A última xornada estivo chea de emoción polo tres postos importantes que había en xogo na Terceira. Finalmente, Comercial e Cervo acompañan o Corgo (que finalizou campión), o Goiriz e o Incio á Segunda Rexional. Por outro lado é o Guntín quen vai xogar a final polo ascenso fronte ao Muimenta. Unha xornada que deixou os últimos sobranceiros da fase regular.

Na fase polo ascenso, a Comercial cumpriu co seu e non se deu a si mesma a oportunidade de sufrir xa que sentenciou moi rápido o encontro ante o Catro Roldas. Unha vez máis, comandados por Pacín que ademais marcou dous dos sete goles do seu equipo. O gran beneficiado da xornada foi o Cervo que sabía que dependía doutros resultados pero fixo o seu vencendo a un Goiriz que pelexaba polo campionato. O bo partido de Adrián e o gol de Samuelito foron definit¡vos nun partido no que o cadro visitante marchou indignado coa actuación arbitral. O cadro da Mariña aproveitou o empate do Sober que perdeu a súa praza de ascenso co campión, o Corgo nun gran partido do seu gardamallas, Manu e un gran gol de Debasa. A sorpresa estivo no partido intranscendete da xornada xa que o Fonsagrada non se presentou para xogar diante do Incio cun aviso de só tres horas previas segundo a directiva do Incio.

No Trofeo Delegación Lugo, o Guntín tampouco fallou na súa cita e erixiuse como campión do grupo sur para pelexar nesa final a dobre partido co Muimenta por un posto o vindeiro ano na Segunda. Bronny, Moreno e Rodri foron do máis sobranceiro no cadro local que superou con claridade ao Relámpago Taboada. Ás portas quedou o Paradela aínda que non foi quen de superar no último partido ao Quiroga. O Río Sil derrotou ao Laxosa nun choque que serviu para que Canteiro empatara como máximo goleador da categoría xunto con Bronny. O FC Becerreá descansou na derradeira xornada.

No grupo norte, o campión Muimenta caeu ante o Friol B que finalizou en segunda posición no seu primeiro ano de vida. Casanova (máximo goleador do grupo) e Isaac volveron destacar diante dun conxunto chairego que prepara xa esa final a dobre partido polo ascenso. Terceiro finaliza o Celta Barreiros logo de vencer a domicilio ao Rábade. Tamén acadou a vitoria como visitante o Cazás ante o Rioaveso, para acaba cuarto nun gran encontro de Cao. O Celeiro librou na última xornada e non volverá xogar ata a fin de semana do 13 de maio cando dará inicio a Copa.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*