O PM Friol deixou dous importantes puntos na súa loita polo ascenso na súa visita a Asturias. O cadro de Covi empatou 4-4 ante o Versalles, nun encontro no que mandaba por 2-4 a menos de quince minutos para o remate. Alicia e Peque, levantaron con sendos dobletes o 2-0 que figuraba no electrónico á media hora de xogo. No entanto, a local Coche vestiuse de heroína no tramo final. Asinando un hat trick e deixando un puntiño para as avilesinas.
No entanto, o filial da Reigosa disputou o seu segundo partido no día de Todos os Santos. E segunda vitoria para as de Diego Vivero, con remontada incluida nos últimos vinte minutos. Un 4-2 na casa ante un O Val que fixo dano á contra. As de Friol tiveron a posesión pero ambos equipos xeraron perigo e moitas situacións de gol. Anabel foi a máis destacada aínda que Nere e Jesi tamén asinaron un bo encontro.
Nesa mesma categoría, o Lugo levouse pola mínima un duelo de poder a poder ante o Victoria B (3-2). Entretido e intenso, así foi un choque no que as blanquivermellas puxeron terra de por medio cun 2-0 na primeira parte. Impresionante o segundo gol, obra de Fanny Varela. No entanto, as branquinegras fixeron o 2-1 cando mellor estaban as locais. A igualdade foi a tónica da reanudación, que deixou menos ocasións. As visitantes empataron pero a oito minutos do remate, Esther provocou un penalti que marcou Candela. Fanny, bigoleadora, destacou xunto á asistente Esther e a incansable Noa.
Por outra banda, o Antas sumou un valiosísimo empate sen goles ante o Orzán, un dos equipos sobranceiros da categoría. Ambos conxuntos tiveron as súas opcións para levar os tres puntos pero naide conseguiu ver porta.
Un derbi de tolos e escasez de xogadoras
Na Segunda, o primeiro dos derbis quedou no Sangoñedo. O Chantada venceu por 9-0 a un San Roque que viña de encaixar doce goles na casa no último partido da xornada pasada, ante a Milagrosa. O resultado é o de menos para as rapazas de Quiroga. Atópanse en plena formación, con once xogadoras xustas e varias delas estreándose no mundo do fútbol. O cadro de Álex Cambeiro realizou rotacións nun partido que o Chantada xa gañaba por 2-0 nos primeiros minutos. María e Laura Rey, que xogaron o seu segundo partido en filas chantadinas, destacaron. Esta última sendo cadete. Polo San Roque, quedamos con Naiara e Saray.
E o segundo choque de rivalidade comarcal, marchou para Carballedo. A Milagrosa perdeu por 2-3 nun partido no que xogou máis de cincuenta minutos cunha xogadora máis. O colexiado errou ao expulsar á porteira visitante por un mal despexe coa man cando as visitantes vencían por 0-1. Na reanudación, en inferioridade, chegaron os mellores momentos das visitantes. Aínda así empatou a Milagrosa de córner. Pouco durou a alegría, xa que o Carballedo conseguiu dous goles máis para deixar o encontro case sentenciado. As branquivermellas maquillaron o resultado, co 2-3 definitivo noutro saque desde o curruncho.
Ademais, a Comercial caeu por 1-3 ante o Bandeira. Encontro meritorio das vermellas, que acudiron con nove xogadoras á cita e sen o seu adestrador principal Vivian Dors. Por último, o Monte Forte perdeu por 0-2 ante o Santiso. O choque resultou moi disputado pero decidiuse en pequenos detalles. As visitantes aproveitaron os erros monfortinos para levarse o gato á auga.