En cada grupo da Terceira dous equipos empatados a puntos lideran a clasificación. No norte, o Goiriz e Cervo teñen seis puntos; os mesmos cá Comercial e o Corgo no centro (estes dous conxuntos xa descansaron o seu respectivo partido da primeira volta); e no sur Quiroga e Sober mantéñense invictos con sete puntos. Esta xornada, o Rábade conseguiu a primeira vitoria da súa historia en partido oficial.

No grupo norte, o Goiriz pasoulle por diante na clasificación ao Cervo ao vencer por 1-0 no Ventiño. Un encontro igualado que se resolveu nunha acción a balón parado. A espera de que se disputen os minutos que restan do Catro Roldas 1-1 Muimenta, o equipo de Román ocupa o terceiro posto despois de empatar nun choque de goles ante o Celta Barreiros (3-3). No equipo da Mariña o mediocentro Rubén tivo que poñerse baixo paus despois da lesión do porteiro Carlos. A pesar de recibir tres goles, realizou una gran actuación fóra da súa posición.  Tamén igualaron o Celeiro e o Cazás pero sen atinar cara a portería (0-0). O Muimenta amosou a súa superioridade no Pichón e derrotou por 4-1 ao Rioaveso.

No grupo centro, dous dos equipos que xa descansaron encabezan a táboa. A Comercial lidera despois de derrotar 4-2 ao Fonsagrada que suma a súa segunda derrota seguida. O que fixo historia foi o Rábade ao conseguir o seu primeiro triunfo por 0-2 (con goles de Diego Díaz e de Jhonny Cobas) diante doutro equipo recén creado, o Friol B. O Laxosa e o Guntín non pasaron do empate a cero.

No grupo sur, o protagonista da xornada foi o Río Sil que goleou ao Becerreá FC por 0-10, con dous hat-tricks por parte de dous futbolistas, Canteiro e Sergio. Aínda así, o líder é o Quiroga que venceu por 3-1 ao Paradela que segue sen puntuar. Séguelle cos mesmos puntos o Sober que derrotou por 4-2 ao Relámpago Taboada.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*