Inauguramos sección: Ilustres emigrantes. Queremos coñecer a todos eses lucenses perdidos na emigración futbolística. Non son moitos, pero ‘habelos hailos’. Un deles é Edgar Díaz. Así que imos coñecelo. Deixámosvos xa co propio Edgar, que nos relata a súa historia balompédica.

«Empecei xogando na Residencia. Aos once anos marchei ao Lugo. Pasei por tódalas categorías. En Infantís fomos campións de Liga e semifinalistas no campionato galego. Logo, en cadetes de primeiro ano rematamos quintos na Liga Galega. Cuartos, no meu segundo ano de cadetes. O cal nos serviu para ascender á División de Honra Cadete. Co paso a xuvenís, empecei a rotar co equipo de Galega e o de Honra, que finalmente descendeu a Nacional. No segundo ano de xuvenís, logramos o ascenso e a conseguinte volta á División de Honra. Rematando en oitava posición na miña última experiencia coma xuvenil.

Era o ano 2000 e o Lugo non tiña filial coma agora. O normal por aquelas era firmar ficha co Lugo por tres anos, nos que facías a pretempada co primeiro equipo. Iso ou ben ir para a Milagrosa na Preferente. Por aquelas, os de Frigsa tiñan un convenio de filialidade cos do Ángel Carro. Decidín falar co coordinador do Lugo e marchei para Cerceda. A Terceira División agardábame. Daquelas, o adestrador era Ramón Piña. Dixo que contaba conmigo. Aínda así, eu tiña un home que me levaba o tema do fútbol. E este preferiu que fose para o Lalín, tamén na Terceira División. Alí fago moi boa pretempada pero o míster, Acevedo, non contaba moito conmigo.

Nese momento, o técnico da Milagrosa fala conmigo e dime que vaia con él porque xogarei. Que o convenio co Lugo vaime beneficiar. Arrinco para alí. E descubro que o convenio case non existía. Só para os adestramentos e pouco máis. Ata o 2002. Ano no que o Lugo, presidido por Eliseo Corral, desfíxose do adestrador do primeiro equipo. Conxunto que colleu entón José Durán, actual técnico do Polvorín-Lugo B. Este subiume adestrar co primeiro equipo tódolos días e deume a oportunidade.

José Durán deume a oportunidade

Ao ano seguinte, decidín facer a pretempada co Lugo na Terceira División. Ballesta era o míster. Fixen unha boa pretempada pero pensaron que o mellor era cederme ao Castro. Con eles logro o ascenso a Preferente. A raíz disto desvinculeime do Lugo e fun tres anos para o Racing Villalbés, dous para o Viveiro e tamén ao Foz con José Durán, aquel que apostara no seu dia por min. Logo, motivos persoais provocaron que parase ano e medio de xogar. A miña seguinte aventura sería xa nas Illas Baleares.

Edgar Díaz, na súa etapa en Viveiro

Lonxe da casa, firmei polo UE Petra, onde conquerín un novo ascenso a Preferente. A tempada seguinte xa sería xogador do Manacor, da Terceira Balear. Clube no que xa levo tres tempadas. O primeiro ano descendemos, o ano pasado quedamos preto de play offs e esta tempada ascendemos a Terceira a falla de varias xornadas para o remate da competición. Teño que dicir que non puiden ir adestrar no tramo final por problemas de saúde da muller. Aínda así, considérome partícipe deste ascenso.

Chegados a este punto debo dicir que hoxe en día os rapaces que rematan xuvenís teñen máis facilidades para seguir defendendo as cores do Lugo. É o que ten ter equipo filial, así coma diversos convenios con clubes de Galicia. Algo que na miña época era imposible. Deste xeito, perdéronse xogadores dun alto nivel. Era unha época na que case non había equipos lucenses na Terceira. Nin se preocupaban por estes xogadores. Hoxe en día o fútbol lucense está moi ben por esas facilidades que teñen de seguirse formando os que rematan a súa etapa xuvenil».

Comparte
                                 

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*