A Segunda Futgal afronta as seis últimas xornadas, á espera de que se xoguen tres partidos pendentes na zona norte. Eses encontros poden resultar decisivos na clasificación tanto na parte alta como na baixa. Iberia e Folgueiro colideran no norte; Santa Comba, Brollón e San Roque fano no sur.
Logo do parón polos oitavos de final da Copa Deputación, a liga regular regresa nesta última fin de semana de marzo. De aquí ao final só quedará o descanso pola Semana Santa. Un tempo de lecer que non será tal para o Sp.Pontenova – Iberia, Cospeito – Celta Barreiros; e Guitiriz – Piringalla, os partidos pendentes que comentabamos, nin para os conxuntos da categoría clasificados para os cuartos da Copa: Folgueiro, Riotorto, San Roque, Becerreá, Paradela e Brollón.
Repasamos a situación da división co ‘O Noso 11 A Chaira’ da última xornada disputada, a 24ª.
Os 50 do Iberia e do Folgueiro
Ambos equipos encabezan a clasificación cos mesmos puntos, pero cun encontro pendente de xogar para o club de San Miguel de Reinante. O Iberia volvera coller unha mínima vantaxe, pero o seu empate na Rúa ante a Candelaria (1-1) volveuno deixar en empate momentáneo co Folgueiro.


Precisamente, antes de que se recupera o Sp. Pontenova – Iberia, xogarase un Iberia – Folgueiro. Na primeira volta os pupilos preparado por Moro gañaran de visitantes en Boa Vista. Por se acaso fan falta goles para un hipotético desempate, os do Vicedo van facendo caixa ao vencer 10-0 ao Cospeito cun hat-trick de Erni.
O Riotorto e o Celta Barreiros están na loita. E o Casás?
Despois do primeiro posto, que dá o ascenso á Primeira, e a segunda praza, que permite xogar a promoción, na 3ª e na 4ª posición preséntanse o Riotorto e o Celta Barreiros con 47 puntos (3 menos que os seus antecesores) e nun bo estado de forma.
O Riotorto acumula seis encontros sen perder, xogará os cuartos de final da Copa e aínda continúa fichando. A última incorporación foi a do central Martín Traba, un auténtico experimentado do fútbol tras pasar por varias categorías e equipos, procedente do Ribadeo.

O Celta Barreiros suma na liga nove partidos sen coñecer a derrota. Non lle tremou o pulso na Mina e venceu 1-6 ao Sp. Pontenova. Ten a baza do encontro pendente e un último partido de liga co Iberia. Ese derbi nas Valgas pode ser apoteósico cos dous equipos do concello de Barreiros tendo opcións de subir de división.
Na 5ª posición, coa mellor xeira de resultados do grupo tendo en conta os últimos cinco, sitúase o Casás. As cinco vitorias consecutivas colócanos a seis puntos do primeiro posto. Logo de distanciarse por momentos deses postos de cabeza, o cadro capitalino ten opcións de chegar vivo as últimas xornadas. Non lle quedan enfrontamentos directos e rendiu ben ante os rivais que o anteceden. Ten o gol average co Folgueiro e o Riotorto.
Zona morna
Tendo en conta sempre os arrastres, a salvación na categoría podería andar na órbita dos 30 puntos. Seguindo esta regra non escrita, o Xermade (6º) e o Sanci (7º) quedan sen obxectivos clasificatorios importantes polos que loitar. Veñen de empatar no encontro pendente que tiñan de xogar e quedan con 39 e 37 puntos, respectivamente. Ambos buscarán metas particulares para rematar da mellor forma posible a tempada.
O Sporting Pontenova (36 pts. e un partido menos) e a Candelaria (35 pts.) tamén están asentados na táboa clasificatoria e permanecerán na categoría. Non obstante, sóbranlles os propósitos a conseguir. Sen ir máis lonxe, xa se viu no empate da Candelaria co líder.
Por parte de ambos, seguramente se vexa esa competitividade en dúas das grandes citas desta fin de semana. O Sporting Pontenova ten duelo de proximidade co Riotorto e a Candelaria ten derbi co Sanci. Os encontros xogaranse en campos co mesmo nome, A Veiga, pero a unha hora de camiño entre un e outro. Por certo, que o derbi de Cervo madruga. Xógase o sábado ás 12:00 h.

A vitoria do Alfoz coa Piringalla in extremis cun gol de Iván García deixa ao equipo 10º con 31 puntos e practicamente salvado. Séguelle o Cabreiros con 28 puntos, igualado co Guitiriz. Ambos conxuntos téñeno de cara para non complicarse e salvar a tempada. Aínda así, o conxunto guitiricense ten un partido pendente coa Piringalla (oito puntos de distancia entre ambos).
Cantos decensos na zona baixa?
Esa é a gran pregunta que se fan os equipos implicados na loita pola salvación na Segunda. A falta de que sexa matemático, o Cospeito baixará. O Muimenta ocupa a outra praza de descenso directo. Está a catro puntos da teórica salvación, pero os arrastres xa complicarían moito a súa situación.
Sen ter en conta que un descenso dun equipo galego de 2ª RFEF lle acabase afectando a un lucense da Primeira (é hipotético, pero podería acontecer), é dicir, fixándonos nos equipos lucenses que están en descenso na Primeira Futgal agora mesmo, habería dous arrastres na zona norte. Polo que Piringalla (14º – 20 puntos) e Mondoñedo (13º – 21 puntos) descenderían.
O 11º e o 12º teñen 28 puntos, polo que a loita máis inmediata para Piringalla e Mondoñedo é, polo menos ser 13º. No caso do Muimenta o reto é intentar coller a estes dous rivais. Co Mondoñedo xoga na última xornada.

O Santa Comba lidera por primeira vez
A loita polo ascenso na Segunda sur volve estar nun puño de puntos. Novamente hai un triplo empate no liderado, pero por primeira vez co Santa Comba na primeira posición. Hai cinco equipos en catro puntos.
Vimos contando que é a revelación do campionato, ao tratarse dun recén ascendido. O Santa Comba está equiparado este curso en puntos a outros equipos que levan unhas cantas tempadas buscando o ascenso. Xornada a xornada segue confirmando a súa candidatura e, tras empatar co Incio, a igualdade existente permítelle encabezar a clasificación.
O Santa Comba está empatado a 49 puntos co Brollón e co San Roque. Acumula sete partidos sen perder, os dous últimos empatounos.
O Brollón chega con forza a recta final. Leva oito partidos sen perder e catro triunfos seguidos, o último ante o Chantada B por 0-1. O ano pasado quedou ás portas do ascenso e vaino volver intentar. En dez días ten un partido crucial nos Medos co Santa Comba.
Tres empates nos últimos cinco partidos lastraron minimamente o ritmo de puntos que leva o San Roque. Con todo, a xeira sen perder é moi positiva: dez xornadas. Antes da Semana Santa ten dous duelos directos co Paradela e co Becerreá que poden marcar as súas opcións.
A dous puntos do trío de cabeza está o Paradela. Tamén suma catro vitorias seguidas e vive un gran momento de forma. Igual con menos cartel que outros anos logo de baixar algo o nivel o curso anterior, os pupilos preparados por Santi López contan cuns bos números defensivos.
Encaixaron ata o momento 22 goles, ningún na última xornada na que venceron con claridade ao Quiroga e o gardamallas Eros fixo algunha que outra intervención de mérito. Tanto o Paradela como o Brollón son os equipos que menos encaixan do grupo.
Logo do baixón de febreiro/marzo, a última vitoria do Becerreá ante O Páramo (3-2), volveu enganchar ao equipo adestrado por Javi Gómez á parte alta. Levaban unha vitoria nos anteriores cinco partidos, pero agora acumulan 45 puntos e atópanse a catro do trío de cabeza. Nas últimas seis xornadas visitan ao San Roque e reciben ao Ferreira e ao Paradela.
O Ferreira é 6º con 42 puntos. A súa xeira non acaba de ser todo o boa que necesita para pelexar polo ascenso, leva dúas vitorias en 2025. Con todo, está a sete puntos do trío de cabeza e esta xornada visita ao Santa Comba. Se é quen de lograr os tres puntos en Tras do Novo, chegará vivo a unha recta final na que tamén se enfrontará ao Paradela e ao Becerreá.
Zona morna
O empate do Friol co Antas e a vitoria do Palas ante o Lemos B deulle a ambos equipos a tranquilidade suficiente para afrontar o último tramo de competición. Friol (7º) e Palas (8º) teñen 35 puntos.
Na novena praza sitúase un Portomarín que tamén ten pasada a barreira dos 30 puntos. Cos seus 31 actuais, aínda que non matematicamente, case que podería dar a salvación por pechada.
Cantos arrastran?
A situación na zona baixa do grupo sur é similar ao do norte. Ao redor dos 30 puntos podería estar a salvación, sempre condicionada aos equipos que baixen. Neste grupo hai un matiz, a situación da Milagrosa que compite na Primeira Futgal de Vigo. Neste momentos o club de Frigsa ocupa praza de descenso. Ten opcións de salvación, pero no hipotético caso de que chegase a baixar, todo fai indicar que o seu descenso provocaría un arrastre na Segunda sur lucense.
Tendo en conta esa situación máis a do grupo lucense de Primeira, agora mesmo, habería dous arrastres na zona sur.
O décimo é o Antas con 29 puntos e undécimo O Páramo con 28 puntos. Ambos contan con certa marxe, pero aínda non se debería dar por salvados. O Antas quédanlle cinco partidos contra cinco candidatos ao ascenso. Na última xornada xogará o derbi da Ulloa co Palas.
Pola súa parte, O Páramo ten pendente tres enfrontamentos directos que o poderían meter nun compromiso. Non obstante, todo cambia para eles se esta finde son quen de sumar os tres puntos ante o Palas.
Na 12ª posición atópase O Incio. Suma 24 puntos e está puntuando nas últimas xornadas. Ten catro con respecto ao filial do Chantada que xa estaría nesa posible posición de perigo. Empatado co filial chantadés a vinte puntos está a SD Rubián.
O descenso directo é ocupado polo Club Lemos con 19 e un Quiroga máis descolgado con 11. O filial lemista ten tres partidos consecutivos ante rivais directos. Esta finde recibe ao Rubián, logo visita ao Chantada B e despois xoga na casa ante O Incio.
