Agora sí, remata a temporada. Pero antes de baixalo pano da campaña 2018/2019 os afeccionados ao noso fútbol temos como agasallo dúas finais. Como xa é tradición, a Copa Deputación serve como peche, e tamén como táboa de salvación para uns e premio final para outros.

Mentras a Copa de Preferente e Primeira Autonómica disputa as súas semifinais este fin de semana, a competición para equipos de Segunda e Terceira Autonómica chega ao seu fin. Será no Municipal de Outeiro o domingo ás 18 horas, con dous conxuntos nun gran momento de forma como protagonistas: Roupar e San Lázaro.

Gañar a Copa sería a mellor despedida para Diego Dopico do banco do Roupar

O conxunto xermadino foi unha das agradables sorpresas na competición regular. Terceiro clasificado, superando incluso ao Guitiriz, chegou a ser unha ameaza para Folgueiro e Lourenzá na pelexa polo ascenso. Con nove triunfos nos dez últimos encontros ligueiros, encarou a Copa nun momento doce de forma. O cadro adestrado por Diego Dopico, que dirá adeus ao rematala temporada, avanzou as dúas primeiras roldas na quenda de penaltis ante Cospeito e Guitiriz, mentras que en oitavos superou ao Folgueiro en Boa Vista e en cuartos ao Meira no seu feudo. Na rolda de semifinais, nun competido encontros gañou por un tanto a dous a unha Comercial que realizou un sensacional torneo.

Nun plantel coa meirande parte de xogadores da veciña As Pontes, Jaco Ares é un dos «da parroquia«. Para o de Roupar «gañar o domingo sería poñerlle a guinda ao pastel esta gran temporada, e sen dúbida, acadar algo que quedará para sempre na histora do clube«. O encontro ante o San Lázaro  «será un partido intenso, como os que viñamos desputando ata o de agora e penso que tamén bastante igualado, ante un conxunto dun nivel parello ao noso. Sairemos a dalo todo e a gañar esta final«, afirma Jaco Ares.

Jaco Ares é un dos fixo no Roupar, acadando oito tantos nesta temporada

O San Lázaro, ao igual que o seu rival, afronta este encontro nun gran momento de forma. Logo dunha primeira volta irregular na Segunda Autonómica, a chegada de Diego Rey ao banco da Ponte, serviu como revulsivo e o conxunto lucense firmou unha segunda volta de auténtico luxo. Tanto que afrontou a derradeixa fxornada de liga con opcións de ascenso. Non puido ser, pero a boa xeira do San Lázaro continuou na Copa Deputación. Río Sil e O Incio foron os primeiros en caer, para afrontar dúas eliminatorias a priori máis complexas ante Guntín e Palas. Os capitalinos non afrouxaron o ritmo e en semifinais desfixéronse do filial do Lemos.

Once goles na liga e seis na copa acadou Yago Armesto para o San Lázaro

Un dos goleadores do San Lázaro, Yago Armesto, non dubida en afimar que a gañar a Copa «significaría unha profunda satisfacción persoal e colectiva, xa que, tivemos que remar moi duro para chegar ata aquí». Para o ariete lucense «o partido do domingo será moi disputado e con moita intensidade. O Roupar foi quen de chegar ata a final e xa di moito deles como equipo, pero sen dúbida que non llo poremos nada sinxelo«.

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Copa Deputación Preferente e Primeira

 – Club Lemos – C.F. Riotorto (Domingo ás 18 horas na Pinguela): o cadro visitante tentará dar a sorpresa e chegar á final na despedida de Labrada, mentras que os monfortinos buscarán redondear a que xa é unha fantástica temporada, co pase á final.

Logo do ascenso a Preferente, o Lemos buscará a matrícula de honra

 – Friol C.F. – Ribadeo F.C. (Domingo ás 18 horas na Reigosa): con Rafa Casanova como protagonista, disputarase unha interesante semifinal con dous conxuntos que veñen de superar aos seus rivais en semifinais. Para ámbolos dous será o premio a unha boa temporada nas súas respectivas categorías.

Fase de ascenso a Primeira Galega Feminina

 – P.M. Friol C.D. Lugo B – Touro S.D. (Sábado ás 20:15 horas na Reigosa): logo do gran resultado colleitado no encontro de ida, as lucenses tentarán chegar á derradeira eliminatoria polo ascenso, logo dun comezo complicado.

Copa Deputación Feminina

 – P.M. Friol C.D. Lugo B – S.G. Comercial (Domingo ás 20:30 horas na Reigosa): segunda cita do fin de semana para o filial lucense. Desta volta nas semifinais de Copa ante unha Comercial, que buscará dar a sorpresa e prantarse na final.

– Carballedo C.F. – P.M. Friol C.D. Lugo (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): as rapazas de Josito Jul son as grandes favoritas para facer co trofeo provincial. Un conxunto de outra categoría, pero que ben seguro que se atopa coa resistencia das motivadas xogadoras do Carballedo.

 

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*