Unha nova sección está a piques de estrearse en Futbolinlugo. Buscamos a persoa que máis sabe do balompé da provincia e para iso contamos coa colaboración de Plenario Veiga e co patrocinio de Discoteca Hermo e o Tibor.
Nace ‘Sesión Plenario’, o espazo que palpará semana a semana canto coñecemos do noso fútbol. Trátase dun concurso onde en cada programa dous participantes se enfrontarán. Cada un terá que responder a un máximo de cinco preguntas e a persoa que máis acerte accederá a seguinte eliminatoria.
As preguntas serán sempre referidas a algún aspecto do fútbol provincial. No caso de que rematadas as cinco preguntas regulamentarias os participantes estean igualados en acertos, seguirianse facendo preguntas de unha en unha ata que un das dúas persoas fallara.
Os diferentes gañadores accederían a sucesivas roldas ata que se xogue a gran final. O vencedor levará un premio acorde aos seus coñecementos e esforzo.
O programa emitirase os domingos en formato audiovisual. Un dos redactores de Futbolinlugo presentará a sección, dous concursantes xogarán e Plenario Veiga levantará acta en cada sesión dando por válida ou incorrecta cada unha das respostas.
Quen pode participar?
Calquera persoa que teña máis de 18 anos e lle teña cariño ao noso fútbol. Sexa futbolista, adestrador, directivo, afeccionado dun equipo ou amante en xeral do balompé.
Que hai que facer para anotarse?
Enviar un correo a futbolinlugo@gmail.com co asunto ‘SESIÓN PLENARIO’ acompañado do nome e apelidos e un teléfono de contacto.
Hai límite de inscricións?
Si, nesta primeira edición de Sesión Plenario participarán 32 persoas. As prazas para o concurso gardaranse segundo a orde de chegada de anotacións.
Chegou a hora de ser o máis habilidoso pero fóra do campo de fútbol; estamos no momento de saber as altas capacidades daquel que presome na cantina. O espazo para todas e para todos. Animádevos a xogar con nós e a seguir dignificando o fútbol lucense.