A Axenda desta xornada ven protagonizada polo partidazo de Cantarrana, pero nen moito menos ten o protagonismo absoluto. Ademáis do partido da xornada, temos unha ampla oferta ao longo e ancho da nosa provincia.

Terceira División

– Racing Vilalbés – Bergantiños C.F. (Domingo ás 16 horas na Madalena): encontro trampa na capital da Terra Chá. Os de Simón Lamas, situados na metade da táboa reciben a todo un Bergantiños que ocupa plaza de descenso, pero que só ten tres puntos menos que o Racing. Logo das derrotas ante Compostela e Barco, dous dos favoritos, un triunfo sería vital para evitar complicacións antes da visita a outro insigne, o Fabril.

Preferente Norte

– Viveiro C.F. – S.D. Fisterra (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): auténtico partidazo entre os dous primeiros clasificados co liderato da Preferente en xogo. Os de Chusky aventaxan en dous puntos a un Fisterra que está a ser a gran revelación da temporada. Un conxunto recén ascendido, pero que contan con xogadores de renome, como Herbert, Capelo ou ex do Racing Vilalbés Santi Taboada, entre outros.

– S.D. Sarriana – C.D. Boiro (Domingo ás 16:15 horas na Ribela): logo do pinchazo no campo do Boimorto, os sarriaos precisan dun triunfo para engancharse de novo aos postos de cabeza. Enfronte un Boiro que comezou a liga con tres derrotas nas tres primeiras xornadas, pero que despois de dez encontros invicto xa é terceiro.

– C.D. Foz – Laracha C.F. (Domingo ás 16 horas no Martínez Otero): encontro clave na pelexa pola permanencia. Despois de tres derrotas consecutivas, os mariñáns buscarán a vitoria para afastarse do descenso directo. Reciben a un Laracha que perdeu seis dos últimos sete partidos e é penúltimo na táboa clasificatoria.

Primeira Autonómica

 – E.D. Lourenzá – C.D. Castro (Domingo ás 16 horas en Santa Cruz): logo de seis derrotas consecutivas, os de Diego Rego precisan dun triunfo urxentemente para achegarse á permanencia. O Castro, que tan só conseguiu un triunfo nos seis últimos encontros, non quere verse arrastrado aos postos de perigo.

– S.D. Outeiro de Rei – C.D. Guntín (Domingo ás 16:15 horas no Municipal): o conxunto local, que só cedeu dous empates no seu feudo, quere manter a segunda praza diante dun Guntín situado na metade da táboa e que xa foi quen de arrancar un punto da Marosa.

Segunda Autonómica

 – S.D. Guitiriz – S.D.C. Cabreiros (Domingo ás 16:15 horas no Suso Cruz): encontro entre aspirantes ao ascenso. Ámbolos conxuntos atópanse a dous puntos do segundo clasificado. O vencedor colocarase nunha situación de privilexio.

 – C.D. Alfoz – Celta Barreiros (Sábado ás 16:15 horas no Municipal de Alfoz): choque de dinámicas opostas. O cadro local suma nove xornadas sen perder e mantense invicto na casa. Os visitantes acumulan catro xornadas sen gañar. Pero nun derbi, as traxectorias serven de pouco. Interesante encontro entre dous recén ascendidos que apuntan alto.

– Ferreira C.F. – S.D. Paradela (Domingo ás 16:15 horas no Baliño): o líder contra o terceiro. O cadro local non perde desde a primeira xornada e é o equipo máis goleador cunha media de tres goles por encontro. Enfronte un recén ascendido que se mantén invicto a domicilio.

Foto: Facebook Ferreira C.F.

Terceira Autonómica

Fonsagrada Balompé  – A.D. Catro Roldas (Domingo ás 16:30 no Gómez Besteiro): o conxunto local, líder invicto, recibe a outro dos aspirantes ao ascenso. Un triunfo dos chairegos apretaría aínda máis os postos de ascenso. Os de Román suman catro encontros sen coñecela derrota.

 – Club Lemos B – C.D. Sober (Sábado ás 20 horas no Luis Bodegas): ámbolos conxuntos pelexan por achegarse aos postos de ascenso directo. O filial lemista, nunha dinámica mellor que no ano de seu debut non se amosa fiable no seu feudo, mentres que os soberinos son un dos mellores equipos da categoría a domicilio.

Primeira División Galega Feminina

 –  S. D. Antas – S.D. O Val (Domingo ás 16 horas no Castro Seoane): logo da derrota ante o líder, as da Ulloa precisan dun triunfo para escalar postos na clasificación. Enfronte, o conxunto de Ferrolterra con tres puntos menos na clasificación que as lucenses.

Segunda División Galega

 – S.D. Chantada – Olímpico C.F. (Domingo ás 18:15 horas no Sangoñedo): logo dun mal comezo de competición, as chantadinas foron quen de gañar os dous últimos encontros. Reciben ao Olímpico, que conta cun só triunfo, o acadado na primeira xornada de liga.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*