A cor e o corazón celeste volven á Segunda

Un equipo con himno e con sentimento de pertenza, xogue na categoría que xogue, está sempre en Primeira. Non obstante, as circunstancias deportivas non adoitan errar. Podes ter mala sorte, pero sempre te van ir colocando no punto no que mereces estar. Un bo exemplo é o Muimenta. Logo de dous descensos consecutivos dende a Primeira á Terceira Rexional e de quedarse ás portas na tempada pasada, o equipo volve á Segunda. Conseguiuno a pasada fin de semana na penúltima xornada de liga. Desaproveitou a primeira oportunidade en Barreiros, pero ante o Fonsagrada e co apoio da afección do Pichón non se lle escapou. A cor e o corazón celestes suben de categoría deportiva.

Co posto de campión aínda por decidirse e un torneo de Copa por xogar, o Muimenta cumpriu co seu propósito. “O obxectivo era ascender porque un equipo como o Muimenta creo que se merece estar nunha categoría como a Segunda. Non digo moito máis para arriba porque é difícil atopar xente para xogar” afirma rotundamente José Cendán “Basi”, adestrador do cadro celeste. A tempada pasada quedaran ás portas. Unha eliminatoria co Guntín decantárase a favor do cadro do Ladairo. Para Basi si tivo influencia a situación do curso anterior: “Grazas ao ano pasado que chegamos aí, esta campaña a xente estaba moi mentalizada e moito máis tranquila”. Por iso no partido decisivo sabían que non se lles podía escapar. A tarefa non era doada. En fronte estaba a Fonsagrada que pelexa por entrar na promoción de ascenso. “Saímos intensos e tiñamos gañas de ascender. Empezamos a favor do aire e foi bo para facer unha boa primeira metade. Tivemos na segunda parte o aire en contra. No primeiro cuarto de hora o Fonsagrada meteunos atrás. Pero nun saque de esquina conseguimos marcar o segundo. Defendemos e gardámonos atrás”, así explica o míster a súa receita.

No tocante as chaves do ascenso, o técnico teno claro: “Sobre todo a unión do equipo. Durante todo o ano, chegabas un martes chovendo e tiñamos 14 ou 15 xogadores para adestrar. Haise que dar conta que estamos en Terceira Rexional e é moi difícil compaxinar todo”. E isto unido a unha tempada de cambios na Terceira. Na que se optou por volver ao sistema de competición anterior. Semella que o do curso pasado con dúas ligas nunha tempada e unha praza de ascenso final, non acabou de convencer. Probablemente a un dos equipos que menos lle beneficiou o formato fose o Muimenta por como acabaron desenvolvéndose os acontecementos. “Eu prefiro este sistema. O do ano pasado había que xogar co do outro grupo…Gañamos dez partidos seguidos e despois chegas a eses dous e non consigues o ascenso…Véxoo moito máis competitivo este ano. Por exemplo, a Fonsagrada penso que merecía estar máis arriba. O Celta Barreiros fichou agora tamén, Alfoz, Catro Roldas,…Hai varios equipos que cun xogador ou dous que destaquen xa se nota moito nestas categorías”, apunta Basi.

A tempada non rematou. A fase previa da Copa 2019 enfrontaraos nunha primeira eliminatoria a dobre partido ao seu maior rival na clasificación deste ano, o Alfoz. Basi xa sabe o que é gañar o trofeo copeiro. Logrouno cando estaba de xogador no Rioaveso. “Depende moito a sorte que teñas nos enfrontamentos. O primeiro rival xa é complicado. Gañas hai porque a maiores deixa diñeiro nas arcas do club. Algo moi importante para estas categorías nas que non temos apoio de nada”, reivindica o adestrador. Pero dada a situación tamén é innegable o dereito a pensar na nova campaña que se aveciña. “En principio contan comigo” comenta o técnico, pero afirma que “hai que mirar moitas cousas. A maioría da xente continuará, haberá que facer algún retoque como fichar un dianteiro. Non moitos eh, tres ou catro xogadores para ter algo de banco. Eu sempre digo que as categorías están para algo”, conclúe Basi.

Ademais de coñecer a perspectiva de quen dirixe, quixemos palpar o ambiente do vestiario. Meterse no medio da festa dun ascenso non é fácil, pero sacamos datos dun dos referentes no terreo de xogo. Jairo Gegúndez Irimia da parroquia do Arneiro pero case rozando coa de Muimenta. Con experiencia en maiores categorías. Formou parte do histórico Castro de Terceira, aínda que acabou a tempada cedido no Riotorto da Primeira Rexional. Un dos valores diferencias no campo e seu foi o gol que abriu o camiño no partido do ascenso e da festa.

Futbolinlugo: Que sensacións che deixa o ascenso?

Jairo Gegúndez: Estou moi contento por ascender no pobo. Todos somos moi unidos. O ano pasado quedounos a espiña cravada ao non poder subir xogando a final contra o Guntín e agora estou moi feliz.

Fil: Cal cres que foi a razón máis importante para conseguilo?

JG: A unión do grupo. Hai equipos que ao mellor teñen un mellor cadro de xogadores, pero á hora de verse no vestiario vese que non hai a mesma unión ca hai no Muimenta. Non hai unha mala palabra entre ningún compañeiro. Se un falla, o primeiro que facemos é animalo. O ano pasado fallou Miguel Morán (risas) e estivemos moi unidos.

“Ascender cos veciños é súper bonito”

Jairgo Gegúndez e Dani Irimia (que cumpriu coa súa promesa de afeitarse) foron os goleadores da vitoria por 2-0 ante a Fonsagrada

Fil: Que o fai especial?

JG: Ascender cos veciños é súper bonito. É o segundo ascenso que consigo pero quédome con este polo compañeirismo que hai. Somos todos de 10; xente do pobo ou dos arredores.

Fil: Este Muimenta pode dala talla en Segunda?

JG: Creo que hai equipo suficiente para estar en Segunda. Entre todos temos que aportar un pouco máis para non pasar apuros. Habendo o grupo que hai agora mesmo, penso que non os pasaremos.

Fil: E Jairo continúa no Muimenta ou ten ofertas?

JG: Algunha hai, pero “bah” supoño que seguirei aquí no Muimenta. Estou feliz e espero seguir moitos anos máis, pero o fútbol dá moitas voltas…

Fil: Se hai alguén que poña un billete polo medio…

JG: Aquí somos un gran equipo con moita unión entre nós e creo que iso vale máis ca un billete, non?

Fil: Non o dubides. Igual ca nós non dubidamos en colocarte nos sobranceiros como o golazo da semana. Creste merecedor dese humilde recoñecemento?

JG: Non me creo merecedor do golazo da semana. Foi un bo gol, o aire axudou tamén. Non foi o ano que máis goles marquei, pero estou súper feliz por meter este. Quizais foi un dos mellores que anotei, pero este valeu polos outros todos.

Foto de equipo no terreo de xogo e reportaxe multimedia sobre o ascenso realizadas por Jesu Vigo

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario