Antes de comezar a actual temporada, desde fóra, a U.D. Folgueiro non entraba en ningunha quiniela para dar o salto de categoría. Pero desde dentro, a convicción era de poder dar guerra, e loitar por un ascenso que, de acadalo, sería histórico para o conxunto do Vicedo.

A plantilla da pasada temporada, con reforzos de luxo, encabezados polo mítico Aurelio, que decidiu abandonalo clube da súa vida, o Viveiro, está en condicións de facer historia. A falta de catro partidos, o Folgueiro é terceiro na clasificación, empatados a puntos co Pol que ocupa postos de ascenso e a tan só un do líder, a S.D. Burela.

Anxo Fernández pode levar ao Folgueiro á Primeira Autonómica. Foto: LVG

Sen dúbida algunha un dos artífices do éxito do plantel é o seu adestrador: Anxo Fernández. Tras pasar como xogador polo Viveiro, Burela ou Xove Lago, cumple a súa terceira temporada á fronte do Folgueiro, acadando cada ano unha melloría que os levou á situación actual. Desde Futbolínlugo falamos con él.

FUTBOLÍNLUGO: Dous meses sen perder. Vintedous dos últimos vintecatro puntos en xogo. Agora xa se pode decir que o Folgueiro é un firme candidato ao ascenso?

ANXO FERNÁNDEZ: Faltando catro xornadas e clasificados como estamos somo serios candidatos ao ascenso. Desde dentro do vestiario vímonos así desde mediada a segunda volta.

Éntranos o medo a botar a perder o traballo de sete meses

FIL: Ourol, Alfoz, Iberia e Meira son os vosos rivais nos catro últimos encontros de liga. A priori sodes favoritos en todos.

AF: Si, somo favoritos en todos, pero seguro que o Alfoz se estará xogando o descenso, o Iberia no seu campo sempre é un rival complicadísimo, de feito nunca fomos capaces de gañarlles alí, o Ourol seguro que competirá moito mellor que nos últimos partidos ao tratarse dun derbi e o Meira aínda que baixe o nivel fóra da casa sempre é un rival incómodo. Favoritos sí, pero no fútbol non sempre gañan os favoritos.

FIL: Nos dous últimos encontros nove goles a favor e sete en contra. Hai algo de tolemia nos vosos encontros non?

AF: É un pouco difícil de explicar. Levamos dous partidos que deberían estar sentenciados no descanso con resultados abultados (3-0 e 1-4) pero co empuxe do rival e algún fallo individual, éntranos o nerviosismo e o medo a botar a perder o traballo de sete meses. Temos poucos xogadores acostumados a xogar con esta tensión e iso nótase. Por sorte só quedaron en sustos, porque levamos unha temporada moi boa defensivamente.

Aurelio é un líder, ten o gen ganador que nos faltaba

FIL: Os vosos atacantes están en forma. Sodes o equipo máis goleador da categoría con diferencia.

AF: Si, os atacantes están moi ben, pero moito mérito teñen os Oki, Pedro, Tichi, Martínez, Iago…que fan que aos atacantes lles cheguen balóns en boa disposición. Incluso Fernando desde a defensa debe levar tres ou catro asistencias.

FIL: Remate ou non en ascenso, esta temporada é excelente para vós. En que baseas o crecemento do equipo?

AF: Pase o que pase a temporada xa é moi boa. O compromiso debémolo atribuir ao compromiso da plantilla, á madurez deportiva dos que xa estaban e ao plus que nos deron as fichaxes (Aurelio, Abel, Miguel e Martínez) que nos deron un salto grande de calidade.

FIL: Aurelio é un xogador diferencial na categoría. Que aportou ao Folgueiro desde a súa chegada?

AF: Aparte de 24 goles e 12 asistencias, o gen gañador e competitivo que quizais nos faltaba. É un líder.

Rubén De la Barrera é un libro aberto de fútbol, un referente para os que adestramos no fútbol modesto

FIL: Como ves aos vosos rivais? O Burela parecía destacarse pero o Lourenzá volta a meterse de cheo na loita, xunto con vós, Pol e Guitiriz.

AF: Os rivais están coma nós, sacando os partidos con problemas. Aquí ninguén arrasa e menos ao final das competicións cando todos se xogan algo. O único que ven de máis a menos é o Burela que parecía que xa o tiña feito. De momento os dous primeiros son os que teñen a obligación do ascenso, por nome e presuposto, e agardemos que esa presión poda volverse na súa contra e aproveitalo.

FIL: Estiveche na conferencia de Vicente Del Bosque e Rubén De la Barrera organizada pola Federación Galega. Que conclusións ou aprendizaches puideche sacar?

AF: As conferencias sempre son enriquecedoras. Aínda que son orientadas ao fútbol profesional, sempre se poden sacar cousas para os nosos equipos. Vicente Del Bosque deu unha lección de como liderar e solucionar problemas e Rubén De la Barrera é un libro aberto de fútbol, un referente para todos os que estamos adestrando no fútbol modesto. Desde a nada chegou ao fútbol profesional a moi curta idade.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

1 ComentarioDeixa un Comentario

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*