Si, hoxe é un día de merda! Non o imos negar. Nunhas horas comparecerá o presidente da Xunta de Galicia e volverannos pechar a todos. Decisión do Comité Clinico, un ente no que moi poucos desexarían estar. Un equipo incansable ao que lle sobra traballo pero, por desgraza, non afonda en exceso na saúde mental dos nosos cidadáns.

Samu, unha das apostas do novo Foz

E nese ámbito queremos aportar nós. Á nosa maneira, con alegría e boas noticias. A contracorrente do mundo pero tratando de dar algo de luz nun día gris. Xa que temos un compromiso social desde o día que se nos abriron as portas das casas da provincia de par en par. E enormemente agradecidos seguimos máis de catro anos despois.

Sabe Dios xa os días que levamos sen Preferente. E seguramente queden máis dos que se estipulaban. Volverá, non o dubiden. Pero hoxe negámonos a aportar máis negatividade. Así que, nun novo e importante esforzo, pretendemos achegar unha edición especial do ben querido Diario dun Mercado. Así que apreciado lector, esperamos alegrarlle os próximos cinco ou seis minutos con esta lectura. Ese é o noso obxectivo. Máis alá de informarlle de todas as novidades do noso fútbol, que fomos perseguindo de norte a sur da provincia.

Comezamos a nosa viaxe na Mariña, onde o Foz conta con dous novos xogadores a expensas da pertinente confirmación oficial. O atacante Xesús, que chega desde o Xove Lago. Así como o xove Samuel, centrocampista natural de Goiriz e que procede do Riotorto. Pola súa parte, os veciños de Ribadeo confirmaron as incorporacións xa adiantadas de Santi e Luky (Friol). Así mesmo suman a Iván Moreda da SD Ribadeo, o defensa Anxo ex do Barco ou Rúa ourensáns e ao lucense Xairo. Este último, xogador de banda que militou no Racing Villalbés e Lugo B.

Anás recala no Atlético Escairón de Julio Corral

Na zona centro, a Residencia conta con tres novos xogadores adestrando. Veremos cantos deles fichan finalmente. Son os seguintes: o dianteiro Xavier Foliadoso (Castro e Pol), o central Diego (Guntín) e o lateral zurdo Brais (Castro). Na Sarriana incorporaron a Gabriel, un dos homes máis destacados do Taboada. E do Santaballés facémonos eco dunha sonada baixa: a do centrocampista Soto.

No sur da provincia, o Lemos repesca para o noso territorio ao todoterreo Santi Sommariva. Os veciños do Atlético Escairón asinaron ao meta Ivi (Lemos B) e ao talentoso Diego Arias (Chantada), como adiantou La Voz de Galicia. Ademais, esta casa pode confirmar as incorporacións do polivalente Anás (Río Sil), Lucas (Chantada Atlético) e o exxogador do Calasancio Nico.

Por último, un par de apuntamentos máis. O antigo dianteiro de CD Lugo e Racing Villalbés Javier Ballesteros asinou polo Silva de Terceira División. E o técnico José Manuel González ‘Ponfe’ foi confirmado de xeito oficial polo PM Friol do Reto Iberdrola.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*