#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Os onces da 13ª xornada na Segunda

Aprétase a clasificación nos primeiros postos do grupo norte da Segunda Rexional despois da vitoria do Xermade no derbi ante o Roupar, aínda que o cadro verde continúa en postos de ascenso e o Folgueiro segue liderando. Pola contra, si houbo cambio de líder na zona sur xa que o Palas aproveitou o empate do San Roque para colocarse no máis alto da táboa. O descanso desta fin de semana servirá para cargar pilas antes de afrontar a que será a última xornada do 2018 (na fin de semana do 15 e do 16); que supón tamén, a penúltima da primeira volta.

O derbi xermadino foi bronco e reñido, como se prevía, no que resultou decisivo o saque dende o recanto no que os locais marcaron o gol. O Xermade volve unir dúas vitorias seguidas e roza de novo os postos de ascenso directo; queda a un punto do Roupar que cortou a súa xeira de seis triunfos consecutivos. Por riba deles, continúa o Folgueiro que continúa intratable no Boavista e venceu con claridade á Candelaria. Na cuarta posición queda o Guitiriz que igualou a 3 goles a domicilio ante a Comercial. Na súa particular escalada, aínda que de diferente xeito, seguen o Cabreiros e o Lourenzá. O cadro adestrado por Abel Rochela levouse os tres puntos grazas a un bo primeiro tempo no que puido marcar máis goles (Isma anotou dous); no segundo o Valadouro deu a cara, pero non estivo acertado de cara a gol. Pola súa banda, o conxunto laurentino remontou o seu duelo ante o Cervo que se quedeu cun xogador menos sobre o campo por expulsións. Os irmáns Santamariña marcaron cadanseu gol.

A partir de aí, parece que se rompe a clasificación a falta de dúas xornadas para rematar a 1ª volta. Desa zona baixa destaca o triunfo do Abadín no duelo directo ante o Meira. O cadro meirego tivo unha falta de actitude na segunda metade a pesar de que comezaron gañando cun gol ao inicio dese segundo tempo. Os locais lograron remontar cun gran Álex que marcou un bo gol que supuxo naquel momento o 2-1. Tamén sobresae a vitoria do Iberia que é o primeiro equipo en levarse os tres puntos do Ventiño ante un Goiriz que fixo un dos seus peores partidos do curso e suma cinco xornadas sen gañar. Ademais, o Mondoñedo empatou en Cospeito e o equipo da Fonte continúa como pechacancelas da competición.

O Palas volve recuperalo liderado do grupo sur. Unha posición que xa ocupara na cuarta xornada. O equipo adestrado por Quintela venceu a un equipo da parte alta como o Corgo e suma tres vitorias seguidas. Un primeiro posto que deixou o San Roque, logo do seu empate na casa do Santa Comba onde houbo unha parta para cada equipo. Terceiro é o Guntín que continúa sen volver ao camiño da vitoria despois de seis xornadas sen vencer. A pesar diso, só está a tres puntos do ascenso directo. Tampouco o rival era propicio para recuperar as sensacións dos tres puntos, xa que o Bóveda tamén está na parte alta cun punto menos. Aí pegado tamén está o Ferreira que derrotou con tres goles de diferenza no seu domicilio ao Incio. O gardamallas César volveu deixar a súa porta a cero e é o porteiro menos batido do grupo a estas alturas de tempada.



Máis igualdade no sur ca no norte

Dende o terceiro clasificado (Guntín) ata o penúltimo (Incio) pódese ir baixando postos e descontando un só punto de diferenza. De 22 a 13 puntos. Esta igualdade tamén se traslada aos encontros, xa que acaban varios en empates. O Brollón e o Chantada B empataron nun encontro no que os goles chegaron ao final. Adiantouse o cadro de Os Medos por medio dunha falta lateral e nos últimos intres o filial chantadino igualou cun lanzamento directo de Hugo. Non obstante, a balanza tamén se desequilibra por momentos como a contundente vitoria da SD Becerreá que antes do tempo de lecer xa lle gañaba 5-0 ao Portomarín e terminou vencendo 6-1. Tamén vitoria do Sporting Lucense ante o Oural pola mínima nun partido con 5 goles. Nestes momentos o único equipo que se atopa máis descolgado na táboa é o Monterroso B que volveu perder desta volta ante o San Lázaro. O filial monterrosino está a 10 puntos do Incio que o precede.



Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *