#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Racing Vilalbés B e Castroverde lideran en solitario a Terceira

O filial do Racing Vilalbés é o líder do grupo norte de Terceira Autonómica logo de golear ao Nuevo Nausti no derbi. O Mondoñedo, que gañou no campo do Matela, é segundo. No grupo sur, o Castroverde gañou no choque de cabeza fronte ao Rubián e o Quiroga alcanzou a segunda praza logo sacar os tres puntos folgadamente no campo do Relámpago Taboada.

grupo norte

Un gran Racing Vilalbés B golea no campo do Nuevo Nausti (0-6). O conxunto adestrado por Iván Lamas realizou un encontro moi serio nun campo difícil e antes do minuto dez xa contara con claras ocasións de gol. Non tardou Samu en abrir a lata e, antes do descanso, Gabri fixo o segundo. Na segunda metade o Racing Vilalbés B continuou sendo moi superior ao Nuevo Nausti e Diego Ferreiro, en dúas ocasións, Samu e Reda completaron a goleada. Unha falta preto da escadra foi a mellor ocasión para o conxunto local.

O Mondoñedo remontou no campo do Matela e xa é segundo (2-4). Comezou moi ben o Matela, realizando os mellores minutos da temporada e foi quen de adiantarse por medio de Pedro. Costoulle ao Mondoñedo entrar nun encontro que logrou igualar por medio de Denis. Ao cadro local pesoulle o empate e cedeu diante do empuxe mindoniense. Javi Álvarez deulle a volta ao marcador e xa no segundo tempo Vázquez e Barreira sentenciaron o choque. Joni recurtou diferencias preto do final.

O Catro Roldas segue invicto tras derrotar ao Abadín (4-2). Encontro condicionado polo forte vento. O conxunto local adiantaouse cun bo gol de Moha, pero o Abadín reaccionou de contado cun tanto de Noe. Na segunda metade foron os de David Lorenzo quen voltaron poñerse por diante cun gol de Santi desde a frontal. A boa defensa local evitou o empate ante o minuto 72. Regueira errou un man a man diante de Carracedo, fundamental no triunfo dos de Román e Cobas puxo por terceira vez por diante ao Catro Roldas nunha xogada protestada polo Abadín ao considerar que existiu falta previa. Moha fixo a sentencia, nunha tarde na que Samu foi protagonista con catro asistencias de gol.



Primeiro triunfo da Comercial B diante dun Rioaveso que chegaba segundo (2-1). Comezou mellor o filial da Comercial, que levou a batuta na primeira media hora, aínda que sen acerto de cara a portería. Os de Manuel Veiga deron un paso adiante e foron quen de marchar a vestiarios por diante gracias a un bonito gol de tacón de Fran. Na segunda metade os de Miguel Fernández empataron a falta de vinte minutos desde o punto de penalti. Preto do final, Pedride cun golazo desde o borde da área obrou a remontada. O Rioaveso tentouno ata o final gozando de claras ocasións de gol, aínda que sen acerto.

O Cazás araña un punto na visita a Trasvías diante dun bo Celeiro (1-1). Partido serio do cadro viveirense, que viu como o Cazás foi lixeiramente superior nunha primeira metade na que non se viron grandes ocasións de gol. Os de Martín Rodríguez tentaron adiantarse na reanudación e contaron con boas ocasións para facelo, pero a boa tarde do gardameta Fernando evitouno. Non puido facer nada nun saque de esquina que rematou Ceas. Puido empatar o Cazás desde o punto de penalti, pero López detivo a pena máxima, sétima en contra para o Celeiro nesta campaña. Na seguinte xogada, Bruno non perdoou e fixo o empate.

grupo sur

O Castroverde sae reforzado logo do triunfo fronte ao Rubián (2-1). Os de Fran Veiga son líderes en solitario ao saír vitoriosos dun encontro moi igualada fronte ao Rubián. O cadro local adiantouse cun tanto de falta e nun córner mal defendido os de Senén López igualaron a contenda. Na segunda parte a igualdade acentuouse. Os visitantes erraron un penalti e un man a man, mentres que o Castroverde transformou o penalti ao seu favor, moi protestado polo conxunto rival.



O Quiroga xa é segundo despois de golear ao Relámpago Taboada (1-7). Encontro condicionado polas condicións meteorolóxicas. O Quiroga levou a iniciativa e adiantouse axiña cun tanto de Pollo. Chegou axiña o empate cun golazo de Iván desde preto do medio campo. O acerto do Quiroga acentuado pola presenza na portería do Relámpago dun xogador de campo pola ausencia do gardameta habitual fixeron que o marcador ao descanso fora 1-4. Na segunda metade chegaron tres tantos máis por parte do Quiroga, onde debutaron dous xogadores cadetes. O Relámpago realizou o mellor encontro da temporada e viuse penalizado polas baixas.

Segundo triunfo consecutivo do Palas diante dun Páramo irregular (2-0). Dominio local nun encontro con escasas ocasións de gol. O Páramo apenas inquedou a porta do Palas, agás a balón parado. Os de Brais Vázquez adiantáronse no ecuador do primeiro tempo cun gol de Viña. A sentencia non chegou ata o minuto 90, obra de Samu.

O Incio súmase aos candidatos a ocupar os postos de privilexio logo de vencer no campo do Bóveda (2-3). O encontro comezou moi costa arriba para o Incio. Mike e Fer puxeron por diante ao Bóveda diante dun rival que acusou as numerosas baixas. Julio Corral reformulou o seu equipo no descanso coas entradas de Isma e Jano e o Incio foi quen de darlle a volta ao marcador nun segundo tempo completamente distinto.

O Sober tiña o encontro no peto, pero sumou un só punto diante do Taboada B (1-1). Comezou moi ben o Sober que foi superior ao seu rival na primeira media hora de xogo. Nun penalti protestado polos visitantes, Martín adiantou ao Sober. Co marcador a favor, os de Iban Lagoa deron un paso atrás e cederon o dominio ao filial do Taboada. Co paso dos minutos os de Dani Ríos foron cada vez máis arriba e gozaron de boas ocasións para empatar, aínda que sen éxito. No minuto 93, un penalti a favor do Taboada B rematou coa boa parada do gardameta Sierra, pero cando xa se festaxaba o triunfo en Centeás o balón marchou das mans do porteiro para dentro da portería.

Monterroso B e Santa Comba protagonizaron un vibrante encontro con seis goles (3-3). A primeira metade foi de dominio visitante. O filial monterrosino tardou moito en entrar no partido, pero cando mellor estaba chegou o tanto do Santa Comba, obra de Jorge de penalti. A segunda metade resultou máis igualada e os de Ángel Merino puxeron terra de por medio cun gol de Asier. O Monterroso B, lonxe de virse abaixo foi a polo partido e en dous minutos logrou empatar con goles de Carlos e Samuel. O Santa Comba volveu poñerse por diante cun tanto de Leandro e Yoni, de penalti, estableceu o definitivo empate. O encontro deixounos malas novas en canto a lesións. Suizo e Sergio, xogadores do Monterroso B, tiveron que deixar o campo con sendas lesións de rodilla, mentres que Álvaro, do Santa Comba, terá que pasar polo quirófano por mor dunha lesión nun ombro.



Racing Vilalbés B e Castroverde lideran en solitario a Terceira

Navia sabía o camiño da primeira vitoria

Racing Vilalbés B e Castroverde lideran en solitario a Terceira

A Porra de Futbolinlugo, 7

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *