A Primeira Rexional xa pode ir anotando as citas. Dende este xoves xa coñece como están repartidas as xornadas para unha temporada que comeza na fin de semana do 8 de setembro. Dezaoito equipos repartirán o doce en 34 xornadas. A última será o 10 de maio. Entre medias moito fútbol. A primeira xornada traénos un duelo de proximidade. O Chantada e o Taboada estrearán campaña no Sangoñedo. É o partido entre rivais máis veciños dentro dunha listaxe na que aparece un Guntín – Monterroso, despois da subida de categoría do cadro laranxa. Ou tamén o Outeiro de Rei – Friol. Outros alicientes terá o Burela – Riotorto. Felipe Varela xogará xa co seu ex equipo. Recén ascendidos como o San Roque e o Folgueiro comezarán como locais. O San Roque xogará co Pol. Mentres que no Boavista reciben ao Castro. Pola súa banda, o Lourenzá visitará ao Xove Lago, nun encontro de representantes da Mariña. Por outro lado, a liga na Liga comeza na segunda xornada. O Santaballés xogara o seu primeiro partido como local ante o Xove Lago.

Felipe Varela é un dos que cambiou de equipo neste verán. Deixou o Riotorto e xogará no equipo do seu pobo, a SD Burela. Os dous equipos xogan na primeira xornada

A Real Federación Galega de Fútbol realizou o sorteo dos cinco grupos galegos da Primeira Rexional na súa sede de Santiago de Compostela. Un proceso rápido que constrúe o ordenador a partir dalgunhas peticións previas. Os eventos locais son os principais reclamo á hora de pedir xogar na casa ou polo menos preto. Repasamos a continuación algunhas datas do calendario que van coincidir con días importantes nos pobos (tendo en conta as datas deste ano e deixando un toque de atención necesario porque sempre poden cambiar e algunhas que poidan quedar no tinteiro):

San Miguel de Monterroso: O patrón de Monterroso igual ten que facer procesión en Cerdeiriños. Na última fin de semana de setembro o novo proxecto liderado por Óscar Méndez, Alberto del Río e Omar xogará polas festas ante o Escairón (4ª xornada)

O Castanhazo Rock en Chantada: a primeira fin de semana de novembro o rock chega a Chantada. Os Sfdk, Soziedad Alkoholika, Koma, Narco, Dios Ke Te Crew, Nao, Skacha, Ezetaerre e máis compartirán finde con fútbol. O Chantada Atlético recibe aos veciños do Taboada CF (9ª xornada). Non lle cae tan ben á SD Chantada que terá que desprazarse ata O Vicedo para xogar co Folgueiro.

O Caldo de Ósos en Taboada: están en plenas festas patronais, pero unha cita xa tradicional en Taboada tamén é a gastronómica. Se se mantén a data, o domingo 1 de marzo debera ser a 29ª edición do Caldo de Ósos. O Taboada terá partido co Pol (24ª xornada).

Feira do Viño de Chantada: festa de gran auxe nos útlimos anos no sur da provincia. Xusto antes de entrar na primavera. A Ribeira Sacra como epicentro. Hai que separar o viño e o fútbol, pero cunhas horas de non relación polo medio pode chegar. En principio a Feira será na fin de semana do 7 e do 8 de marzo. O Chantada Atlético xogará no Sangoñedo co Friol. A SD Chantada terá que visitar o Municipal de Outeiro.

Feira da Artesanía do Ferro en Riotorto: ferreiros poucos quedan, pero aínda quedan menos riotortenses no Riotorto FC. Coincidindo coa exaltación dun dos oficios característicos da zona, o Riotorto terá encontro na Veiga. Recibe ao Taboada CF. Se a data non varía. Todo apunta a que sexa o 12 de abril.

Hai máis festas nos pobos dos equipos da Primeira. Pero a algúns deles non lles cadra xogar na casa. Por exemplo, o Lourenzá visitará ao Folgueiro na fin de semana da Festa da Faba. Cando si poderán desfrutar será no Entroido. A liga para nesas datas. Aínda que a idea de intercalar a Copa pode truncar os plans. Nesa finde tampouco haberá xornada na Preferente. As datas da Copa para estas categorías estaban pendentes de que saira este calendario. 

Máis datas de interese

O marxe das festas hai máis datas importantes. Os derbis ou os duelos da zona alta terán o seu atractivo. O segundo irase vendo conforme avance a Liga, pero os encontros de proximidade tamén teñen datas. Repasamos algunhas:

2ª/19ª xornada (15/09 – 19/01): Castro – Pastoricense. Duelo chairego con Vitín enfrontándose ao seu ex equipo dende o banco

2ª/19ª xornada (15/09 – 19/01): Lourenzá – Burela. Xa se enfrontaron nesta pretemporada e será un dos encontros estrela da Mariña. Os dous representantes da Mariña Central.

Esta temporada volve á Primeira Rexional un clásico do noso fútbol, Iván Recalde. Capitán do Lourenzá

4ª/21ª xornada (29/09 – 02/02): Xove Lago – Burela. Con cambios de cromos como o de Diego Chao. Xogadores próximos nos dous equipos. Dous históricos do fútbol da Mariña.

7ª/24ª xornada (20/10 – 01/03): Folgueiro – Xove Lago. Outro dos duelos capitais este ano na zona da Mariña. os dous representantes da Mariña Occidental.

14ª/31ª xornada (08/12 – 19/04): Chantada – Monterroso. Duelo de tradición e de proximidade. Coa presenza, por exemplo, este ano de David Barrio, unha das fichaxes estrela do Chantada procedente do Monterroso.

15ª/32ª xornada (15/12 – 26/04): Chantada Atlético – SD Chantada. O derbi propiamente dito da Primeira Rexional lucense. Os dous únicos equipos que compiten na categoría e son do mesmo Concello.

17ª/34ª xornada (5/01 – 10/05): Outeiro de Rei – Castro. Semella que vai haber liga na finde da Cabalgata de Reis. Haberá duelo de proximidade na Terra Chá. Igual toca parada no Ferreiro.

Pódese consultar o calendario completo aquí

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*