Trío de Ases Terceira e Preferente (Xornada 6)

Dúas derrotas para os nosos representantes na Terceira. O Polvorín non puido sacar nada positivo de Calabagueiros e caeu derrotado por un tanto a cero ante o Barco, nunha tarde de abafante calor, tendo que realizar unha pausa para hidratarse. Os de Durán tiveron ocasións para adiantarse por medio de Rayco, Quezada e Pablo Rey, pero foron os de Valdeorras os que lograron o gol. Na reanudación, o filial lucense non se rendiu e Antón Escobar e Cuadrado, xa moi preto do final tiveron o empate nas súas botas. O ex xogador do C.D. Lugo, Rubén García tamén puido sentenciar, pero Cacharrón estivo atinado.

O Racing Vilalbés sumou a terceira derrota consecutiva, tras caer derrotado  (1-0) no campo do Laracha, no que foi o reencontro con Óscar Gilsanz, un dos artífices da mellor temporada da historia do cadro chairego. O tanto do Laracha chegou logo dun protestado penalti. Os de Xoan Peón seguen sen dar coa tecla axeitada.

Xornada sen derrotas para os nosos equipos da Preferente. O derbi entre o Castro e o Ribadeo rematou con empate a dous tantos, nun encontro con un expulsado e catro penaltis. O primeiro deles chegou no minuto 2 e supuxo a vermella directa para Mario. Moi protestado polos mariñáns ao entender que existira fóra de xogo previo. En inferioridade, o Ribadeo levou a iniciativa do partido e adiantouse por medio de Poratti. Os xogadores hoxe adestrados por Brais Prados igualaron cun tanto de Hugo Buide nunha xogada aillada. Na segunda metade Santi errou desde os once metros, e na seguinte pena máxima foi Fer quen adiantou ao Ribadeo. O Castro deu un paso adiante e Dumi igualou tamén desde os once metros.

O Viveiro logrou a terceira victoria consecutiva ao gañar 0-1 no García Calvo ante o Negreira con gol de Tichu. Os de Chusky foron xustos vencedores do partido e incluso puideron obter un resultados máis amplo. Contaron con numerosas ocasións e estrelaron dous balóns no pao.

O Foz non puido pasar do empate no Martínez Otero ante o poderoso Arzúa (2-2). Os erros defensivos seguen a penalizar de xeito moi duro aos de Gayol, que foron lixeiramente superiores a un rival que se agarda remate na zona alta. Gonzalo e David Rodríguez marcaron para os focenses.

A Sarriana acadou un punto no campo do Atlético Coruña Montañeros que lles a pouco. Os de Alberto López adiantáronse no minuto 20 cun tanto de Omar tras pase de Marzán. Na segunda metade, chegaron os mellores momentos dos sarriaos e Quiroga anota o segundo tanto. A falta de pouco máis de dez minutos, o colexiado expulsa ao porteiro Javi López tras cometer un penalti, pero a pena máxima foi detida polo debutante Ayoub. Nun desconto, que foi de seis minutos chegaron os dous tantos dos coruñeses.

 

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario