O Incio xa é líder en solitario no grupo polo ascenso ao sumar a súa segunda vitoria, nunha xornada na que non se disputou o encontro entre o Fonsagrada e o Corgo por mor da espesa néboa que impedía a visibilidade no Gómez Besteiro. No trofeo Delegación, no grupo norte o filial do Friol é o primeiro clasificado nunha fin de semana na que descansou o Muimenta; pola súa banda, no grupo sur o Laxosa, que descansou nesta xornada, segue encabezando a clasificación. Unha vez máis, os sobranceiros levan premio.

Na fase polo ascenso, o Incio tomouse en serio o inicio e venceu ante un Catro Roldas que de pouco lle valeu o gran gol de Iván Amado dende o centro do campo a balón parado; nin tampouco a parada de Jairo nun lanzamento de penalti, xa que no rexeite acabaron marcando os locais. No Incio destacou o bo traballo de Torres e Urdi dentro dun gran nivel colectivo. Con catro puntos está a Comercial logo de vencer ao Goiriz cunha boa actuación do central Kevin. O equipo adestrado por Cora tamén fixo un gran partido e tivo en Eladio un dos seus homes máis destacados. No outro encontro, o Cervo resarciuse logo de perder o primeiro partido e venceu a domicilio ante o Sober con Adrián Álvarez sendo un dos protagonistas no terreo de xogo.

 

 

No trofeo Delegación de Lugo, no grupo norte, o Friol B é o líder ao sumar dúas vitorias despois de vencer ao Rábade cun gran partido de Casanova con dous goles. O primeiro equipo lidera na Segunda, o filial faino na Terceira e os veteráns na súa liga. Semana para recordar para o Friol CF. Segundo xa é o Celta Barreiros que xogou o seu primeiro encontro e fíxoo ao grande, vencendo ao Rioaveso con cinco goles todos eles marcados por Djibi. Destacaron tamén Simón, Guty e Damián xogando cunha defensa de tres. No outro encontro, Cazás e Celeiro empataron a dous goles despois de que os locais se adiantasen por dúas veces. O equipo adestrado por Martín Rodríguez tivo que cambiar o porteiro por lesión (xogada polémica na que o árbitro finalmente concedeu o gol para o Cazás) na primeira metade e xa non lles quedaron máis cambios. No Cazás, marcou o seu primeiro gol en partido oficial Carlos e o central Ángel fixo un gran encontro, mesmo salvando algún balón na raia de gol, complementando o bo traballo do porteiro Fernando.

No grupo sur, ninguén superou ao Laxosa que descansou e mantén o liderado. O Quiroga derrotou ao Río Sil e volveu ter como protagonista ao xuvenil Manduas que anotou un gran gol e fixo un bo partido, xunto co seu compañeiro Jose. O equipo visitante chegou moi mermado polas baixas e aínda por riba lesionaronse os dous centrais no partido. O Paradela tamén comezou con bo pé logo de remontar o tanto inicial do Guntín nun gran choque de Javi López que marcou o segundo e definitivo gol. No outro partido o Relámpago Taboada e o FC Becerreá empataron a un gol.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*