Entra marzo e con el o tramo decisivo da temporada, mesmo na Terceira Galicia a vindeira xornada xa será a última en canto a competición regular se refire. Desta maneira as notas Futbolinlugo tamén se ven influenciadas por aquelas actuacións que poden resultar decisivas o final de temporada.
A figura: Chungui do Xermade
Diego Bellas «Chungui» anotou os dous goles no partido que o Xermade gañou por 2-0 ante o Mondoñedo. En cinco minutos (os que van do 60 o 65) marcou os dous tantos que ademais de permitir a terceira vitoria seguida do conxunto xermadino, colócanos na segunda posición da táboa. Un posto que lles daría o ascenso directo á Primeira Galicia.
O ás: Gabi do Castroverde


Gabriel Rodríguez foi o auténtico protagonista a pasada fin de semana por Castroverde. O equipo da Terceira Galicia grupo sur xogou dous partidos entre o sábado e o domingo. Por un lado, ante o Becerreá ao que golearon por 7-0; e por outro, un encontro aprazado co Relámpago Taboada ao que tamén derrotaron por un contundente 7-1. Gabi emerxeu como o ás ao anotar entre os dous partidos catro goles en apenas sesenta minutos desputados. Con este triunfo o Castroverde é segundo a un punto do líder, o Portomarín.
Nin pé con bóla: SD Muimenta
O Muimenta volveu colleitar esta xornada unha nova derrota na Segunda Galicia grupo norte. O equipo cospeitense caeu derrotado na súa visita ó Cabreiros por 3-0. O peor non é a derrota ante un dos equipos da zona alta, se non que a mala traxectoria do equipo complica a situación. Levan catro partidos sen gañar de maneira consecutiva e son antepenúltimos con dous puntos de vantaxe sobre o Cospeito que marca zona de descenso, pero condicionados polos posibles arrastres.

Demasiado intenso: Candelaria
Emilio Mendes foi sancionado cun encontro despois de ser expulsado no partido no que o seu equipo derrotou por 4-3 ó Cospeito. Segundo a acta do partido, a Emilio caeulle o cartón vermello por dirixirse de maneira non axeitada aos árbitros. Tamén foi sancionado o delegado do equipo. A Candelaria atópase na zona tranquila da táboa clasificatoria con 32 puntos.