#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Os onces da 15ª xornada na Segunda

O Guitiriz e o Bóveda remataron a primeira volta meténdose en postos de ascenso directo, mentres que o Folgueiro e o Palas acabaron como campións de inverno. O cadro do Vicedo foi un dos protagonistas da xornada coa súa goleada ao Xermade. Tamén Julio Castro, que presentou a súa dimisión definitiva como adestrador do Valadouro. Ademais no sur, o Corgo e o Oural son dous dos beneficiados da xornada.


No grupo norte, o Folgueiro volveu ao camiño da vitoria goleando a un rival directo como é o Xermade. O cadro adestrado por Anxo aproveitou os erros rivais na primeira metade e incluso fallou un penalti. Na segunda sentenciou, Aurelio marcou un hat-trick e xa suma dezaseis tantos que o manteñen como máximo goleador do grupo. A derrota do Xermade aproveitouna o Guitiriz para gañar o seu encontro ante o Goiriz e volver a postos de ascenso directo. A expulsión do xogador Alfonso para o Goiriz no primeiro cuarto de partido condicionou o choque. Aínda así, o equipo vilalbés deu a cara e perdeu pola mínima.

Outra das novas da xornada foi a dimisión de Julio Castro como adestrador do Valadouro despois do empate ante un Roupar que está sufrindo un pequeno baixón con tres partidos sen gañar. A decisión xa a tiña tomada dende hai tempo, pero Julio estaba agardando a que o club buscase un substituto que polo de agora non se coñece oficialmente. O Valadouro acudiu a cita con once xogadores (co gardamallas Álvaro como futbolista de campo), adiantouse no marcador e Tomás detivo un penalti.

Na parte alta mantéñense o Lourenzá logo de vencer ao Cospeito; e o Cabreiros que derrotou ao Cervo. Na zona media continúa a Candelaria que rescatou un punto nos últimos minutos cando ía perdendo 0-2 co Abadín. Abel Eijo estreouse como adestrador do conxunto de Cervo. Na parte baixa, destacou o triunfo pola mínima da Comercial ante o Mondoñedo. Os dous equipos quedan empatados a 16 puntos na clasificación, xunto co Iberia e co Abadín. O equipo de Reinante empatou a dous goles co Meira na reestrea da Lomba onde Farra marcou un dobrete.



No grupo sur, o Palas mantén o liderado ao vencer nun dos partidos da xornada ao Guntín. O equipo visitante xogou parte do partido cun futbolista de campo como gardameta, xa que Javier xunto con Diego e Pablo tiveron que ir ao hospital por choques cos rivais. O Bóveda pasou a ocupar o segundo posto logo de gañar ao Chantada B e aproveitar outros resultados da fin de semana. O filial chantadino comezou gañando, pero o conxunto preparado por Cabanelas deulle a volta antes do descanso. O gardamallas Marcos Macía acaba a primeira volta como o que menos encaixa do grupo sur. Ademais da derrota do Guntín, Ferreira e San Roque perderon os seus encontros. O equipo de Pantón caeu ante un Oural que se achega a parte alta; mentres que o San Roque non puido sacar ningún punto da súa visita a un Incio que saíu das posicións de descenso directo.

No duelo por comprobar quen se aproximaba máis aos postos altos momentaneamente entre o Corgo e o San Lázaro, saíu vitorioso o cadro adestrado por Vivian Dors. Un dos xogadores chave volveu ser Debasa, que marcou os catro goles do seu equipo (os dous últimos cando o marcador era 2-3) e consolídase como o máximo goleador da categoría na provincia con 17 goles. O Portomarín perdeu a oportunidade de meter máis presión na zona alta logo de sumar un punto na súa visita Os Medos ante o Brollón.

Na zona baixa, ademais da vitoria do Incio, destacou a do Santa Comba no duelo directo coa SD Becerreá que cae a postos de descenso. No equipo adestrado por Diego Mejuto volveu aos terreos de xogo, o central Omar, logo de seis meses sen xogar. Tamén venceu o Monterroso B que logrou o primeiro triunfo da temporada xogando como local ante o Sporting Lucense.



Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *