Na arte do chifre non se pode andar con bromas. Comprobouno un servidor a pasada fin de semana no habitual torneo de Nadal que organizou a Peña de Árbitros 9,15 de Lugo e que xuntou a árbitros de todo Galicia e do noroeste peninsular. E que os colexiados tamén teñen o seu dereito a meterse na pel dos futbolistas. Neste torneo si que se pode andar con brincadeiras, de feito é para o que está pensado. Non obstante, o camiño da arbitraxe é ben distinto e niso Lugo tamén ten especialistas; e, incluso, exporta talentos. Óscar Carballo (4-07-1983, Moscán – O Páramo) suma a súa sexta temporada dirixindo partidos na Terceira División de Cataluña. Pero tampouco esquece as súas orixes e segue traballando a prol da arbitraxe lucense como presidente da Peña que reúne aos árbitros da Delegación de Lugo. Aproveitando as súas vacacións de final de ano e a undécima edición dun xa clásico do Nadal conversamos co colexiado Carballo.
Futbolinlugo: Que valoración fas dunha nova edición do torneo de Nadal da Peña Árbitros 9,15?
Óscar Carballo: Levamos dende o ano 2003. Un ambiente moi bo: festivo, con deportividade e onde o obxectivo é pasalo ben.
Fil: Os árbitros protestan cando xogan?


OC: Pódese dar algunha situación algo conflictiva, pero non hai ningún problema.
Fil: Son diferentes aos xogadores, entón?
OC: Hai xogadores que protestan máis e outros que o fan menos. Hainos moi deportivos tamén en todas as categorías. Dende a Rexional ata ao fútbol profesional.

Fil: Como xurdiu no 2003 a idea de organizar este torneo?
OC: Viñan uns compañeiros de Palencia e organizamos uns partidos entre Ourense e Lugo. E aí foi como comezou a medrar. Ao principio eramos tres equipos e chegamos a xuntarnos máis de 300 persoas nalgunha edición.
Fil: Daquela tiñades a peña xa?
OC: Foi xusto ese ano, no 2003.
Fil: Cal é o seu significado para os árbitros de Lugo?
OC: A idea é xuntarse non só arbitrando; para non ir só o partido e marchar para a casa. Xuntámonos, fanse ceas, viaxes en Semana Santa, material deportivo…como unha familia.Fil: No plano máis persoal continúas coa túa carreira en Cataluña, como te atopas nesta temporada 2018/2019?
OC: Levo 13 temporadas arbitrando en Terceira División e teño a ilusión como o primeiro día. Cando entrei aquí estaba Corral xa en 3ª División, De la Fuente,… sempre ídolos para min. Desde o primeiro día que entrei levo a arbitraxe no corazón.
«En Cataluña non é a familia que somos en Lugo»
Fil: Por que marchaches a Cataluña?
OC: Estou alí traballando. Como non poido vir aquí habitualmente comecei alí. A acollida foi moi boa e o nivel de fútbol, quizais, é un pouco superior. Hai moitos máis equipos ao ser unha cidade tan grande como Barcelona. A nivel arbitral é un pouco máis artificial; no sentido de que non é a familia que somos en Lugo. Na miña delegación somos 600 persoas. Coñécelos e vas facendo trato con eles, pero non é o mesmo ca en Lugo que somos sobre uns 70. Vas cear ou tomar algo por aí e é moito máis cercano.
Fil: Superior a terceira catalá á galega?
OC: Máis ben no que é o fútbol base porque a Terceira galega é bastante forte tamén a nivel de equipos. De feito vese que nas fases de ascenso tampouco ascenden os catro cataláns. Ascende un ou dous como os galegos.
Fil: Gustaríache volver arbitrar aquí en Galicia?
OC: Co tema das idades, quedaríanme seis anos para arbitrar en Terceira División se manteño a categoría. Ascender non poido ascender. Sinceramente non me vexo arbitrando aquí en Galicia. Alí en Cataluña estou moi ben e moi contento. É certo que aquí estaría cos amigos, pero non o vexo.
Fil: Aínda así, dende a distancia continúas como presidente da Peña en Lugo, como se manexa?
OC: Cos medios que hai hoxe en día é cuestión de quedar nunhas cousas e que cada quen se encargue das súas tarefas. Ademais na directiva somos oito persoas e imos organizando entre todos.
«Saco moi poucos cartóns por protestar»
Fil: E no tema das protestas, hai diferenzas con respecto a un sitio ou outro?
OC: Penso que agora a xente protesta menos. Eu saco moi poucos cartóns por protestar. Hai partidos que son complicados, pero habitualmente non se adoita protestar xa moito en Terceira.
Fil: E que visión teñen en Cataluña da figura do árbitro?
OC: Hai unhas campañas moi fortes en medios de comunicación contra a violencia nos terreos de xogo. Se nalgún partido hai algún problema, párase o encontro. A xente está bastante civilizada nese aspecto. Pero si que se ten que moderar moito máis. É unha profesión na que parece que levamos o insulto involucrado.
Fil: Que opinas da polémica?
OC: A temporada que vén van meter o sistema da videoarbitraxe na Segunda División. O VAR está solventando moitos partidos. Sempre se crea algunha polémica porque dende fóra pregúntanse por que entra nunha xogada e noutra non. Aínda que realmente no regulamento estipula as tres maneiras nas que hai que entrar.
Fil: Temos os medios de comunicación parte de culpa na creación da polémica?
OC: No fútbol todo o mundo aporta. Pero hai ás veces cousas que venden máis ca outras. Seguramente venda máis o erro ca o acerto. Vender que un equipo perdeu por un erro do árbitro, igual é máis fácil ca vender que o perdeu porque un xogador fallou un penalti. Non é que sexa culpa dos medios de comunicación, pero sempre se lle dá máis importancia a polémica.
Óscar Carballo en curto…

Fil: Con que partidos dos que arbitraches te quedarías?
OC: Un de asistente. O ano pasado. Promoción de ascenso a Segunda División entre o Murcia e o Elche na Nueva Condomina. Había 30.000 persoas no campo. A nivel de Galicia quedaríame con moitos aos que fun de asistente con Corral. Era ir arbitrar tres amigos.
Fil: E algún xogador destacado ao que arbitraches?
OC: Algún hai. Álex Bergantiños, Emilio Viqueira,…e tamén clásicos do fútbol lucense, pero agora así de repente non me sae ningún (risas).
Fil: Algún soño que che quede por cumprir?
OC: Desde que comecei sempre tentei aproveitalo ao máximo. Se poido pitar un partido de promoción de ascenso, unha semifinal da Copa Cataluña ou unha semifinal da Copa Federación, mellor. Pero obxectivo non o planificas porque tampouco está nas túas mans. Eu agora xa non poido ascender. O que teño que facer é disfrutar da categoría, dos compañeiros e intentar quedar sempre o mellor posible.