Que raro se fai empezar a escribir cando o primeiro que tes en mente é que esta tempada está a punto de rematarse. Outra máis e xa van unhas cantas. Nesta dáse a situación que este domingo xogamos un deses partidos que sempre buscas no calendario cando sae; márcalo en vermello. É o derbi coa Pontenova. Encontros que sempre che gusta xogar. Neste caso, por iso de quen sabe se será o ultimo, un ten as ganas de xogalo como se fora o primeiro, ese no que o balón era máis grande ca min e que sempre recordas. Pensas en como todo este mundo do fútbol me enganchou.

Lourido capitanea unha temporada máis ao Riotorto dentro e fóra do terreo de xogo. Quedan catro xornadas na Primeira e o equipo busca asegurala permanencia

Por iso, xa levo un tempo pensando no máis importante nisto do fútbol. É evidente que están os factores tácticos e técnicos. Hoxe en día, cada vez máis adestrados. E xa se sabe, sempre hai uns mellores que outros. Tamén están os corpos técnicos que cada vez están máis cualificados, como os adestramentos que evolucionaron, polo ben de todos. Pero para min, todo iso sería inútil sen sumarlle algo que cada vez falta máis. É a MOTIVACIÓN E A ILUSIÓN. Que ao final é o que nos leva a coller o coche e ter que desprazarnos ou simplemente pensar en mollarte ou en estar mazado ao día seguinte dun partido. Pero, como adestras iso? Cando un neno ten centos de variantes para o seu tempo de lecer. Fútbol, fútbol sala, baloncesto, patinaxe, natación, ciclismo…miles de opcións e moitas máis cómodas, tanto como un mando dun videoxogo…

Entendo que o primeiro que ten que ser é que che guste o fútbol (categoría inferiores). Vexo casos de estar apuntado nas escolas de fútbol porque está o amigo do colexio ou eses nen@s que antes de chegar a sénior deixárono. Aqueles que en realidade si lles gusta son os que teñen ilusión, e por estes son polos que hai que facer que a motivación non decaia. Labor dos adestradores. Que fagan por pensar que chegue ese día de adestrar, o do día de partido e, sobre todo, que cando remate a tempada che diga cando se volve empezar. E xa levado as categorías afeccionado, que é na que estamos tod@s , ese é un dos motivos máis difíciles de conseguir. Aínda que existan motivos económicos, nunca serán os suficiente para motivar. Ou que o grupo de compañeiros sexa xenial. O difícil é conseguir que 20 xogadores teñan a ilusión e a motivación de ir adestrar, saír a carreira do traballo para ir á outra punta da provincia, de comerse todos eses quilómetros para xogar  ou mesmo para estar os 90 minutos sentado no banco, de perder as fins de semana polos campos ou deixar outras cousas de lado… todo isto xa non é cousa de adestradores (que evidentemente pode influír). Iso xa é “virtude” individual, onde cada un de nós temos que ter moi presente e non deixar que se apague.

E agora que todo remata, que as pernas xa piden descanso, que a cabeza xa di, “que remate esta tempada”, que a maioría do que se loita nun principio (ascensos, a loita do descenso, etc.) case están decididas,… Animo a tod@s aqueles que non están xogando por “nada” a recordar ese primeiro día que puxemos as botas, a revivir esa sensación e seguir coa mesma ilusión dese día. Hoxe toca derbi, quen sabe se o último; compartirei vestiarios con amigos e enfrontareime tamén a varios deles. Pero o que sei é que irei coa mesma ILUSIÓN coa que puxen as botas fai case 30 anos.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*