Pasan os anos e o Riotorto segue dando guerra na Primeira Autonómica. Na última temporada, mantívose pelexando polo ascenso ata preto do final, e na presente malia as dúbidas que poideran xerar as dúas derrotas iniciais, xa acumula nove xornadas sen coñecela derrota, e mira de reollo aos postos de ascenso.

Falamos con Ramón Labrada, o seu adestrador, xa asentado no banco da Veiga, que nos conta como ve ao seu equipo, e a unha categoría cada vez máis esixente, na que o seu equipo resiste de xeito sobresaínte.

Labrada, no banco da Veiga

FUTBOLINLUGO: Nove xornadas sen perder e vides de gañar no Acebreiro, un dos campos máis complicados da categoría.

LABRADA: Si, estamos no mellor momento desde que comezou a temporada. Fomos sempre dando pasos cara adiante. Aínda que mantivemos o bloque do ano pasado, incorporáronse bastantes xogadores novos e precisamos un tempo para acoplarnos. Esta semana tivemos os contratempos das lesións de Cristian e Gabi, que xunto coa de Play son son baixas importantes, pero creo que temos un plantel compensado para poder suplilas.

«As derrotas sempre xeran incertidume, pero confiaba no equipo e sabía que os resultados iban chegar»

FIL: Visítavos este domingo o Chantada Atlético, un conxunto da zona baixa da clasificación, pero que gañou os seus dous últimos encontros, un deles ante o Taboada.

L: Aínda que é un equipo recén ascendido xa estivo recentemente na categoría, e ten un bo nivel en tódalas liñas, con dous bos centrais, pero destaca sobre todo na parcela ofensiva, e agora conta con Iago Otero que é un bo xogador. Posiblemente lle costara adaptarse de novo á Primeira pero agora xa está nunha boa dinámica e non nos porá as cousas nada sinxelas.

FIL: O comezo de liga con dúas derrotas consecutivas fíxoche dubidar ou sabías que era os resultados chegarían?

L: Non podemos facer valoracións por dous encontros nin tampouco por estes nove que levamos agora sen perder. Debemos ter unha visión máis global. Esta racha non quere decir que vaiamos estar arriba, queda moita liga. Os resultados son os que mandan, e as derrotas sempre xeran algo de incertidume. Levamos xa anos no fútbol e sabía que tardaríamos máis ou menos, pero o equipo iba ir cara adiante e tiña confianza nel.

FIL: Ademáis recuperastes para o fútbol e sobre todo para o Riotorto a un histórico como Felipe Varela.

L: Si, está aínda comezando, e ao mellor “abusamos” un pouco del ao ter baixas na zona de ataque. O máis positivo é que non ten molestias da lesión e agora está collendo tono físico. Estes partidos son a súa pretemporada particular. É un xogador que nos aporta moito en tódolos aspectos.

«Logramos crear unha plantilla con máis profundidade que a do ano pasado, pese a ter baixas importantes»

FIL: E forma un ataque espectacular, con Manolo, Gabi, Kevin…pasa por ser un os dos mellores da categoría.

L: Temos xogadores en ataque que nos dan moitas opcións. Ademáis dos que mencionas tamén Alberte e Play, pero moitas veces non é cuestión de alinear moitos atacantes, senón de buscar un equilibrio que nos permita ser potentes en ataque sen descoidala defensa.

Once inicial do Riotorto ante o Outeiro de Rei. Foto: Facebook Riotorto

FIL: A temporada pasada a estas alturas de liga erades líderes con 26 puntos, sete máis que esta temporada. Pode ser debido a que a Primeira teña máis nivel este ano?

L: Moi posible. O nivel da categoría creo que subiu, pero nós a pasada temporada arrancamos de xeito espectacular, cunha dinámica moi boa. Logo non nos respetaron as lesións e tivemos uns partidos sen sumar, pero logramos manternos na pelexa case ata o final. Este ano tentamos facer unha plantilla con máis profundidade e creo que o logramos, malia ter baixas importantes como Brais, Jesús Pablo…

«O rural está cada vez máis despoboado e ter un equipo en Primeira nun pobo como Riotorto será cada vez máis complicado»

FIL: Sorpréndete que conxuntos como Burela, Pol e Friol que veñen de Segunda esté ahí pelexando cos que veñen de Preferente?

L: Lograron facer moi bos equipos. O Friol con Brais, Rafa Casanova ten un bo plantel, o Burela igual e ademáis reforzouse agora con Diego Hermida e o Pol ten tres xogadores que fai moi pouco xogaban en Terceira no Castro, e logo Yeray que o ficharon da Sarriana. Son equipos con moito potencial que reflexan o que é esta categoría, e calquera ten nivel para competir cos teóricamente mellores deste grupo.

FIL: Este feito tamén lle da incluso máis valor ao traballo que estades a facer no Riotorto? Por situación xeográfica e o tamaño do concello.

L: En tódolos anos que levo aquí, que xa son cinco, sempre demos pasos cara adiante en tódolos aspectos: organizativo, de corpo técnico que agora somos tres, deportivo, e os resultados fóronnos acompañando sempre. Mantivemos unha base e xogadores que forma o núcleo principal do equipo, xente de Riotorto, da comarca de Meira e Terra Cha e tamén de Lugo. É moi complicado manter un equipo nesta categoría con xente da zona, o rural está moi abandonado, coa pobación moi envellecida e moitas veces é imposible atopar xogadores. Por sorte Riotorto conta cun núcleo de persoas que quere que haxa fútbol no pobo. Agardemos que a situación do rural mellore, pero lamentablemente tende a estar cada vez máis despoboado.

FIL: O Lemos parece que está un peldaño por enriba dos demáis, pero o pelotón perseguidor é moi amplo é amplo e ata o momento parello.

L: Si, o Lemos ata o momento está xogando outra liga e gaña os partidos con moita solvencia. Pero o fútbol son dinámicas e as cousas cambian rápidamente. Logo somos moitos equipos os que podemos estar ahí, será clave manter unha regularidade para estar ahí arriba, xa que a segunda posición véxoa moi aberta.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*