A Terceira encara a súa recta final e faino co Polvorín na primeira posición. O filial albivermello venceu no campo do Silva e aguanta o empuxe do Somozas, segundo clasificado. O Viveiro camiña paseniño, pero con paso firme cara a permanencia. Sumou un meritorio empate diante do Estradense a domicilio. Na Preferente comezou a segunda fase. Sarriana e Lemos empataron a domicilio diante de Dubra e Arteixo, respectivamente, na pelexa polo ascenso. O Ribadeo gañou no Pepe Barrera ao Estudiantil, mentres o Foz perdeu na casa co Laracha e o Escairón fixo o propio diante do Boiro, na loita por manter a categoría. Racing Vilalbés, Residencia e Santaballés gozaron de xornada de descanso.
O Polvorín acadou tres puntos no sempre difícil campo do Silva (1-3).
O conxunto lucense mantén o liderado de Terceira logo de vencer na Grela ao Silva nun bo partido do equipo adestrado por Álex Ortiz. O Polvorín comezou buscando o dominio do balón a pesar do estado do campo e da labor do rival. A defensa de cinco do conxunto coruñés fixo que o filial albivermello buscara o ataque por ambas bandas. Así chegou o primeiro tanto. Un centro lateral foi rematado por Leandro lonxe do alcance de Ríos. Non tardou en chegar o empate, obra de Marcos Gómez de cabeza.
O encontro entrou nunha fase na que o Polvorín non estivo cómodo. O Silva trocou de sistema e aos lucenses costoulles chegar con perigo á área rival. O segundo tanto non chegou ata o minuto 84 cun tanto de falta de Fidalgo, que tras tocar nun xogador rival, remata no fondo da portería. Co cadro coruñés volcado na procura do empate, un balón roubado no centro do campo conduciuno Xabi, que tras salvar ao porteiro, cedeu para que Fidalgo remate a pracer.



O Viveiro foi superior ao Estradense, pero tivo que conformarse co empate (1-1).
Terceiro empate consecutivo e novena xornada sen coñecer a derrota para un Viveiro que camiña con paso firme cara a permanencia. Nesta xornada, no difícil campo do Estradense foi superior ao rival e non tardou en poñer en apretos ao conxunto local. Asier cun remate ao longueiro foi o primeiro en avisar. Pouco despois, nun saque desde o curruncho, Edgar cun gran testarazo desde o punto de penalti fixo o tanto dos mariñáns. Reaccionou o Estradense e Mella estableceu o empate cun disparo desde fóra da área que se colou pola escadra da portería de Manu Cedrón. Na segunda metade foron os de David Páez quen levaron a iniciativa e gozaron das mellores oportunidades. Julián e Do Carmo non estiveron atinados cara a portería nos últimos intres de partido.
A Sarriana empatou diante do Dubra, nun encontro que mereceu máis nos últimos intres (0-0).

Un punto a domicilio para comezar a segunda fase acadou a Sarriana na súa visita ao Dubra, nun encontro no que ámbolos dous conxunto amosaron gran respeto polo rival. A primeira parte foi moi igualada. Os de Edu Rodríguez non estiveron precisos na parcela atacante, pero tampouco sufriron en defensa diante dun Dubra que non xerou excesivo perigo.
Na segunda metade a Sarriana xogou moito máis en campo rival, sobre todo no último treito do encontro e contou con tres ocasións moi claras para marcar. Logrou marcar Pedro López, pero o colexiado anulou o tanto por un dubidoso fóra de xogo de Álex Pérez.
O Lemos araña un punto no campo do Arteixo, un dos grandes candidatos ao ascenso (0-0).
Os monfortinos comezaron a fase de ascenso demostrando que poden competir diante de calquer rival, malia o gran número de baixas coas que afrontaron o choque. O Arteixo, dominador absoluto no seu grupo na primeira fase, levou a iniciativa na primeira metade, pero non se sentiu cómodo ante a presión alta que prantexou o cadro lemista. A mellor ocasión local chegou nun remate de cabeza de Taibo ao que respostou ben Losada. O Lemos reclamou penalti sobre Mauro logo de gañarlle a partido a un central do Arteixo.
Na segunda metade o Lemos tivo unha gran ocasión para gañar o encontro por medio de Dani Arias que detivo o porteiro local. O Arteixo asediou a meta dun Losada imperial, sobre todo nos últimos compases de encontro. Diego Vela, Taibo, Pablo Ramos ou o ribadense Aitor atopáronse con intervencións salvadoras do gardameta monfortino.


O Ribadeo venceu ao Estudiantil nun encontro que se puxo costa arriba na primeira metade (4-1).
Importante vitoria do Ribadeo para comezar a fase pola permanencia diante do que a priori é o rival máis feble do grupo. A sensación non foi esa na primeira metade, na que o cadro santiagués foi quen de adiantarse no marcador cun tanto de Pedro Leis logo dunha contra. O Ribadeo saiu ao encontro con intensidade, pero con certos nervios que aproveitou o seu rival para chegar con certo perigo á portería de Dos Santos. No minuto 40 os visitantes lograron ampliar diferencias no marcador logo dunha falta lateral, pero o colexiado invalidou o tanto ao sinalar un dubidoso fóra de xogo. Do que puido ser o 0-2 pasouse ao 1-1. Ao borde do descanso Diego Hermida recolleu un rexeite logo dun córner e colocou o balón axustado ao pao lonxe do alcance de Álvaro.
Na segunda metade o Ribadeo non tardou en poñerse por diante no marcador. Un erro na saída de balón dos visitantes rematou co balón nas botas de Jacob que definiu ben. Tan só tres minutos despois Pedro Leis deixou aos seus en inferioridade e con só dous xogadores de refresco, o Estudiantil acusou o cansanzo no último tramo de encontro, feito que aproveitou o Ribadeo para sentenciar. Dúas xogadas a balón parado remataron con tantos de Dapo e Diego Núñez que serviron para pechar unha goleada demasiado abultada para o visto ao longo dos noventa minutos.
Mazazo para o Foz ao caer no Martínez Otero diante do Laracha (1-2).
O conxunto mariñán sufriu unha cruel derrota nun encontro no que puido marchar ao descanso cunha ampla vantaxe no marcador. Diego Chao marcou para o Foz cumprido o primeiro cuarto de hora de encontro e os de Gayol tiveron dúas claras ocasións para facer o segundo, pero non estiveron atinados na definición. Na segunda metade o Laracha tivo máis o balón, aínda que non xerou excesivo perigo ata os últimos intres de encontro. De tódolos xeitos, a falta de escasos minutos para o final, Gonzalo a piques estivo de facer o segundo, que sería definitivo. A sorte non sorriu aos focenses, que viron como a afección respondeu de xeito masivo á chamada do club neste momento decisivo da temporada. E no desconto os visitantes remontaron o encontro. Primeiro nunha xogada desafortunada na que Ángel rematou anotanto na súa propia portería e na seguinte xogada Jhony fixo o segundo.

O Escairón sucumbiu no Municipal diante do Boiro (0-2).
Non puido sumar o Escairón na primeira xornada da fase pola permanencia diante dun Boiro construido para acadar metas máis ambiciosas a comezos de temporada. O encontro comezou igualado no primeiro cuarto de hora, con achegamentos a área rival por parte dos dous conxuntos. Os visitantes, pouco a pouco, foron collendo o temón do partido e lograron adiantarse cun disparo desde a frontal de Felipe. Os de Luis Carro tiveron ocasións para marchar ao descanso cunha vantaxe maior, pero non estiveron atinados cara a porta.
A segunda metade seguiu o mesmo guión, pero o Boiro acusou certa relaxación e o Escairón buscou o tanto do empate sen éxito. A falta dun cuarto de hora para o final Astray definiu cun tiro cruzado dentro da área ante o que nada puido facer Álex Ávila.