Para comezar, como sempre, é de agradecer o traballo de esta xente de Futbolinlugo. E dar voz ao fútbol afeccionado, ese que agora esta como o país, parado e nunha sensación de ‘que pasará?’  De cando voltará á normalidade, que por outro lado, non será a mesma. Pero o balón rodará, e como dan os días para moito, pois traigo aquí unha reflexión persoal, sobre un tema que pouco se toca pero que está presente cada domingo. E que con todo esto do confinamento, pois ten certo un paralelismo. Non é outra cousa que o BANQUIÑO, e non digo o material, eses que se ven na televisión, nos campos de Primeira División. Que logo son mellores que o sofá das nosas casas que estos días tanto usamos.

Pois non, falo desa situación que se xera cada domingo, cando o adestrador dá o once e ves que non xogas. Esas sensacións que moitos pasamos, e que unhas veces son entendibles, pero que como todo xogador ten ese punto de egoísmo onde quere xogalo todo; pois nesas estamos agora. Todos queremos saír da casa, aínda que non nos demos conta que o mellor é agardar.

E será o mellor para o resto da sociedade, pois no fútbol pasa parecido, se toca suplencia debéramos aceptar que podemos axudar igualmente saíndo a xogar 45 minutos, 30 minutos ou incluso o ultimo minuto. Iso si, saír o campo como si levaras o dez e o brazal. Costa, pero debemos facelo, un por respecto ao equipo e adestradores. E outro, a un mesmo. En definitiva, facer o que nos mandan, aínda que ás veces creamos que non sea xusto ou correcto.

Xa sei que todos creemos que a situación de ser suplente é inxusta. Culpa do adestrador, que non ten idea, ou que nos ten manía, ou mil escusas. Eu creo que está na man de cada un cambiar esa idea. Como? Adestrar mellor, cando xogues dar todo e un pouco máis. E non reproches. É difícil, claro que si, pero, todos acabarán ganando, tanto o equipo coma ti.

Agora claro, aquí veñen os problemas nestas categorías. Como xestionar todo isto. De todos é sabido que, por diferentes motivos, hai xogadores que non adestran por motivos laborais, estudos… Todos entendibles. Como facer? Xa que nun equipo de vinte xogadores xogan once, cinco o banquiño e catro na casa. Consecuencia: a metade do equipo ‘descontento’. E nesto radica moito do éxito destes equipos amateur. Ter a tódolos xogadores, na medida do posible, sentíndose parte importante do equipo.

Pero como xestionar todo iso non e fácil. Inflúen moitos factores: adestrador, xogador… Dende a miña opinión debera, como todo, empezar no deporte base. Ao igual que se adestran conceptos futbolísticos, tácticos e técnicos, nos que sobresaturamos de información ao neno, por que non empezamos a facerlle ver o neno/a que ao mellor non vai xogar tódolos minutos e que non sempre vai ser titular?

Por que non empezamos por aí? Despois eses mesmos nen@s chegan a categoría amateur ou incluso xuvenil, ou cada vez mais cedo; e din: «non quero xogar máis». Se lles preguntásemos a razón, moitos dirían: «É que agora non xogo titular» ou «Non teño os minutos suficientes». Aí é cando ves realmente que temos un problema de base. Que xa empeza na casa, cando creemos que o noso fillo debe xogar antes que outro compañeiro/a. Pero eso xa serí,a outro tema a tratar.

Intentemos buscar entre todos solucións, e refírome a aqueles que adestrades base. Creo que é tan importante ensinarlle a golpear un balón ao xogador ou unha boa colocación no campo, como facerlle ver a ese futuro futbolista, que posiblemente, non vai xogar todo o que pensa. E que esto se trata dun deporte de equipo, onde non só contan once. Onde o que está sentado cada día ao seu lado, esté de titular ou non, forma parte do equipo e será parte do éxito, tanto como aquel xoga un minuto.

Estou seguro que as vindeiras xeracións de futbolistas serán moito mellores cas que estamos agora, que non vemos máis que o noso beneficio persoal.

Así que os que esteades a tempo, non deixedes o fútbol, o deporte en xeral, por uns minutos de suplencia. Que se en realidade desfrutades del, cada adestramento é un novo partido. Buscade mellorar nel, aportar todo o que teñades, que estou seguro que oportunidades teredes.

Sen máis despedirme de vós, e desexarlle a todos que estamos de ‘suplencia’ forzada un feliz confinamento dentro do posible. Pero sobre todo pronta recuperación a aqueles que se atopen infectados.

E sairemos, sexa no minuto 89, ou mesmo no último minuto da prórroga. Para axudar a gañar este partido, mentres eu quedo na casa.

Xosé Xesús Lourido Fernández. Pensionista en Riotorto. Presidente de honra do noso fútbol

Comparte
                           

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*