O bo tempo acompaña esta semana as notas de Futbolinlugo nunha xornada na que foi a última da competición regular na Terceira Galicia grupo norte. A SD Ourol e Roupar ascenderon directamente a Segunda Galicia (co equipo da Mariña proclamándose campión de Liga este pasado sábado). Agora nesta categoría queda a loita polos play offs cuxos cruces serán Fonsagrada-Goiriz e Cervo-Matela.
A figura: Pasarín do Pontenova
O Sporting Pontenova segue mantendo a súa vantaxe na cabeza da Segunda Galicia grupo norte, en parte grazas aos goles de Adrián Pasarín. O conxunto da Mina venceu por 5-4 nun derbi de moitas alternativas ante o Lourenzá que tamén pelexa por engancharse aos postos de ascenso directo á Primeira. Non obstante, os tres goles de Pasarín, xunto co de Andrés Bouza e Miguel Fuente serviron para que o Pontenova manteña cinco puntos de vantaxe sobre o segundo na clasificación.
O ás: Buján do Friol


Manuel Buján foi un dos grandes protagonistas da xornada na Segunda Galicia grupo sur. O gardamallas detivo un penalti cando o seu equipo gañaba por 1-0 ante a Comercial co gol de Daniel Roca. A súa parada fixo que os puntos se quedaran na Reigosa, para que o seu equipo sume xa 37 en total. O Friol é sétimo clasificado aínda que moi lonxe dos postos de ascenso directo (dos que está a quince puntos).
Nin pé con bóla: CD San Román
Non foi o ano do San Román na Terceira Galicia grupo norte. Agora ca temporada xa rematada o conxunto de Cervo queda con catro puntos. Tan só conseguiu unha vitoria e un empate de maneira oficial, xa que fóranlle retirados tres puntos por abandonar un partido ao non mostrarse nada dacordo cas decisións do árbitro. Quedou último clasificado a seis puntos do Celeiro.

Demasiado intenso: CD San Román
equipo de Cervo tampouco tivo una boa despedida de liga. Xogaron contra un Ourol que se xogaba o campionato e acabaron o partido con dous xogadores menos. Simón Quelle e Kenneth foron expulsados por dobre cartón amarelo. A sanción para Kenneth será de catro partidos, segundo o comité por dirixirse ao colexiado nunha actitude incorrecta.