A SD Antas xa é líder e o San Lázaro non perde comba

As ulloáns lideran a táboa da Segunda mentres que o San Lázaro segue de preto o primeiro posto na Terceira.

O PM Friol suma pola vía rápida

Menos de 10 minutos lle levou ao PM Friol adiantarse no marcador no partido a domicilio ante o Bergantiños. Foi Margarida ‘Caniço’ quen, no minuto 8′, adiantaría ás friolesas no luminoso. Xa no 32′, Patricia ‘Galrito’ poría o definitivo 0-2 co que remataría o encontro.

Un partido dominado de inicio a fin polas xogadoras do PM Friol, que gozaron dun senfín de oportunidades de gol mais atopando coa sorte na súa contra e unha porteira facendo unha actuación enorme. Pola súa banda, o Bergantiños apenas tivo un par de chegadas á área friolesa e sen demasiado perigo.

Derrota do CD Lugo ante todo un Sárdoma

O partido das albivermellas, na casa, ante o Sárdoma, foi un encontro moi igualado sen apenas ocasións. Na primeira parte, o balón parado fixo sufrir ao CD Lugo, que encaixaría o 0-1 co que se chegaría ao descanso.



Xa na segunda metade, o CD Lugo mellorou, creando ocasións máis claras. Cando o equipo albivermello estaba mellor e o empate semellaba preto, cometeron un erro na saída dende atrás que lles custaría o 0-2. Aínda co resultado na contra, o equipo non deu todo por perdido e seguiu loitando, facendo uns últimos 15 minutos moi bos, rozando incluso o empate.

O PM Friol B xoga de ti a ti coas líderes

Partido de mérito para o filial friolés ante as líderes da categoría, o Xallas, aínda que de novo sen o premio do resultado.

As friolesas chegaban con moita ilusión a este partido no que se enfrontaban ás líderes e coa espiña cravada do partido da primeira volta, no que perderan malia facer un gran encontro e no que o resultado máis xusto, quizabes, era o empate.



Nesta ocasión o guión foi distinto. Na primeira parte o PM Friol B puido adiantarse no marcador nunha ocasión moi clara de Carla. O campo do Xallas perxudicaba o xogo friolés ao ser moi ancho, o que facilita que as xogadoras locais aproveiten a súa velocidade para facer dano pola banda. Porén, a situación foi solventada grazas a un bo plan de partido e un mellor traballo defensivo. O Xallas apenas tivo ocasións claras en case todo o partido.

O único gol do encontro chegaría dun mal rexeitamento do Friol que Olalla, probablemente unha das mellores xogadoras da categoría, engancharía para por un disparo imposible de parar para a porteira friolesa.

O PM Friol seguiu co seu guion inicial e no minuto 70 intensificou a súa presenza arriba para tentar de facer dano ó Xallas. Así chegou unha ocasión clara de Carla pero o empate non puido darse malia as innumerábeis oportunidades claras de gol que tiveron as friolesas e incluso xogadas bastante discutíbeis que remataron por impedir que o Friol sumara – merecidamente – puntos neste encontro que, quizais, puido incluso gañar.

Magnífico partido das friolesas que deixan ao seu adestrador moi orgulloso do traballo realizado e da evolución que está a ter este equipo, competindo de ti a ti coas líderes e claras candidatas ao ascenso: o Xallas.

O CD Lugo B paga un mal inicio de partido

Derrota a domicilio para o CD Lugo ante o Sporting Burgo por un contundente 5-2. Ás luguesas custoulles moitísimo meterse no partido, condicionadas por un campo de dimensións moi pequenas nas que as albivermellas non eran quen de atopar os espazos e xogar como saben. Iso, unido aos seus propios erros fixeron que esa primeira parte do partido quede para o olvido.



Xa na segunda metade fomos quen de ter máis opcións e o Lugo anotou os dous goles que recurtaban diferenzas e que puideron ser máis. Porén, o Sporting meteuse atrás a defender o resultado o que impedía chegar perigosidade á meta contraria.

O Antas pasa como unha treboada por enriba do Lóstrego

Houbo tormenta pero non foi para o Lóstrego. As xogadoras seoanesas dominaron o partido na casa rematando cun claro resultado a favor: 5-0.

Un bo inicio de partido cunha presión moi alta fixo que o cadro ulloán fora unha ameaza constante para a meta visitante. As ocasións eran contínuas, pero a falta de acerto de cara a portería evitaba que puideran porse por diante no marcador. Un bo centro de Jenny rematou nas botas de Marta, que empurrou o balón ao fondo da rede para abrir o marcador.

Jenny e Iria anotarían tamén na primeira parte para marchar ao descanso xa cun 3-0 no luminoso. Foi Jenny quen, de novo na segunda parte, fixo outros dous goles para rematar cun hat-trick particular grazas a dous golpeos de mérito dende a frontal da área.

Un novo partido de ensoño do Antas para colocalas como líderes da clasificación, dous puntos por enriba das súas inmediatas seguidoras: o AT Villalonga.

A SD Chantada non sae da xeira da derrota

Nova xornada e nova derrota da SD Chantada, que non levanta cabeza. No primeiro minuto o Touro xa anotaba por medio de Nerea e dende ese momento sucedéronse os goles para rematar perdendo 0-11, con 6 goles a favor do Touro antes de chegar ao descanso.

As chantadesas saltaron ao verde cun equipo dunha media de 19 anos e poucos meses adestrando con regularidade. Tempos de transición no Sangoñedo.

Un duro resultado de novo para a SD Chantada que se afunde se coloca como pechacancelas da clasifición con só 2 vitorias e 2 empates en 20 partidos. Porén, a permanencia non está demasiado lonxe. O Bandeira, equipo que marca o límite dos postos de descenso, está a tan só 2 puntos das chantadesas.

O Monte Forte cae contundentemente ante as líderes

O Santiso impúxose con claridade no Luis Bodegas: 0-5. As monfortinas sabían xa que ía ser un partido complicado, e así foi. A lesión de Noa aos poucos minutos de comezar o encontro condicionou os plans de partido e todo o que sucedeu despois.

Aínda que o Monte Forte tivo algunha ocasión na primeira parte, quen soubo aproveitar as súas foi o Santiso. Os problemas só ían medrando para o Monte Forte que, no minuto 60 quedou cunha xogadora menos por lesión e sen ter cambios suficientes. No 70, outra xogadora caeu lesionada o que obrigou ao equipo a rematar o partido con 9.

Sólida vitoria da Milagrosa ante o Órdenes

Partido completametne dominado polas locais (Milagrosa) que en todo momento foron moi superiores ao Órdenes que apenas tivo ocasións. Os goles chegaron das botas de Aurora (38′), Lucía (57′) e Leire (90′) para pechar o encontro co definitivo 3-0.

O San Lázaro lévase con claridade o derbi ante a Comercial

Primeira parte de ti a ti no derbi lugués a pesares de que xa antes do descanso gañaba o San Lázaro 0-1 grazas a un tiro lonxano de Morgan. Porén, o partido estaba moi igualado, con ocasións tamén para a Comercial que chegou varias veces á portería contraria atopando a unha gran porteira baixo paus. Aínda así, a Comercial poría o empate no 37 grazas a un gol de Margarita. Pero de novo antes de chegar ao descanso, Anita anotaría para marchar aos vestiarios con vantaxe para o seu equipo: San Lázaro.

Xa na segunda parte, ao pouco de comezar o San Lázaro meteu outro gol pero a Comercial seguía saíndo ao ataque. O San Lázaro saiu coa idea clara de ter especial coidado nas saídas de balón e non perder o esférico no inicio das xogadas xa que a Comercial apertaban bastante e ben.

O San Lázaro tiña problemas para atopar ás súas xogadoras arriba e tivo a sorte de que un gran disparo dende 30 metros dunha xogadora do Comercial se atopase coa madeira e non coa rede.

O partido desequilibrouse cando a Comercial tívose que quedar con 10 ao pouco de que o San Lázaro anotara o 3º gol dada a lesión dunha das súas xogadoras, Aroa, e a falta de cambios.

Con unha máis, o San Lázaro veuse arriba e xogou moi cómodo, atopando moitos espazos e sabendo aproveitalos.

Os goles de Douaa (69′), Irene Rebolo (85′) e de novo de Morgan (86′) rematarían pechando definitivamente o marcador do encontro: 1-5 cun abultado resultado pero que non é fiel coa realidade dun partido moi igualado.

Demasiadas nubes para o Carballedo

Non foi o día para as guerreiras no Catro Ventos. O partido ante o Cruces non comezou nin ben nin mal, pero mudou ao completo cando se adiantaban as visitantes. Dominando no luminoso o Cruces, ao Carballedo enchéuselle a cabeza de dúbidas das que non conseguían saír coas ideas moi nubaradas, sen que nada fose ao dereito.

Deste xeito, o partido chegaba ao descanso cun 0-4 e moi malas sensacións. Dende o banco, o corpo técnico tratou de mudar o sistema para atopar mellores sensacións, pero tampouco funcionou. O final do partido chegou co 1-7 e coa certeza de ser unha xornada para aprender dos erros e tentar que non volva pasar.

Esta fin de semana o Carballedo para (non ten partido aprazado polo temporal) e viralles ben ás de rosa para recuperar lesionadas e preparar o seguinte partido.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *