Ás veces un ten que dar noticias difíciles. Tanto á hora de tratalas como no propio e duro contido. Este é o caso. Así que tentarei recoller o mellor posible tódolos testimonios que teño entre mans. Unhas verbas que nos foron chegando pouco a pouco. Preguntando e escoitando. Reafirmando unhas queixas que nos levan chegando dende hai semanas. Dende tódolos puntos da provincia. Unha mínima parte delas trataron de quedar reflectidas neste artigo de opinión: ‘Promesas que non valen nada’. O tema vai máis alá. Moitos dos nosos clubes non aguantan máis a situación. Están fartos de facer equilibrismo coas súas calculadoras. Para poder pagar minimamente aos seus traballadores e afrontar os custos dunha arbitraxe. Ou simplemente facer fronte ao prezo da luz e a auga dunha lavadora chea de equipacións enlamadas. Así están as cousas…

 

Cal é o problema?

“Levo uns cantos anos nesto e a capacidade dos clubes mermou moito. As axudas dos organismos víronse reducidas drásticamente e a maiores hai que ter en conta que o custo de competir cada ano é maior e isto unido ao anterior deixa en moitos apuros a moitos clubes. Xa non é a dispoñibilidade de recursos senón que a capacidade de xeralos é cada vez menor. Ante este panorama tes que optar por medir moito cada paso que das. Tamén se pode vivir por encima das posibilidades, o que á larga non trae nada bon. A peor das situacións é que os clubes desaparecen nalgún caso e noutros teñen que renunciar á base por carecer de apoio suficiente”. José Manuel Lorenzo, coordinador da SD Guitiriz.

 

“Vexo o problema do funcionamento dos equipos por tempadas e as administracións públicas por anualidades. Ademais os equipos recibimos a subvención pola categoría do equipo de afeccionados sen ter en conta aos equipos de base. A maiores, a Real Federación Galega de Fútbol reparte cartos ao fútbol afeccionado (Terceira División e División de Honra xuvenil). E eu pregunto. De aí para abaixo, qué somos? E as categorías de base?”. José Antonio Rodríguez, coordinador do CD Foz.

 

“Non entendo tanto pasotismo. Non sabemos cando van saír convocadas as axudas da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia. Ao Concello de Becerreá pedímoslle un anticipo en febreiro e a día de hoxe aínda non temos nada”. José Antonio Guerra, presidente da SD Becerreá.

Cales son as solucións?

“Algo ten que cambiar nas institucións. Non podemos estar recibindo subvencións seis meses ou un ano despois da solicitude. Tamén sería importante que se puxeran dacordo tódalas institucións nos modelos de solicitude e xustificación das mesmas. Non pode ser que teñamos que presentar un montón de papeis nunha institución e noutras non. Os pringados que adicamos o noso tempo libre aos clubes non temos secretarios/as con adicación exclusiva. Teñen que facilitar moito máis as cousas. De non ser así, chegará un momento no que teremos que deixar todo e que sexan os políticos os que atendan ao deporte social. Esta é a realidade. Saben vostedes cantas horas adica un directivo a un clube?

Cantos cartos lle supón a un directivo durante un ano levar un clube? Miren vostedes e pensen. Hoxe en día, os pais traen aos nenos a xogar o seu partido. E cando acaban vanse. Pero o directivo espera, está, permanece todo o sábado e domingo para ver, controlar tódolos partidos… E por suposto de luns a venres estamos nos adestramentos e organizando toda a competición de cada fin de semana. Ou calquera outra cousa. Párense a pensar cantas horas pasamos no clube… É imprescindible que se nos faciliten as cousas e que non teñamos que esperar todo este tempo a recibir as subvencións”. Julio Pacios, presidente da SDC Residencia.

 

“Tamén fai falla unha regulamentación para o fútbol afeccionado. Ata agora aplican as do fútbol profesional”José Antonio Rodríguez, coordinador do CD Foz.

Cal é o futuro próximo?

“A xente ten que saber o difícil que está todo. As administracións cada día poñen máis trabas e papeleo… Todo se traduce en que os pais terán que facer un maior desembolso se queren que os seus fillos practiquen este deporte. Os directivos son cada día menos e en perigo de extinción polas dificultades que cada día aumentan”. José Ferreiro, secretario da ADC Sagrado Corazón.

“Os clubes temos uns gastos mensuales que debemos afrontar igualmente. Pero nada, que sigan así que en poucos anos os poucos tontos que seguimos nesto, imos cansarnos”. José Antonio Guerra, presidente da SD Becerreá.

 

Qué responden as administracións?

“Non temos ningunha subvención pendente de cobro. Está todo ao día. E o mércores -mañá- sairán no Diario Oficial de Galicia (DOGA) as novas subvencións publicadas. Coa novidade este ano de que veñen xuntas as bases e as convocatorias, sen que exista o mes de diferenza que había entre a publicación de ambas (bases e convocatorias)”. Manuel Otero ‘Cadramón’, Xefe do Servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia.

 

Dende Futbolinlugo tratamos de poñernos tamén en contacto cun dos denominadores comúns que nos sinalaron dende un gran número de clubes: a Deputación de Lugo. Despois de varias chamadas non obtivemos máis resposta que liñas ocupadas ou teléfonos comunicando.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*