Hai mes e medio, o ariete do Paradela Adrián Regueiro López ‘Romy‘ (10/08/1996, Paradela) caía lesionado sobre o céspede do Gandarón. O último pichichi da Segunda Sur mancouse no cóbado na xornada 3. Unha luxación de cóbado ía ter parado a Romy durante tres meses, aínda que ao final foron tan só 6 xornadas. O pasado domingo voltou gozar de minutos co seu club, na xornada 10 do campionato.
Porén, o infortunio cebouse co dianteiro no Catro Ventos de Carballedo. Aproximadamente 78 minutos despois do seu retorno, Romy disparou a portería e, cando soltou a perna, o lateral da súa canela impactou contra un defensa. Cando estaba no chan, o atacante xa se decatou de que non podía mover a perna cara dentro, e non daba crédito. Rompera a tibia.
O atacante estará agora afastado dos terreos de xogo, en principio, tres meses: un con escaiola e dous de recuperación.
FUTBOLINLUGO: Se non querías caldo, toma dúas boas tazas.
ROMY: A verdade é que si. Tanto unha lesíon como a outra viñeron de dúas accións totalmente fortuitas, nin disputas fortísimas nin nada… pero bueno. Se algo quero destacar do outro día é o trato da xente do Carballedo, que me trataron moi ben, preocupándose en todo momento, axudáronme a meterme no coche…
«Prefiro romper as pernas corenta veces antes que luxar o cóbado».
FUTBOLINLUGO: Hai xa diagnóstico e pronóstico confirmado nesta ocasión?
ROMY: Si, rotura limpia da tibia. En principio un mes con escaiola e dous de recuperación. Pero cando cheguei ao Polusa estaba alí o capitán do Becerreá, Jesu, e xa quedei con el en darnos unhas patadas cando xoguemos contra eles sen problema. Hai que tentar acurtalo o máximo posible.
FUTBOLINLUGO: Fai un mes falabas que un dos primeiros pensamentos era voltar canto antes. Que pensaches nesta ocasión?
ROMY: Non daba crédito. Houbo momentos de incredulidade e de desesperación ao mesmo tempo. Chorar, os compañeiros coidándome e animándome… non daba crédito.
FUTBOLINLUGO: Sentiches moita dor?
ROMY: Prefiro romper as pernas corenta veces antes que volver luxar o cóbado. Sen lugar a dúbidas.
FUTBOLINLUGO: Pasado o susto, como te atopas e en que pensas hoxe?
ROMY: Sendo sincero, estou dolorido. Téñenme que axudar a vestir, a duchar, no traballo déronme todas as facilidades pero teñen que coidarme tamén. Ao fin e ao cabo, veste moi limitado, pero teño moitas gañas de voltar canto antes.
«Se podo andar, correrei. E se podo correr, adestrarei.»
FUTBOLINLUGO: Aínda por riba, co teu equipo nunha situación delicada.
ROMY: Este ano tivemos unha praga de lesións incrible. É un ano histórico para o Paradela, porque gañamos a súa primeira Copa Deputación e xogamos por segundo ano consecutivo a fase de ascenso á Primeira, pero levamos tempo moi limitados. Albertito lesionouse a pasada pretemporada en Portomarín, Diego despois, eu estiven mermado muscularmente… aguantamos como podemos. Alejo luxou un xeonllo, Diego de Samos estaba tocado… e aínda así gañamos a Copa sendo unha piña. A día de hoxe vai un tercio de temporada, estamos a nove puntos do quinto clasificado, e o único que nos queda é dar o máximo en cada adestramento e saír a gañar cada domingo.
FUTBOLINLUGO: O difícil este ano vai ser igualar os rexistros individuais do ano pasado. Ves algún candidato para arrebatarche o «pichichi»?
ROMY: Si, aínda que os meus números foron «rara avis». Este ano intentarei axudar como poda, se non é con goles será con traballo. Se nun mes me quitan a escaiola e podo andar, correrei. E se podo correr, adestrarei. Por rexistros, Mario do Oural leva 13 goles, Alberto Buján é para min o mellor dianteiro da categoría… penso que son os dous claros favoritos para min.