Dende un tempo ata hoxe, xace na miña mesa de noite a obra que leva por título o deste artigo. Que ninguén se me asuste; é un libro de literatura infantil, de lectura rápida e de comprensión sinxela. Foi un agasallo recibido nalgún momento da miña vida e que nunca tiven a necesidade de ler. E menos unha segunda vez, pero supoño que nos últimos anos sucédeme o que a algunha xente. Síntome contrariado co tema este da pelotiña. Pero non por unha cuestión en concreto, senón por moitas. A explicación quizais sexa sinxela, “faste maior e dispáranse as preocupacións” dinme.

Con todo, farei o esforzo por centrarme nun único aspecto: o da violencia no fútbol. Esta fin de semana celebramos o Día Internacional do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz. Este sábado 6 de abril conmemorouse a inauguración dos primeiros Xogos Olímpicos da era moderna (1986). Celébrase dende o 2013. Pretende que empreguemos o deporte como ferramenta educativa, de mellora e de benestar social; onde a paz sexa o eixe vertebrador.

E que, gústenos ou non, a diferenza doutros deportes as discusións, as pelexas, os insultos,…están presentes nos campos de fútbol, redes, foros e bares; sobre todo nos bares. Que sería sen os bares do noso país. Do mesmo modo, mantemos unha longa e incomprensible relación cos feitos. E non só iso, permitímolo. Federacións, clubes, seareiros, directivos, xogadores e medios pouco facemos ó respecto creando un sistema onde todos gañamos e ninguén está realmente contento.

Curiosamente, o fútbol, especialmente o profesional, evoluciona a unha velocidade vertixinosa, lonxe do que ocorre no fútbol afeccionado. Son eles, ó meu pesar, os que dispoñen dos mellores medios e recursos, incorporando ó persoal de maior preparación e con maior capacidade de intervención. Pero se hai algo no que estamos á par, ese é o tema da violencia. Neste senso, non hai diferenciación. Dá igual a categoría ou o nivel, o pobo ou a cidade, incluso a idade, xa que en calquera evento, persoas moi dispares poden mostrar comportamentos intolerables, que por outro lado, inmortalizamos nos nosos celulares. Entón é cando finximos escandalizarnos polo que sucede.

Eu non quero ser alarmista, nin exemplo de nada, pero xa que estamos podemos facer algo ó respecto, con independencia de erros pasados. Así que busquemos solucións e xeremos iniciativas encamiñadas á prevención, regulando a situación dos técnicos, mellorando as instalacións e recintos deportivos, creando hábitos nos máis novos ou xerando unha normativa adecuada ás diferentes situacións con certo carácter sancionador. E xa paro porque dixen que só falaría da violencia.

De todos modos e como estas cousas non están ó noso alcance, non sei, igual esta fin de semana, con motivo da celebración, podemos dar visibilidade á cara afable do fútbol; aproveitemos a repercusión e a trascendencia que acadou este medio, para mostrar que a pesar da rivalidade, os puntos, os ascensos e descensos, un fútbol sen violencia é posible. Podedes facer algo ó respecto dende Futbolinlugo? Grazas.

O Monterroso pelexa esta temporada por manterse na Primeira Rexional

Para rematar, sen saber o que me depara o futuro, gustaríame dicir que só podo considerarme un auténtico privilexiado por todo e canto me tocou vivir no mundo do fútbol, pero sobre todo polo que me tocou coñecer. Igualmente espero atopar a inspiración perdida para seguir desfrutando dun deporte que me deu tanto, xa sexa dende o rol de xogador ou adestrador, porque como dicía Arnold H. Glasgow: “na vida, como no fútbol, non chegarás lonxe a menos que saibas onde están os teus obxectivos”.

Óscar Méndez. Xogador da SD Monterroso

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*