#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal #Terceira Futgal

Ascenso á Segunda por primeira vez na historia

O Incio xogará a vindeira temporada na Segunda Galicia ao conseguir, xunto ao Corgo, asegurar a súa praza na fase polo ascenso de xeito matemático a falta de tres xornadas para que remate a Terceira Rexional. Na súa historia o cadro amarelo non xogou nunca nesta categoría, nin antes nin agora, xa que dende hai tres anos unha nova directiva refundou o club e púxose á fronte para evitar a perda do balompé no concello inciense. Algo que demostra o carácter desta zona, que o recoñecido escritor Ánxel Fole calificou de «Terra Brava», nome que acompaña tamén á nova denominación do equipo.

O conxunto adestrado polo tándem Raúl Leizán coa axuda do xogador Jessi xa quedara líder do grupo sur na primeira fase. De doce encontros xogados, gañou oito e só perdeu dous, pero o novo formato para a Terceira Galicia obrigounos a ter que volver empregarse de novo e fallar pouco para estar entre os cinco primeiros clasificados no grupo da fase polo ascenso. Aínda sen finalizar o campionato, o Incio suma 21 puntos estando segundo clasificado por detrás do Corgo. Comezou esta fase con dúas vitorias importantes no mes de xaneiro; a primeira a domicilio ante o Cervo e despois na casa ante o Catro Roldas. O cadro amarelo soubose sobrepoñer as dúas únicas derrotas ata o momento, que chegaron seguidas, na terceira e na cuarta xornada. Dende aquela, catro triunfos e sete empates.

A última vitoria a domicilio no campo do Goiriz, cunha boa actuación do meta Emilio, deixou case sentaciado o ascenso, que se certificou un día despois, sen xogar. Os resultados que se deron na seguinte xornada beneficiaron ao equipo inciense. «Estamos moi contentos. Fixemos unha temporada moi boa, era o obxectivo que nos planteou a directiva ó principio da temporada«, asegura o técnico Raúl Leizán que afrontaba a súa primeira temporada como adestrador.

Foi un ano no que houbo que adaptarse as novas esixencias da Federación no tocante ao formato de competición. «De primeiras non me gustaba. Houbo que modificar porque fixemos unha pretemporada para esa primeira fase non moi dura e despois antes de comezala segunda,coincidiu co parón de Nadal e tamén traballamos para chegar ben. Sabíamos que unha vez que estábamos na segunda fase, era máis factible o ascenso. Saíu ben, non se pode pedir máis», analiza contento Rául.



Con adestrador de Sarria tentamos tamén descubrir as chaves que fixeron posible este éxito do Incio: «Unión, traballo, épocas nas que tamén se corrixiron cousas, a ilusión que tiña a directiva,…foi un cúmulo de todo un pouco. Sorte sempre hai que ter e moito compromiso«. O preparador contou coa colaboración ao mando do equipo dun dos xogadores con máis experiencia, o central Jessi co que afirma que se complementou moi ben: «Eu xa o coñecía de antes de xogar o fútbol e tiña unha boa amizade con el. Aceptei o cargo cando me propuxeron formar dupla con el. Levei eu máis o tema de adestrar pero sempre que había alguna dúbida, falabamos». Esta boa sintonía puido ser outro dos factores do bo curso do Incio e tamén que un dos adestradores xogase no equipo, aínda que Raúl non admite favoritismos á hora de facer as aliñacións: «Púxeno porque andabamos moi escasos de centrais. É veterán e ten experiencia».


Aínda é abril, pero xa toca ir planificando a vindeira temporada na Segunda. «Non creo que haxa ningún problema por min e por Jessi de seguir, pero veremos tamén quen desexa continuar no cadro de xogadores», comenta Leizán quen valora os aspectos positivos de xogar nunha categoría superior: «Para os xogadores sempre chama máis a atención, iso permite traer futbolistas da zona e seguir medrando e mellorando».

Por último o míster quixo agradecer a entrega aos xogadores, segundo el os verdadeiros protagonistas deste triunfo histórico para o Incio Terra Brava: «Ás veces que viñan 6 ou 7, adestrabamos igual. O adestrador ten que facer o seu traballo, pero os xogadores son os que están no campo. O ascenso é deles. Grazas tamén á directiva e a Jessi». Agora só queda celebralo, a cita este sábado.

Ascenso á Segunda por primeira vez na historia

II Copa Gallaecia Infantil e Alevín

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *