Dous equipos lucenses descenderán como mínimo á Primeira Galicia. Son os casos do Outeiro de Rei e o Atlético Escairón. Iso sí, as súas dinámicas son ben distintas. Os de Juan Peón sumaron a súa terceira victoria consecutiva ante o Boimorto. Fixeron un encontro moi serio e aproveitaron a inferioridade numérica do rival para dar a estocada final. No entanto, os do Saviñao seguen en crise. Cederon con claridade ante o Arzúa. Encaixaron dous goles antes do descanso e un máis xusto ao comezo da reanudación. Por se fora pouco, Pandiani rematou expulsado.
O resto de equipos da zona baixa gañaron. Ninguén quere perder a categoría. A Residencia desfíxose do Castro cun golazo de Dani Galán de falta no minuto 86. Un partido de poder a poder, con alternativas, e que puido caer de calquera lado. E marcado pola aparatosa lesión de Adrián, que pasou unha noite no hospital cunha profunda brecha na cabeza. A cousa non foi a maiores. Final feliz para os da Cheda, e máis aínda para Carlos Raposo. Que tiña un autobús na porta esperando para él cos seus amigos! Ademais o Viveiro suma e sigue logo de superar pola mínima ao Sofán. Xaime dirixiu as operacións e Rolle e Arturo fixeron os dous goles na primeira metade.
Polas alturas, o Polvorín non foi quen de marcarlle ao Ordes. Os visitantes, en inferioridade numérica durante case todo o encontro, fixeron un encomiable exercicio defensivo. Poucas veces se viu defender desa maneira a un equipo. Os de José Durán pegaron cun muro e o As Pontes xa está a só dous puntos. A anécdota do choque foi a expulsión de José Durán. Botou un coiro con rabia contra o chan. A mala sorte fixo que rebotase no asistente e o técnico lugués rematou cun cartón vermello. Ademais, o Ribadeo sufriu para remontar ante o Dumbría. Os coruñeses adiantáronse ao borde do descanso. Na segunda metade, Rafa Casanova deixou aos seus con dez homes por unha suposta agresión a un rival. Aínda así, os de Fiz Rodríguez tiraron de casta. O talento de Friol, Santi Vázquez, marcou no 90 para gañar. Por último, o Racing Villalbés sacou un valioso punto do feudo do Choco de Alberto Suárez. Abriu a lata, sufriu a remontada rival e arañou un empate cun novo tanto de Sergio Arias, que continúa en estado de graza. Minuto 90 e final da nosa crónica semanal.
O próximo envite comeza mañá. Coa disputa dos encontros aplazados da Preferente: Ordes-Castro e Dubra-Ribadeo. Así coma unha nova xornada ligueira para o Racing Villalbés. O Silva visita a Magdalena.