuse do dominio visitante e nunha gran xogada de Antón Escobar, a piques estivo de marcar Rayco. O canario non errou na seguinte ocasión, aproveitando un balón ao espacio de Varo e o dianteiro supero por velocidade á defensa arousana. A falta de cinco minutos para o final, Sylla igualou o encontro, pero os de José Durán non se deron por vencidos, e Rayco colleu por sorpresa á defensa e superou por alto a Manu Táboas. Así, o Polvorín segue fóra dos postos de descenso a Preferente.
O Racing Vilalbés rachou a xeira de tres derrotas consecutivas, pero tivo que conformarse co empate na Madelena ante o Barco (1-1). O cadro chairego volveu a estar condicionado pola súa falta de gol e segue en postos de descenso. Adiantáronse os de Simón Lamas cumprido o cuarto de hora de xogo por medio de Make, que anotou desde a frontal logo dun rexeite. Aos pouco minutos, David Álvarez igualou o marcador nun gran lanzamento de falta. Na segunda metade, os de Valdeorras comezaron levando a iniciativa, pero pouco a pouco o Racing foi gañando presencia arriba. Make, Xusto e Buyo tiveron as ocasións máis claras pero non acertaron. Diego Villares foi titular no día do seu retorno á Madalena.


O Viveiro retorna a postos de ascenso directo logo de golear ao Ordes en Cantarrana (5-0). Os mariñáns saíron moi enchufados e fixeron méritos dabondo para sentencialo encontro na primeira metade. Rolle fixo o primeiro aos oito minutos de xogo, e Marino, que volvía ao once logo da lesión ante o As Pontes, o segundo. Na segunda metade, Arturo desde o punto de penalti puxo terra de por medio, mentras que nos derradeiros dez minutos, dous xogadores que entraron desde o banco, Yoel e Xesús completaron a manciña.
Cuarta xornada sen perder da Sarriana, que gañou na Ribela ao Negreira por dous tantos a un. Os de Alberto López son cuartos a dous puntos do Viveiro. Moi superiores os sarriaos nunha primeira metade na que o rival só tirou unha vez entre os tres paos. De tódolos xeitos, non chegou o gol ata o minuto vinte. Boa xogada de Rubén Díaz que deu o pase da morte a Mauro que rematou a pracer. A falta de oito para o descanso, nunha cesión de cabeza ao porteiro, o máis listo da clase, Mauro, interceptou o balón e fixo o segundo gol, oitavo para él no que vai de temporada. Na segunda metade baixou o ritmo de xogo e o Negreira gozou dalgunha ocasión para reducilas diferencias, pero a Sarriana sempre tivo o control do partido. No minuto 92, Caamaño levou en velocidade aos defensores e anotou para os nicrarienses.
O Ribadeo non puido pasar do empate a un gol ante o Boimorto nun Pepe Barrera que acusou as choivas dos últimos días. Os visitantes levaron a iniciativa do encontro na primeira metade, pero os mariñáns, moi prácticos, aproveitaron á perfección os erros do rival. Xa no primeiro minuto, Vizoso puido marcar, pero o seu remate saiu fóra por escasos centímetros. Non errou pouco despois. Mal despexe do central do Boimorto e gran pase de Javicho a Vizoso que non perdonou. Os de Dani Fernández tiveron ocasións para empatar por medio de Figurín e Nieto, pero Javi Prieto estivo acertado. O Ribadeo, moi perigoso á contra, puido poñer terra de por medio en dúas ocasións de Aitor, pero non foi quen de superar a Cortés. O mellor xogador do Boimorto neste encontro, Nieto acadou o empate cun potente remate, axustado ao pao, desde fóra da área. Na segunda metade, os de Rafa Casanova foron moi superiores ao rival. Cortés convertiuse en héroe no Boimorto realizando varias paradas de mérito, sobre todo nun cabezazo de Poratti en un remate de Pablo Rivas. A entrada de Adrián Barrera deulle aire ao Ribadeo en ataque. Na súa cabeza estivo o triunfo, pero o colexiado anulou o tanto, no que foi a xogada máis polémica do partido. Luismi desde trinta metros probou a Javi Prieto, pero o xove gardameta respondeu con acerto, no que foi o único achegamento visitante nos segundos corenta e cinco minutos.

Triunfo moi importante do Foz no campo do pechacancelas Estudiantil (1-2). Os de Gayol sobrepuxéronse ás numerosas baixas, sobre todo na pacela defensiva, e acadaron a terceira vitoria nas catro últimas xornadas. Asier adiantou aos focenses aos catro minutos e Gonzalo antes da media hora ampliou as diferencias. Puido sentenciar o Foz nos últimos minutos da primeira metade con dúas ocasións claras, así como outra de Asier na reanudación. Os da Estrada recurtaron diferencias desde o punto de penalti e nos derradeiros minutos, cun fútbol directo buscaron o empate. Os mariñáns defenderon o marcador sen pasar demasiados apuros. Os xuvenís Jorge e Álex Carreiras tiveron minutos neste encontro.
Derrota do Castro no Arturo Pereiro ante o Xallas (1-3) ante o Xallas, que chegaba cunha racha de catro encontros sen gañar. Os chairegos puxeron en apuros ao rival e foron quen de adiantarse no marcador, ao comezo da reanudación, por medio de Javi Fraga. Dez minutos máis tarde Marcos acada o empate e pouco despois chegou a acción clave do encontro. Dumi despexa o balón de xeito defectuoso e o árbitro interpreta man do zagueiro local. Penalti moi dubidoso que transforma Julián. Unha decisión que sacou do encontro aos de Brais Prados que recibiron o terceiro moi preto do final, por medio do ex ribadense Iván González, nun remate desde dentro da área.