Foi o único equipo do fútbol sénior lucense dende Preferente que non puido saír na Guía de Fútbol en Lugo. E case non puido saír tampouco en competición. O Lugo Unión estivo con dúbidas ata o último momento para formarse e encadrarse no grupo norte da Terceira Rexional. Un cambio de ubicación, xa que os impulsores do equipo eran os que estaban o ano pasado detrás do Rábade Balompé. Agora queren asentarse nas Gándaras cun proxecto a máis longo prazo, aínda que de momento son os pechacancelas do seu grupo con cero puntos. Conversamos cun dos mentores e capitán do equipo, Cristian Sanfiz. Logo de formarse na base do Sagrado Corazón, pasar polo Guntín e o Rábade chega de novo a capital para disfrutar do fútbol.
FUTBOLINLUGO: Por que decidides cambiar a vosa ubicación e seguir xogando?
CRISTIAN SANFIZ: O ano pasado complicousenos a cousa co terreo de xogo, non nos axudaron moito a telo ben. Tivemos que ir xogar a Cospeito na segunda parte da temporada e iso supuxo gastos polo aluguer do campo. Ao remate da campaña decidimos deixar todo e, nun principio, non iamos saír nese equipo. De feito, eu máis outros xa estabamos buscando outras alternativas por Lugo para xogar. Ao final, eu máis uns cantos, xunto co presidente que nos levamos ben, decidimos darlle para diante. Case non saímos, fixemos todo no último momento. Boteille unha man ao presidente e decidimos saír e vir para Lugo que nos queda máis preto a todos. O presidente facendo un esforzo de cartos e nós tamén de papeleo e así.
FIL: Cal foi o motivo para seguir e facelo todo a présa ao final?
CS: Os que estabamos xogando, a maioría, xa nos coñeciamos dende Guntín. Cinco ou seis seguimos xogando en Rábade. Dábanos pena ir cada un para o seu lado porque o final nestas categorías o que nos importaba era pasalo ben. Decidimos facer o esforzo, seguir os que estabamos, máis algún novo que veu e así disfrutar. Nesta competición se tes un bo vestiario nótase.
FIL: Cal é o obxectivo para a temporada?
CS: Desde principio é o de xogar a promoción de ascenso porque a metade dos equipos poden xogalo. Non empezamos moi ben, pero hai que sentar as bases do proxecto para darlle continuidade e que non nos pase como o ano pasado.
«Sacar resultados, pasalo ben e que a xente non se borre»
FIL: No futuro a intención é seguir en Lugo?
CS: Ao ser de aquí, estamos todos moito máis contentos. É cousa tamén do presidente porque se non se acadan obxectivos a curto prazo desesperase un pouco. Temos que empezar a sacar resultados, pasalo ben e que a xente non se borre porque o ano pasado acabamos xogando once moi xustos.
FIL: E como ves este ano a Terceira despois da experiencia de dividir a categoría o curso pasado en tres grupos?
CS: No noso grupo vexo tres equipos moi fortes. O Celta Barreiros empezou fortísimo, a Milagrosa é un equipo que todos sabemos que ten que estar arriba, Matela,…quedar arriba vai estar moi complicado. O propósito é meternos nas últimas prazas e pelexar con equipos máis do noso nivel como poden ser Cazás, Rioaveso,…
«É unha falta de resultados máis ca de xogo»
FIL: Cales poden ser as razóns polas que o equipo aínda non sumou ningún punto?
CS: Creo que é unha falta de resultados máis ca de xogo. Tres dos catro partidos perdémolos por un gol. Ca Milagrosa iamos perdendo 0-2, empatamos e gañaron no último minuto; en Cazás iamos ca xente xusta por diversos motivos e perdemos por un gol. Penso que o equipo está xogando ben, pero estamos tendo mala sorte. Están chegando reforzos novos e estamos adestrando moita xente. Eu creo que en xaneiro imos chegar a un punto no que imos estar gañando e recollendo resultados. É unha mala xeira, se ben ao principio mellor ca que veña ao final.
FIL: Entón o mellor Lugo Unión verémolo na segunda volta?
CS: O ano pasado xa nos pasou en Rábade. Somos un equipo que nos costa adaptarnos. Tamén agora temos que adaptarnos a xogar nas Gándaras, pero se a xente sigue vindo e coas gañas que está tendo vamos acadar o resultado seguro.
FIL: A nivel individual, como te atopas?
CS: É o cuarto ano en Rexional, logo de estar dous anos no Guntín e outro no Rábade. O ano pasado foi bastante complicado porque estiven traballando fóra polo que compaxinar adestramentos e vir xogar un día perdeuse moito a forma física. O obxectivo é intentar recuperala e dar un paso adiante. Ademais, estreno capitanía asique haberá que intentar levar a xente motivada.
FIL: Porque o ano pasado decidiches cambiar para un proxecto novo como o do Rábade?
CS: Polo mesmo motivo que agora estou aquí. A xente que está xogando facemos un grupo moi forte que creo que o poucos equipos o teñen. Hai moitos equipos están divididos e nós iso si que non o temos. O vestiario é importante para que a xente non se borre.