Tardaron en chegar, pero aquí están. A Segunda e a Terceira Rexional xa poden dicir que coñecen a súa folla de ruta. A penúltima categoría do noso fútbol sénior masculino comezará na fin de semana do 15 de setembro. Coincidirá case en tempo coa publicación da 2ª guía elaborada por Futbolinlugo en colaboración con El Progreso. A Terceira Rexional comezará a competición unha semana máis tarde. Lembramos que os equipos antes da liga regular, xa xogaran partidos oficiais. A 1ª rolda da Copa na finde do 8 de setembro.

A Segunda grupo norte comeza sen derbis entre equipos do mesmo Concello. Os recén ascendidos estrearán a competición fóra da casa. O Alfoz visita ao San Ciprián, que baixou o ano pasado; o Celta Barreiros vai xogar coa Candelaria e o Muimenta enfrontarase ao Iberia. O outro dos equipos procedentes da Primeira, o Sp. Pontenova empeza o campionato na Mina ante o Roupar. Outros dos partidos serán o Cospeito – Goiriz; Meira – Xermade; Abadín – Guitiriz e Mondoñedo – Cabreiros. 

O Goiriz – Cospeito será un dos partidos da primeira xornada na Segunda Rexional

Os derbis entre equipos do mesmo municipio serán barreirenses, cospeitenses e xermadinos. Na xornada 5 (12 de outubro) chegará o Xermade – Roupar. Na xornada 8 (2 de novembro) o Cabreiros – Xermade. Na mesma xornada volve un dos derbis por excelencia na Terra Chá. O Muimenta – Cospeito terá primeira sede no Pichón. Na xornad 9 (9 de novembro) complétase a triloxía de duelos xermadinos na 1ª volta co Roupar – Cabreiros. E na penúltima xornada (12 de xaneiro) virá outro dos pratos fortes. Farase agardar o Iberia – Celta Barreiros. Ademais destes encontros, dada a proximidade dos equipos haberá moitos outros con cheiro a derbi.

Pódese consultar o calendario completo: CALENDARIO 2ª AUT – Norte (1).

A Segunda grupo sur comeza, por exemplo, cun Corgo – Paradela. Un dos goleadores destacados da categoría como é Debasa xogará ante o seu ex equipo. Os outros dous recén ascendidos encetan a liga na casa ante dous dos aspirantes ao ascenso a campaña anterior. O Río Sil recibirá ao Palas e o Quiroga ao Oural. O Páramo, que vén de descender visitará a casa da SD Becerreá. Namentras os duelos restantes serán entre equipos que se coñecen do curso pasado: Chantada B – Bóveda; Santa Comba – Brollón; San Lázaro – Ferreira e Incio – Portomarín. 

No grupo sur da Segunda, non haberá partidos entre equipos do mesmo municipio (agás o San Lázaro – Santa Comba na xornada 8 – 2 de novembro). Pero aínda así haberá moitos duelos de proximidade.

Pódese consultar o calendario completo: CALENDARIO 2ª AUT – Sur (1).

O Castroverde será o equipo que descanse na 1ª xornada da 3ª Rexional. Foto: Mariluz Fagín

A Terceira grupo norte abrirase coa estrea en competición do Viveiro CF B que xogará no Catro Ventos ante o Cazás. Tamén aparece na listaxe o Nuevo Nausti. Pendentes aínda da súa saída ou non a competir. Xogaría o seu primeiro derbi de equipos vilalbeses ante o Rioaveso Machinango. Tamén aparece outro equipo con moitas complicación para saír a competir, o Valadouro. O cadro amarelo xogaría co Matela. Outros partidos serían o Comercial – Fonsagrada; o Celeiro – Friol B e o Catro Roldas – Lugo Unión.

Se finalmente consiguen saír todos os equipos, algo que semella complicado a estas alturas serían 12 equipos no grupo norte. Coa inclusión, un ano máis, da Fonsagrada que leva xogando na zona norte dende a súa creación. E tamén da Comercial que o ano pasado xa xogou na zona norte na Segunda Rexional.

Pódese consultar o calendario completo: CALENDARIO 3ª AUT – Norte (1).

A Terceira grupo sur suporá o debut do Carballedo. Ademais será na casa do Taboada B, equipo que o ano pasado foi adestrado polo novo míster do Catro Ventos, Txiki. Como son once equipos, un descansará por xornada. Na primeira será a quenda do Castroverde. Outros partidos son o Lemos B – Milagrosa; Antas – Relámpago Taboada; Sober – Rubián e o Sporting Lucense – Monterroso B.

Pódese consultar o calendario completo: CALENDARIO 3ª AUT – Sur (2).

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*