O tramo final da Segunda: condicionado polos aprazados e os arrastres

A Segunda Futgal está no seu tramo final. Queda menos de 1/3 de campionato, 8 xornadas, algo máis de dous meses de competición porque se mete a Copa Deputación 2025 polo medio e o parón da Semana Santa. Precisamente ese descanso servirá para recuperar os últimos partidos pendentes no norte da provincia.

O Sporting Pontenova – Iberia de Xoves Santo pode marcar o ascenso directo. Xusto a finde anterior xogarase o Iberia – Folgueiro. Logo quedarán só 3 xornadas.

Pola zona baixa, os arrastres volven fomentar a intranquilidade nos clubs. Desta volta, aínda máis na zona sur. É certo que agora a Primeira Futgal fai tapón. Nesa categoría só se produce arrastre nun caso igual que a tempada pasada: descenso dun equipo galego de Segunda RFEF, que arrastra na Terceira a un conxunto que cae para a Preferente e que, a súa vez, poida provocar o descenso dun conxunto lucense. É un caso hipotético, pero que xa se deu o curso anterior ca Mila, aínda que o equipo lucense conseguiu seguir en Primeira por diversos motivos polos que entendían que lles pertencía a praza.

Ao marxe desa hipotética situación, esta temporada, todos os descensos directos da Primeira arrastran na Segunda, a non ser que os equipos da Segunda que se clasifiquen para a promoción, suban. O escenario é diferente porque estes últimos cursos o ascenso dos lucenses na fase estaba asegurado, desta volta as eliminatorias son contra rivais da provincia da Coruña.



No caso de que non ascenda na promoción ningún club lucense, todos os descensos directos ou por un hipotético arrastre dos lucenses da Primeira provocarán unha caída a maiores na Segunda. É dicir, os tres descendidos da Primeira lucense arrastrarían no seu grupo de procedencia e, previsiblemente tamén arrastraría un posible descenso da Milagrosa, que participa no grupo da Primeira de Vigo.

A foto de portada é para Marquiños, o porteiro do Quiroga foi un dos destacados en ‘O Noso 11 A Chaira’ da 22ª xornada, que analizamos a continuación.

O Folgueiro terma do liderado

Un dos grandes partidos da última xornada desputada xogouse en Boa Vista. O líder recibía ao 3º. O Folgueiro igualou co Riotorto (2-2), mantense no máis alto con 47 puntos (a espera de que o Iberia recupere o seu partido pendente) e queda con seis máis gol average a favor con respecto ao Riotorto.



Tratouse duns noventa minutos con alternativas e ocasións para ambos conxuntos. Kiños anotou un dobrete ao pouco de comezar. Logo, os visitantes igualaron antes do tempo de lecer por medio de Coedo e de Carreira. Púxolle algo máis de intensidade o Riotorto no segundo tempo, pero o marcador non se movería.

O Iberia desaproveita a oportunidade ante un Muimenta esperanzador

O equipo de San Miguel de Reinante sucumbiu ante o Muimenta (1-1). Co resultado do Vicedo, o Iberia sabía que podía recuperar o primeiro posto (sen ter en conta o partido que aínda ten pendente de xogar). Non obstante, só sumou un punto e queda momentaneamente a un do Folgueiro, ocupa o único posto de fase de ascenso e conta con cinco de marxe sobre o Riotorto e o Celta Barreiros.

Os locais xogaron ben o seu partido e aproveitaron a gran ocasión que tiveron no primeiro tempo. Jairo Gegunde volveu rescatar aos seus e marcou un gran gol. O Iberia acelerou máis o paso no segundo acto, cun incisivo Dani Prieto pola banda. Pisco empatou á hora de xogo.

O cadro visitante acabou desquiciado coas accións de fóra de xogo asubiadas polo colexiado. O marcador non se movería e o Muimenta sumaría un punto que lle permite manterse con opcións de salvación. É penúltimo con 16 puntos, a tres da Piringalla (posible posto de arrastre, ten un partido menos) e a catro do Mondoñedo (posible posto de arrastre).

O Celta Barreiros curta a xeira de vitorias cun Cabreiros tamén invicto en 2025

Cruzáronse os dous equipos da zona norte que non perderan no novo ano na liga e continúan con ese cometido. Iso si, o Celta Barreiros detivo a xeira de cinco vitorias seguidas ao empatar na Acea (1-1). Sitúase na 4ª posición (igualado co Riotorto, que ten un partido máis) e a cinco puntos dos veciños do Iberia.



O Cabreiros comezou mellor e marcou gol aos dez minutos de xogo. Chema Franco non faltou a cita e sumou o seu 18º tanto no que vai de liga. Foi mellorando o conxunto visitante e xa no segundo tempo empataron por medio de Rocky. Despois, os locais acabaron mellor, pero non lograron o tanto do triunfo.

O Cabreiros é 12º con 28 puntos. Conta con certa distancia cos equipos que ten por abaixo. En concreto, ten oito máis que o Mondoñedo (13º). Está empatado co Guitiriz e o Alfoz e atópase a tres puntos da Candelaria.

Con todo, nun hipotético caso, a 12ª posición tamén podería ser de arrastre. Para iso terían que descender tres equipos da Primeira para a zona norte (existe a posibilidade porque no grupo lucense desta categoría poderían baixar en total catro equipos: os directos máis un arrastre no caso de que un equipo galego descenda de 2ª RFEF e acabe implicando unha baixada lucense na Primeira) e que non suba o conxunto deste grupo que xogará a fase de ascenso.

O único gañador dos sete primeiros foi o Casás

O Casás foi o gran triunfador da parte alta na última xornada. Foi o único dos sete primeiros que gañou. Venceu ao Xermade no Municipal (0-2). Mantense na 5ª posición con 38 puntos, a 8 do posto de promoción que marca o Iberia cun partido menos.

O Xermade tivo ocasións para poñerse por diante. O gardamallas rival Raúl estivo acertado e o marcador non se moveu antes do descanso.

No segundo acto, incrementou o seu protagonismo o Casás, que aproveitou un erro defensivo local para adiantarse por medio de Juan. Puido empatar o cadro local, pero o que chegou foi o segundo visitante a través de Cristian, que serviu tamén para sentenciar o partido.

Pola súa parte, o Xermade queda 6º con 34 puntos, máis afastado da zona alta. Pasa por unha mala xeira de resultados con tres derrotas seguidas.

O Sanci quítalle o cartel de invicto á Mina

Segundo triunfo seguido do Sanci, que se converte no primeiro equipo que leva os tres puntos do campo pontenovés. Superou ao Sp. Pontenova por 1-3. Aínda así, o conxunto de San Cibrao queda cun punto menos que o seu rival. É 8º con 32 puntos.

O cadro visitante xogou un partido moi serio. Amosouse seguro defensivamente e fixo valer a súa calidade na parte de arriba. Adiantáronse cedo cunha condución do esférico de Dani, que lle cede o balón a Bruno Lopes e o dianteiro de 18 anos marca, tras protagonizar unha gran xogada.

Ao volver dos vestiarios, os locais empataron. Álex Costea anotou de penalti. Con todo, o Sanci non cambiou a súa idea e obtivo premio. Mediado o segundo tempo, Borja Mella enviou o balón a dentro da portería cun lanzamento de falta. O partido rompeuse e, no tramo final, Nacho sentenciou logo dunha boa internada pola banda dereita.

O Sporting Pontenova é 7º con 33 puntos. Ten un partido pendente de xogar na Mina co Iberia. Antes desta derrota, levaba na casa sete vitorias e dous empates.

A Candelaria dá un paso de xigante cara a salvación

O equipo da Rúa alcanza os 31 puntos, logo de superar á Piringalla (0-4). Queda 9°, a un punto dos seus veciños do Sanci. Conta con catro de diferenza con respecto a décimo segunda praza.

A Candelaria marcou o primeiro nada máis comezar por medio de Manu. Esta situación provocou que a Piringalla tivera que arriscar máis e os visitantes aproveitaron o contragolpe. Pablo anotou o segundo.

Antes de pasar polos vestiarios, Manu volveu marcar para case sentenciar o resultado. Ao pouco de comezar o segundo acto, Manu completaría a súa gran tarde co terceiro tanto.

Logo deste partido, Marcos deixou de ser o adestrador da Piringalla. Andrés Rodríguez é o encargado de darlle a remuda no campo. O ex adestrador da Comercial e membro do corpo técnico do Racing Villalbés debutou con vitoria na Copa ante o Abadín. O equipo é antepenúltimo, cun partido menos, ten tres máis que o Muimenta (descenso directo) e está a un do Mondoñedo.

milagrosa

O Guitiriz suma tres valiosos puntos e iguala ao Alfoz

Triunfo importante do Guitiriz ante o Alfoz (0-1). Segunda vitoria seguida na casa e terceira dos últimos catro encontros xogados. O partido foi igualado sen moitas ocasións no Suso Cruz.

Os locais conseguiron o gol da vitoria nun erro defensivo visitante por medio de Javi ‘Tanketín’. O cadro alfocense tentou a igualada no segundo tempo, pero con máis corazón ca sentido no xogo.

Ambos equipos quedan igualados na clasificación con 28 puntos. Os mesmos que ten o Cabreiros (12°) e con 8 máis que o Mondoñedo e 9 con respecto á Piringalla (posibles posicións de arrastre).

O Mondoñedo cumpre e alcanza os 20 puntos

Despois de oito partidos sen gañar, o Mondoñedo sumou de tres ante o Cospeito (1-0). O resultado permítelle estar por riba da primeira posición de posible arrastre.

Fixo boa primeira parte o Mondoñedo. Dispuxo de ocasións e non as concedeu ao rival. A pesar diso, o resultado non se movera cando chegou o tempo de lecer.

Na segunda metade, o gol de Javi Álvarez deulle unha vantaxe aos locais, que non foron capaces de ampliar.

Partidos pendentes de xogar na zona norte

Xermade – Sanci (22 de marzo, sábado, ás 16:30 h no Municipal)

Sp. Pontenova – Iberia (17 de abril, Xoves Santo, ás 17:00 h na Mina)

Cospeito – Celta Barreiros (17 de abril, Xoves Santo, ás 17:00 h na Fonte)

Guitiriz – Piringalla (17 de abril, Xoves Santo, ás 17:00 h no Suso Cruz)

O San Roque mantense na cabeza por segunda/terceira semana

Co parón de Entroido e Copa, o San Roque enlaza tres semanas no máis alto da Segunda sur. Iso si, ten 47 puntos e está igualado co Santa Comba, o seu próximo rival esta fin de semana. Os pupilos adestrador por Piru enlazan oito xornadas sen perder. Na última impuxéronse ao Friol (2-1).

O conxunto friolés non saíu de todo metido nos primeiros minutos ante o líder. O San Roque adiantouse rápido. Posteriormente, o cadro friolés sóubese impoñer e logrou o empate.

Con todo, o conxunto capitalino volveu tomalo dominio e xa case que non o soltou ata o final. Volveuse poñer por diante e puido sufrir ante o xogo directo do rival, a quen lle perdoou máis goles ao contragolpe.

O Santa non perde a Comba co líder

A unhas horas de que Tras do Novo acolla O Santa Comba – San Roque, segundo contra primeiro cos mesmos puntos, os locais chegan coa mellor xeira de resultados do grupo; cinco triunfos seguidos. O último foi ante O Chantada B por 1-2.

O filial dispuxo da posesión, pero viuse moi presionado na saída do balón polos visitantes. Con todo, Pablo puxo por diante ao Chantada B. Antes do tempo de lecer, nunha acción a balón parado, igualou o Santa Comba.

No segundo acto, o cadro visitante foi práctico, forzou un penalti e conseguiu o tanto do triunfo.

O filial chantadés ocupa a décimo segunda praza, que podería ser tamén de arrastre dependendo de como se dea a situación na Primeira. Ten por diante ao Antas, a cinco puntos. Por detrás, está empatado co Incio, ten un máis que o Rubián e catro con respecto ao Lemos B que marca o descenso directo.

O Brollón, de novo con opcións aos postos de privilexio ao sumar un +6

O Brollón volveu entrar na pelexa polas primeiras posicións ao gañar nos minutos pendentes ao Ferreira (0-1) e ao superar ao Palas no encontro da vixésimo Segunda xornada (0-2).

Foi outra gran fin de semana de Isma. Marcou o gol da vitoria nos minutos que restaban ante o Ferreira, despois de que os locais gozaran de oportunidades de gol. Ao día seguinte, volveu adiantar aos seus para indicar o camiño da vitoria.

O Palas puido poñerse por diante nada máis comezar, pero o pau evitouno. Pouco a pouco, o Brollón foi incrementando o seu nivel de protagonismo. Isma tamén mandou un balón o longueiro.

Na segunda metade, o dominio local acrecentouse. Castro colocou un bo centro que Isma rematou a gol de cabeza. Pouco despois, Damián nunha gran xogada individual puxo o balon na mesma escadra para facer o 0-2.

Comezou ben o Palas, que tivo a oportunidade de adiantarse cun balón ao pau. Á hora de partido o Brollón marcou e a partir de aí todo foi máis fácil para os visitantes.

O Becerreá distánciase minimamente da cabeza

Con dúas xornadas sen gañar, o Becerreá queda a cinco puntos dos dous primeiros postos. Empatou na casa co Portomarín (2-2).

O Portomarín marcou o primeiro no Municipal por medio de Bilal, que xogou o seu último partido por motivos laborais. Os locais espabilaron no segundo tempo e lograron a remontada momentánea cun dobrete de Kevin. No tramo final, a balón parado, Yeray volveu empatar o partido.

O Portomarín atópase na zona media da táboa con 30 puntos, dez de marxe con respecto a posibles posicións de arrastre.

O Paradela supera os 40 puntos

Con 41 puntos plántase un Paradela que segue na quinta praza, a seis do San Roque e do Santa Comba.Foi moi superior ante o Lemos B (5-0). Tras adiantarse con gol de Albertito, Samos e Romy anotaron cadanseu dobrete.

O filial lemista queda en descenso, a tres puntos da antepenúltima posición.

1/6 para o Ferreira que revitaliza ao Quiroga

O Ferreira perdeu a oportunidade de recuperar postos na táboa. Na mesma fin de semana recuperou os minutos pendentes co Brollón e perdeu. Xogou o partido correspondente co Quiroga e empatou.

O Ferreira controlou maiormente o partido. Púxose por diante no primeiro tempo. Antes do tempo de lecer, o Quiroga igualou por medio de Brian.

Os locais xeraron numerosas oportunidades para gañar, pero sobresaíu Marcos, o gardamallas visitante luciuse con paradas de mérito.

O Quiroga continúa de pechacancelas con once puntos. Está a oito do antepenúltimo.

O Antas suma tres puntos clave pola permanencia

O Antas foi superior dende o inicio ata o final. Venceu 3-0 a un O Páramo que Ainda así, segue con tres puntos máis na clasificación que o seu rival.

O Páramo non foi capaz de poñer en apertos ao rival. Centro de Germán e gol de Besteiro, centro chut de Goleta para o segundo. No segundo tempo, sentenciou o Antas a través de Louzao.

O Rubián vence ao Incio e encarece a salvación

Encontro moi desputado dende principio a fin. No primeiro acto, o Rubián dominou co balón, aínda que O Incio aproveitou algún despiste local para xerar perigo. As ocasións escaseaban no segundo tempo ata que, tras unha xogada trenzada, Álex, que saíra dende o banco, recolleu un rexeite e marcou o gol que lle deu os tres puntos o Rubián. Os visitantes tiveron unha clara para empatar por medio do balón parado, pero a fortuna non estivo do seu lado.

Na clasificación O Incio queda cun puntos máis e o gol average queda empatado.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *