#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Os desexos da Terceira Galicia para o 2018

 

 

Rematou o #NadalFutbolinlugo e, con iso, é a hora de que regrese a competición. No fútbol sénior masculino a que máis tarda en volver é a Terceira Galicia, que a vindeira fin de semana volve a carga cunha nova liga, como se a temporada empezase de cero. Antes de que o balón comece a rodar na categoría, quixemos que os equipos nos comentaran os seus propósitos para o novo ano. Estraña que ninguén pida ser un dos #SobranceirosFutbolinlugo e levar dúas comidas de balde

FASE POLO ASCENSO:



Iván Pernas, míster do Cervo: «Que ascenda o Cervo e o resto que o merezan».

José Manuel Rey Cora, adestrador e presidente do Goiriz: «Que os xogadores sigan traballando como ata agora e que non haxa ningunha lesión grave; tanto no meu equipo como no resto de conxuntos de calquera categoría».

David Lorenzo, preparador do Catro Roldas: «Que nos respecten as lesións, que todos desfrutemos do fútbol e que esta temporada consigamos unha desas cinco prazas de ascenso a Segunda».



Enrique Fernández «Kike», capitán do Fonsagrada: «Consolidar o ascenso agora nesta segunda fase e despois manternos en Segunda. Para este ano creo que temos o equipo e a ilusión que se necesita para ascender».

Hugo Vázquez, míster do Corgo: «Esforzo, compromiso e motivación para desfrutar como grupo de cada día xuntos; sen que nos afecte a saúde, a familia ou o traballo que son o máis importante. Despois, a competición daranos o que nos corresponda».

Lolo, Comercial: «A idea é montar unha estrutura sólida de cara a vindeiras temporadas. Obviamente, queremos pelexar polo ascenso. O equipo está con moitas gañas e todo é posible».

Raúl Leizán, adestrador do Incio: «Chegar a competir en Segunda Rexional para o curso que vén. Que non haxa lesións e que se disfrute do fútbol«.

Ricardo Bernárdez, presidente do Sober: «Afrontamos o primeiro partido contra o Goiriz no campo deles con moita ilusión. Imos a por todas nesta fase e o noso principal obxectivo é o ascenso. Sacar adiante os partidos da casa e sumar os 21 puntos, que se os logramos, estaríamos ascendidos».



 

TROFEO DELEGACIÓN LUGO:

GRUPO NORTE:

Iñaki Burundarena, xogador do Celta Barreiros: «Acadar o ascenso para a Segunda porque esta directiva e este club meréceno. A xente de aquí é estupenda. O que sabe a man dereita tamén o sabe a esquerda».

Basi, adestrador do Muimenta: «Que ningún xogador se lesione de gravidade e que consigamos ascender á Segunda Rexional. Ademais que non se desfaga o gran grupo humano que temos».

Álex Veiga, presidente e xogador do Rioaveso: «Esperamos non sufrir máis lesións graves, seguir mellorando pouco a pouco, que continúe o bo ambiente no equipo e pelexar por estar entre os tres primeiros na nova liga».

Martín Rodríguez, preparador do Celeiro: «Cambiar a dinámica da primeira fase, xa que hai equipo para bastante máis. Imos dalo todo para intentar pelexar polos favoritos do noso grupo e intentar dar a sorpresa; pero dende a humildade, o traballo, o esforzo e o sacrificio como bandeira».

Efrén Pernas, capitán do Cazás: «Que nos deixen de seguir os xabaríns e nos siga moito máis o acerto goleador. E que nunca perdamos a ilusión polo fútbol».

Ao novo campo onde xoga o Cazás (A Veiga – Momán) tamén foron os xabaríns. O remedio está sendo un fío de pastor. Foto: Futbolinlugo

Óscar Jaime, adestrador do Rábade: «Que non aparezan as lesións e que o equipo se siga respectando e levando ben como como ata agora. Que sigamos sendo conscientes que representamos con honra ao concello de Rábade e a nosa afección, que cada vez nos apoia máis».

Rafa Casanova, Friol B: «Que os xogadores vaian medrando e poidan aportar cousas ao primeiro equipo».

 

GRUPO SUR:

Edu, presidente do Guntín: «Quedar campións de grupo para aspirar a xogar a praza de ascenso á Segunda Rexional. Sendo un dos equipos que máis goles marcou (30, empatado coa Comercial) e que menos lle meteron (11, igualado co Corgo); tivemos a mala sorte, como é tan cortiño o campiontato, de sumar uns empates que nos deixaron ás portas de entrar na fase de ascenso. Se iso non o conseguimos é un fracaso. Entendemos que temos equipo para iso».

Ramón, presidente Laxosa: «Somos un grupo de amigos, de sempre, que levamos moitos anos xuntos. O noso obxectivo é pasalo ben e desfrutar cada partido».

Juan Diéguez, preparador do Río Sil: «Ter a todos os xogadores dispoñibles para intentar xogar outro ano unha final polo ascenso como en 2017«.

Senén Paredes, míster do Paradela: «O obxectivo é quedar primeiros no noso grupo e ascenser á Segunda».

Diego Mejuto, adestrador do Relámpago Taboada: «Que o equipo siga en liña ascendente como quedou patente con respecto aos resultados do ano pasado. Aínda que a primeira volta deixou un pouco un sabor amargo con ese baixón que demos pola metade da liga e acabamos coa sensación de que se puido facer mellor. En definitiva, seguir medrando e dar o máximo».

Rachu, vicepresidente do Quiroga: «Recuperar a todos os xogadores lesionados que temos no equipo para, así, tratar de loitar pola Copa Delegación e polo ascenso, despois de quedarnos varios anos ás portas de logralo».

Cristóbal, presidente e xogador do FC Becerreá: «Somos un grupo de amigos, levamos unha chea de anos quedando colistas, pero non somos un equipo con aspiracións a nada. Nin é para ascender, nin nada; simplemente para que a xente do pobo teña onde xogar. Para o 2018 que non se manque ninguén».

Os desexos da Terceira Galicia para o 2018

Os desexos da Segunda Galicia para o

Chega a fase final da Liga Galega

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *