Na tarde de onte, martes 14 de abril, a RFEF mantivo unha reunión extraordinaria para determinar que pasará coas ligas non profesionais nesta 2019/2020. Son moitos os clubes que se achan nunha situación incerta por mor do parón indefinido no fútbol, moitos que poden ver frustrado o traballo de oito meses de concluíren as competicións. Xa non só a nivel deportivo, senón tamén a nivel económico, se perderían grandes inversións realizadas por algunhas entidades para conseguir o ascenso ou manter a división.

Porén, o máis importante é a saúde. Aínda así, a Federación xa prepara unha solución para estas categorías non profesionais, especialmente para a Terceira División e a Segunda División “B”. A falta de confirmación oficial, a intención e a disputa dun playoff entre os catro primeiros clasificados de cada grupo e a conclusión inmediata da liga regular, sen descensos. Por tanto, o Polvorín e o Racing Villalbés permanecerían un ano máis na máxima división do fútbol galego.

O playoff consistiría nunha final-four entre SD Compostela, Ourense CF, Arosa SC e CD Barco, a partido único e en sede neutral. Para o resto das categorías semella que tamén se estudan distintas opcións, entre as que se fala de que ascendan máis equipos dos que están en posicións de ascenso. De momento, pese a todo, nada é oficial.
Outra opción posible para a Terceira, que coñecemos onte da man de Manu Amor, é a creación de dous grupos para a 2020/2021, nos que entrarían os catro ascensos de Preferente (Viveiro, Fisterra, Ribadumia e Atios) e  a Agrupación Estudiantil.

Desde Futbolinlugo quixemos falar cos dous adestradores dos conxuntos lucenses na Terceira, Simón Lamas (Racing Villalbés) e José Durán (Polvorín). O técnico do filial do CD Lugo sinala que “pensando nos nosos intereses a nós válenos calquera opción, aínda que é certo que nos gustaría rematala, xa que estabamos nun gran momento de forma e nos deixa un sabor amargo non poder saber até onde seriamos capaces de chegar”.

O preparador chairego, pola súa banda, pensa que “aínda que todos os equipos desexarían facer méritos no campo e que todo se solucionase o antes posible, como non vai ser así o importante é acabar coa crise sanitaria e social, polo que o fútbol queda nun segundo plano.” Simón Lamas considera “un erro que si haxa ascensos e non descensos, porque ambas cousas son igual de importantes”, ademais de estar en contra de que “se altere o formato de competición vixente nunha Terceira División que merece moito respecto, polo que é unha decisión apresurada e pouco relevante no momento no que estamos, xa que é momento de priorizar outras cuestións.

Manteremos informada á nosa comunidade das novas!

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*