Todo en xogo nestas últimas semanas de competición, nos que moitos equipos teñen que mirar máis aló dos seus encontros. Coa Copa 2018 xa iniciada na Segunda e Terceira Rexional, o resto das categorías do noso fútbol céntrano todo os derradeiros enfrontamentos da liga regular.
Segunda B:
Non hai ningún representante da provincia na división de bronce, pero o que fagan os equipos galegos ten trascendencia no resto do fútbol da terra e, por suposto, no lucense. Queda unha xornada para o final e, nestes momentos, xa está confirmado o descenso do Cerceda á Terceira. Ademais, o Racing de Ferrol e o Coruxo atópanse en zona de descenso. Na loita, tamén está o Pontevedra que ten unha vantaxe de dous puntos sobre o posto de promoción e de descenso. Esta situación implica que vai haber un descenso seguro doutro equipo galego e, no mellor dos casos, outro desputaría a promoción de descenso. Polo tanto, contamos con dous arrastres xa seguros dende a división de bronce cara a Terceira Galega.
Na Terceira queda tamén só unha xornada e o único representante lucense non está preocupado polos arrastres. Non obstante, o Racing Vilalbés si podería influír neles, xa que o equipo da Terra Chá ten asegurado o seu posto de play off de ascenso á Segunda B. O conxunto adestrado por Óscar Gilsanz é terceiro clasificado con dous puntos de vantaxe sobre o Alondras, polo que se xogará a posición na última xornada diante do Laracha no que milita o vilalbés Víctor Eimil e que tamén está pendente dos arrastres. Nunha categoría na que o campión Compostela de Santi Gegunde e Diego Rey xogará a promoción de campións e o Bergantiños de Pablo Antas, Iago López e Roberto Prieto desputará o play off como segundo clasificado.
Dos catro equipos que están en descenso na Terceira, Noia e Negreira baixarían neste momento para o Grupo 1 da Preferente. Os dous arrastres que habería nestes intres levarían por diante o Areas do lucense Ross e o Arenteiro. Nese caso, ningún conxunto máis caería para o norte da Preferente. Aquí habería que ter en conta tamén os posibles ascensos que se puidesen producir de Terceira á Segunda B. Segundo ascendese un equipo, salvaríase outro e así sucesivamente ata que no suposto de que subiran os catro de Terceira, podería subir algún dos terceiros da Preferente.
Grupo I Preferente:
Restan tres xornadas na Preferente e o Polvorín lidera a categoría empatado a puntos co Paiosaco e só con dous de vantaxe sobre o As Pontes. O Ribadeo é cuarto, a catro puntos do conxunto pontés e aínda soña con poder acadala terceira praza, xa que esta temporada o cuarto non terá opcións de ascenso por mor dos comentados arrastres. O Castro é quinto, pero xa quedou sen opcións de loitar pola zona alta.
Na zona perigosa o Outeiro de Rei xa confirmou o seu descenso á Primeira Rexional e aínda que non é matemático o Atlético Escairón apenas ten opcións de manterse na categoría. Está a nove punto da Residencia, do Viveiro e do San Tirso e só ten o gol average a favor co conxunto da capital lucense. Un equipo, que xunto co Viveiro descenderían nestes momentos por mor dos arrastres. Ademais do San Tirso, o seguinte na clasificación é o Betanzos que ten un punto máis ca os dous lucenses (40).
Primeira Galicia:
As contas parecen están máis claras no grupo lucense da Primeira cos dous equipos da cabeza que xa confirmaron o seu ascenso: Sarriana e Foz. A pelexa é máis dura pola zona baixa a falta de dous encontros para pechala fase regular. Xermade, Bóveda e Ferreira están descendidos e tendo en conta que nestes intres caerían catro equipos lucenses dende a Preferente, habería tres arrastres máis na división. San Roque, San Cibrao e Pontenova baixarían, aínda que a desputa está apretada tamén con Páramo, Valadouro, Taboada, Pastoricense, Monterroso e Santaballés.
Segunda Galicia:
Coa liga rematada e os equipos centrados na Copa, Burela, Pol, Friol e Chantada Atlético planifican xa a vindeira temporada na Primeira Rexional. Non obstante, pola zona baixa están aínda pendentes en cal categoría xogarán o próximo ano. Nesta situación habería tres descensos para o grupo norte e outros tres para o sur. Isto implicaría dous descensos a maiores en cadanseu grupo. No norte, descenden Alfoz e Ourol e descenderían Matela e Abadín; pola súa banda no sur baixan Rubián e Milagrosa e tamén caerían Antas e Castroverde. Tendo en conta que a previsión é que os ascensos de Cervo, Goiriz, Comercial, Corgo, Guntín e Incio se distribúan en tres para cada grupo sen influír nos descensos.
Fútbol feminino:
No grupo primeiro da Segunda División, o Peluquería Mixta Friol realizou outra gran temporada rematando a liga en oitava posición e sumando 37 puntos. Nun campionato no que competiu co proxecto máis ambicioso nestes momentos no fútbol feminino galego, o Deportivo Abanca. O cadro herculino finalizou en segunda posición sen posibilidades de xogar o play-off que disputa o Oviedo Moderno ao ser campión de grupo.
Xa na Primeira división galega, a Milagrosa remata esta fin de semana a liga na casa do Sárdoma B. As xogadoras do conxunto capitalino son décimas clasificadas con 37 puntos e non pasou apuros para lograla permanencia.
Na Segunda galega no grupo II, o Antas lidera a categoría con 63 puntos, con cinco puntos de diferenza sobre o segundo clasificado. A falta de catro xornadas para que remate o campionato o equipo da comarca da Ulloa é o claro candidato a subir o ano que vén á Primeira Galega. No grupo I, o Ribadeo está realizando unha gran temporada no seu primeiro ano de vida. Son cuartas na clasificación con 52 puntos. Quedan catro xornadas por disputar e o equipo da Mariña xa non ten opcións de finalizar na segunda posición na que se xogan os play-offs, pero si o mérito da gran temporada.