Fin de semana de derbis. Mentras na Segunda Autonómica, o Viñas da Veiga se vestirá de gala para recibir ao Lourenzá, nun dos encontros máis sobranceiros do fútbol provincial, no cal se congregan preto de mil siareiros, a Madalena acollerá, tamén o domingo, o único derbi lucense de Terceira. Ás 17:30, sobre o céspede do campo da capital chairega, Racing Vilalbés e Polvorín enfrontaranse coa permanencia en xogo.

Simón Lamas debutou no banco do Racing Vilalbés no derbi disputado na Cheda

Cambiaron moito as cousas desde o encontro da primeira volta na Cheda. Simón Lamas debutaba no banco do Racing, antepenúltimo, mentras que o filial lucense era o pechacancelas, posto que ocuparon os da Terra Chá unha vez rematado o derbi. Por sorte para o fútbol provincial, a situación de ámbolos equipos mudou para mellor, e aínda que lles restan nove xornadas para acadalo obxectivo, as sensacións son moi positivas.
Tres puntos por enriba do descenso directo atópase un Racing Vilalbés, que chega ao derbi nunha gran dinámica de resultados, pero tamén de xogo e sensacións. A última derrota data do 20 de xaneiro, e co paso das xornadas volta a ser o conxunto serio e aguerrido das pasadas temporadas. Foi quen de derrotar a rivais directos pola permanencia como Boiro ou Arenteiro, de sumar ante o Bergantiños ou de gañar no mítico campo do Couto o pasado domingo.

Cuadrado recuperou o olfato goleador das últimas temporadas

O Polvorín conta con catro puntos máis que o Racing e é o undécimo clasificado. A priori parecería unha situación desafogada, pero os posibles descensos de dous conxuntos galegos da Segunda División B, pode provocar máis dun arrastre na Terceira. Con tan só unha derrota nos últimos seis encontros, e con triunfos ante U.D. Ourense e Barco entre outros, os de José Durán, parece que xa, definitivamente, están adaptados á categoría, logo dun difícil comezo.
No Racing Vilalbés causará baixa o sancionado López, mentras que no Polvorín non serán da partida Javi Rey e Gustavo por lesión.
Falamos con dous dos protagonistas do derbi, dous xogadores da casa que están realizando unha gran temporada: Alberto Lamas «Make» (Racing Vilalbés) e Marcos González (Polvorín).
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
MAKE (RACING VILALBÉS)
 – O Racing. «Chegamos no noso mellor momento da temporada. Están acompañándonos os resultados e volvemos a recuperar o gen que tiñamos nas últimas temporadas, deixando a portería a cero e concedendo moi pouco».
 – O Polvorín. «Leva unha gran dinámica, mellor que a nosa incluso. Creo que tanto por plantel como por infraestructuras ou presuposto non deberan estar loitando pola permanencia. Agora xa están nunha mellor situación, case en metade da táboa».
 – O pasado no Lugo. «É un encontro especial, moi bonito para xogar, pola cercanía e tamén porque moitos de nós pasamos por esa entidade e conservo bos amigos no vestiario rival. Pero temos que afrontalo como os últimos partidos e sacarnos a presión do derbi».
 – A permanencia. «Somos moitos equipos na pelexa por fuxir dos catro postos de descenso, así como dos posibles arrastres. Temos tres puntos por enriba do descenso directo, e agardo chegar ás últimas xornadas fóra de perigo».
MARCOS (POLVORÍN)
 – Un derbi distinto. «Os dous equipos chegamos nunha situación moi diferente á da primeira volta. Nós temos 38 puntos e conseguimos saír da zona baixa e afrontamos o encontro da Madalena nunha boa dinámica, ao igual que o Racing, que tamén tivo unha gran melloría desde o último enfrontamento».
 – O rival. «É un equipo moi serio, que concede moi poucas ocasións de gol. Debemos estar moi concentrados os noventa e tantos minutos de partido, sen despistes, xa que, aproveitan moi ben calquer erro do rival. Ademáis teñen xogadores moi rápidos polas bandas, que nos poden xerar problemas. Nós tentaremos facer o noso fútbol, co que estamos acadando bos resultados».
 – O Polvorín da segunda volta. «Somos un equipo mellor en tódolos aspectos, sobre todo en defensa. Estamos adestrando moi ben, cinco ou incluso seis días, e iso nótase. A primeira volta foi complicada, con moitos encontros fóra da casa que nos penalizaron, con xogadores importantes lesionados como Javi Rey ou Gustavo. Logramos revertir unha situación clasificatoria complicada».

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . . 

Preferente Norte

 – C.D. Foz – S.D. Agolada (Domingo ás 17 horas no Martínez Otero): trascendental encontro para os de Gayol, que non gañan desde finais de xaneiro. Reciben ao Agolada, en descenso.

 – Viveiro C.F. – C.D. Castro (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): derbi provincial no que o conxunto local quererá recuperar sensacións logo da derrota no campo do Xallas. Reciben ao Castro, que chega logo de gañar o segundo partido da temporada.

– S.D. Sarriana – Noia C.F. (Domingo ás 17:30 horas na Ribela): encontro entre perseguidores do Viveiro na pelexa polo ascenso directo. Logo do tropezo no Pepe Barrera, os sarrriaos buscarán tres puntos cos que superarían ao seu rival.

Primeira Autonómica

 – S.D. Residencia – S.D. Monterroso (Domingo ás 17:45 horas na Cheda): dous conxuntos en racha. Os de Meilán na procura do segundo posto, mentras que o Monterroso mantense invicto co novo adestrador e buscará tres puntos que os saquen do perigo.

– C.F. Riotorto – U.D. Pastoricense (Domingo ás 12 horas na Veiga): desde o 2 de decembro no gaña o conxunto local. Precisa un triunfo para saír dunha posición na que non se lle supoñía ao comezo de liga. Enfronte, os de Fran Veiga, con tres puntos máis na clasficación.

Segunda Autonómica

 – Mondoñedo C.F. – E.D. Lourenzá (Domingo ás 17 horas no Viñas da Veiga): o «derbi da horta», a cita para as preto de 800 persoas que se darán cita nun dos encontros máis atractivos, social e futbolísticamente da provincia. Os de Israel Cruz poden certificala permanencia cun triunfo, mentras que os laurentinos, dar un paso máis cara o ascenso.

– Ferreira C.F. – S.D.C. San Roque (Domingo ás 17 horas no Baliño): a mala xeira dos de Pantón fixo que o conxunto adestrado por Julio Corral se quedase na metade da táboa. Enfronte, os lucenses, que logo de tres triunfos consecutivos atópanse en postos de ascenso a Primeira.

Terceira Autonómica

 – Celta Barreiros – Rioaveso Machinango S.D. (Domingo ás 16:30 horas no Cascabeiro): un triunfo metería aos barreirenses na promoción de ascenso. Se non o acadan terán que agardar o que suceda no Gómez Besteiro.

– Fonsagrada Balompé – C.D. Alfoz (Domingo ás 16:30 horas no Gómez Besteiro): o conxunto local precisa un triunfo, ou un empate, no caso de derrota do Celta Barreiros para entrar na promoción de ascenso. Enfronte un Alfoz cos deberes feitos.

– C.D. Sober – Quiroga F.C. (Domingo ás 16:30 horas en Centeás): os soberinos, no caso de lograr o triunfo ante o xa ascendido Quiroga, serán equipo de playoff de ascenso.

Segunda División Feminina

 – P.M. Friol C.D. Lugo – C.D. Valladares (Domingo ás 17 horas na Reigosa): logo do gran triunfo ante o Sporting de Gijón, as de Josito Jul, buscarán os tres puntos ante a súa afección, que lles garantice o xa virtual ascenso.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*