#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Rares foi titular por primeira vez en Terceira co Racing

A décima xornada da Terceira non estivo do lado dos equipos lucenses. Só o Polvorín e o Racing Villalbés conseguiron puntuar. Fixérono por medio dun empate en cadanseus partidos. Aínda así, a fin de semana deixou a primeira titularidade de Rares co primeiro equipo do Racing. E máis protagonistas nos #LucensesNaTerceiraGalega.

Primeiro marcar, logo titular:

Dez xogadores da provincia participaron no duelo da Porta Santa entre o Paiosaco e o Racing Villalbés. Coa primeira titularidade para o xuvenil Rares Mezdrea. O futbolista vilalbés xa sabe o que marcar en Terceira (fíxoo o curso anterior) e xogar minutos nesta tempada. Pero foi a primeira vez que saíu no once inicial do conxunto chairego. O Racing igualou a dous goles. López marcou o seu segundo en toda a traxectoria como xogador sénior racinguista. Cuadrado sumou o seu quinto gol da tempada. Entre el e Santi Gegunde suman dez goles. A parella lucense só é superada en número de goles en toda a categoría pola do Somozas formada por Pablo Rey e Luis Nuño.

Os triunfadores:



O Somozas volveu ao camiño da vitoria ante o As Pontes. Venceu pola mínima e tivo maior presenza Aldán Naval. Entrou xa o comezo da segunda metade. O viveirense entrou no campo xunto con Alberto Novoa. Substituíron a David Rojo e a Juan Martínez. O cadro de Ferrolterra conseguiu o gol da vitoria precisamente no segundo acto.

O Fabril tamén foi un dos triunfadores da xornada co seu triunfo en Fisterra. Venceu pola mínima (1-2) con Diego Villares xogando todos os minutos. No conxunto local Ramón volveu ser titular. Enlazou o seu cuarto encontro seguido baixo paus.

O Silva conseguiu a segunda vitoria da tempada antes de visitar ao Vilalbés. Xusto xogou todo o encontro como titular ante o Arzúa. No cadro arzúan ningún dos lucenses foi da partida. Álex Vázquez entrou no minuto 70. Brais Prieto non tivo minutos. E Pedro Delgado non puido xogar por cumprir o seu segundo partido de sanción. Aínda lle queda un máis. O duelo foi arbitrado por Jesús López Fernández. O colexiado estivo asistido por Adrián López Bermúdez e Gabriel Polo Fraga.



O partido con máis lucenses:

Catorce lucenses participaron na derrota do Viveiro ante o Bergan. Volveron ter minutos os xuvenís Luis Pernas e Xoel Trasancos. Os dous por segunda vez na tempada. A participación de Xoel é por segunda xornada seguida. O monfortino Iago volveu á convocatoria do cadro de Carballo aínda que non dispuxo de minutos. As condicións do campo e o resultado favorable permitiron que Iago non forzase. Non obstante, o central xa adestra co grupo que prepara Lemos.

Catro xogadores da provincia no Polvorín 0-0 Estudiantil. Ángel Fraga repetiu titularidade e o capitán Marcos González entrou no segundo tempo.

Empates lucenses no sur:

No grupo B non gañou ningún dos seis primeiros clasificados. E nesas posicións camiñan os equipos que contan con lucenses nos seus cadros de xogadores. O Arousa mantese de líder. Empatou sen goles ante o copeiro Ribadumia. Martín López Ross volveu ser da confianza de Rafa Sáez e xogou todo o encontro.



Non aproveitou o resultado o Arenteiro. Os pupilos de Fran Justo seguen na segunda praza. Igualaron tamén a un gol ante o Rápido de Bouzas. O vilalbés Víctor Eimil foi convocado pero non gozou de minutos. O encontro do Espiñedo tivo trío lucense. Iván Abel Bruzos dirixiu o encontro asistido nas bandas por Alberto Blanco Méndez e Jesús Adán Gallego.

Pola súa banda, o Choco é quinto clasificado e empatou o seu cuarto encontro seguido. Non foi da partida Alberto Suárez. O mediocentro lucense non puido xogar por molestias físicas. Probablemente sexa baixa ata o inicio do 2020. O ‘6’ era un dos fixos do once de Gonzalo Fernández.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *