#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal #Terceira Futgal

SD Castroverde, a unión como chave do éxito

castroverde

A SD Castroverde xa é de novo equipo da Segunda Galicia despois de batir na penúltima xornada ao Monterroso B. Ascenso e campionato para un equipo moi regular durante toda a temporada que basa o seu éxito na unión do cadro de xogadores.

Xa non é que haxa moitas xornadas na Terceira Galicia grupo sur (24 en concreto) pero ao Castroverde incluso lle vai sobrar a última (xogará no Castro Seoane ante o filial do Antas). O equipo verdiblanco xa conseguiu o ansiado ascenso á Segunda despois do descenso do ano pasado. Bastaron cincuenta e cinco puntos para poñerse á cabeza da categoría. E todo ca unión grupal por bandeira comandados por Fran Veiga que despois do debut nos bancos con descenso, consegue resarcirse do curso pasado.

«Desde un principio propuxémonos devolver o equipo o antes posible á Segunda» afirma o adestrador Fran Veiga quen confesa as metas internas que se propuxeron o cadro de xogadores e o corpo técnico ó longo da temporada: «A principios de ano marcámonos unha serie de obxectivos internos. Por exemplo, nos primeiros cinco partidos contando a nosa xornada de descanso, marcámonos o propósito de facer dez puntos. Finalmente acabamos facendo os doce posibles», afirma Veiga.

A unión, chave no Castroverde

«Nunca tivemos que cancelar un adestramento por falta de xente»



Non obstante, un ascenso nunca é un camiño fácil e, a pesar do curta que se poida facer a categoría por mor dos poucos equipos que hai, houbo momentos complicados como confesa o míster: «Despois do Nadal si que tivemos un baixón en xaneiro. Creo que vernos con once puntos de vantaxe nos fixo baixar un pouco«. Pero, unha vez máis o grupo do Castroverde superou as adversidades. «Fomos un grupo moi unido. Nunca tivemos que cancelar un adestramento por falta de xente», asegura o técnico.

A pesar da liña regular mantida ó longo do curso (só perdeu dous partidos), o ascenso decidiuse nun choque semellante a unha final onde se xogaron o todo ou nada ante o Monterroso B que se atopaba nunha situación similar. Foi un partido intenso, no que os visitantes levaron por momentos o peso do encontro aínda que non crearon grandes ocasións. O enfrontamento decidiuse nos últimos minutos grazas a un penalti transformado por Gabi e a un golazo de Marcos Gemelo de quen o seu adestrador fala marabillas: «para min é un dos mellores xogadores da categoría. Xente que xogou sempre o fútbol por pasalo ben e divertirse. Se xogaran por competir estarían en cotas moito máis altas sen dúbida.»

Ademais de Marcos, destaca Veiga a calidade do cadro de xogadores deste ano, en palabras del «mellor incluso ca o do ano pasado». Cun porteiro como Alberto que o ano pasado xogou no Outeiro en Primeira, o caso de Gabi ou Manu López que aínda que non lle acompañoaron tanto o s goles na segunda volta como na primeira realizou tamén un gran traballo.



Os xogadores do Castroverde celebrando o gol do ascenso

E agora xa toca pensar en novos obxectivos. O concello de Castroverde de preto de tres mil habitantes tócalle agora vivir a Copa Deputación, algo que dende o conxunto verdiblanco sempre foron a competir. «O obxectivo é  facer a competición o mais longa posible. Este anos temos dous puntos en contra. Por un lado o ritmo de competición que non é o mesmo en Terceira ca os dos equipos de Segunda. Por outra parte, que imos estar sobre un mes parados porque xa acabamos a liga esta fin de semana. Iso igual nos lastra un pouco», apunta Fran Veiga.

O actual adestrador, xa tivo a oportunidade de estar tamén como xogador no equipo da Veiga do Olmo. Di que ó ser todos como una familia faino todo máis fácil. «Se eu adestro a un grupo de xogadores cos que non teño moito trato, mándolles dous berros e voume tan tranquilo para a casa; pero a estes mándolles dous berros e despois vou tomar algo con eles. Son todos uns fenómenos e estou encantado de adestralos«, afirma Fran Veiga. E que así siga sendo por moitos anos.

 

SD Castroverde, a unión como chave do éxito

As notas da Segunda e da Terceira

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *