Son árbitro. Árbitro dende fai seis anos, aínda que é certo que xa antes había un colexiado en min. En min e en cada dos que amamos este paradóxico deporte chamado fútbol. Porque moitas veces nos damos conta do pouco que sabemos.
Tiven a sorte de “medrar” rápido no fútbol, o que me permitiu afastarme dos chanzos máis baixos deste deporte, onde se forman os rapaces e onde o fútbol pódese chamar fútbol, pero ca vantaxe e, sobre todo, a seguridade de ve-los touros dende a barreira, porque tamén é nestas categorías onde estamos máis desprotexidos.
Neste senso xorden numerosas paradoxas, unha delas o papel que exercen os pais dos nenos sobre eles. Un rol contraproducente, se esta expresión non é o suficientemente feble. No deporte, os rapaces atopan unha forma máis de educación e os exemplos que observan nas bancadas, sen dúbida, está moi lonxe de ter un tinte

didáctico. Nunha idade na que a competitividade non é un valor nato aínda nos rapaces e na que debería primar por riba de todo o benestar deportivo dos nenos, estes actúan nunha atmosfera cargada de agresividade e de estímulos externos negativos.


Nunha sociedade que tenta avanzar por momentos, o ‘deporte rei’ mantense distante de calquera tipo de evolución. Xa non no fútbol base, senón na profesionalidade, onde tamén é complicado encontrar un bo exemplo para os máis pequenos. Ao fin e ao cabo a base é un reflexo do que se observa na elite e podemos estar ben seguros de que queda moito camiño por facer.
Juan Davila, colexiado vigués da Terceira División
